Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2019 | Actualizada ás 19:57
Unha profesora de sexto Primaria do colexio concertado Compañía de María de Ferrol atópase ingresada desde o pasado xoves no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) por unha presunta enfermidade meningocócica, de corte bacteriano.
A dirección do centro educativo, unha vez que se tivo constancia do caso, convocou aos pais e nais a unha reunión que se celebrou na mesma tarde do xoves, na que se informou do protocolo de actuación facilitado por Sanidade.
Segundo o texto, o contaxio só se produce cando existe "unha relación moi intima" e "só un número moi pequeno de persoas en relación estreita cos portadores da infección desenvolven a enfermidade meningocócica". Por iso, os alumnos non teñen que tomar ningún medicamento nin antibiótico, nin tampouco cambiar "a súa rutina".
Así mesmo fontes consultadas trasladaron que se aplicou quimioprofilaxe tanto á ingresada como á súa contorna familiar, dado que este tipo de casos, en termos xerais, se estenden por contacto con persoas expostas a secreciones orais.
Nun primeiro momento a docente foi ingresada no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, pero a finais da pasada semana foi trasladada ao centro público situado na cidade da Coruña.
A enfermidade meningocócica é unha infección producida por unha bacteria, o meningococo, que produce unha meninxite cando infecta as meninges cerebrais. Cando invade o sangue e se disemina por todo o organismo pode producir un cadro máis grave, chamado sepsis.
Os síntomas que produce son moi variados pero, en xeral, o comezo é repentino, con febre, dor de cabeza intenso, náuseas, vómitos, rixidez de caluga e, frecuentemente, manchas na pel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.