Hai máis radon no rural ou na cidade? En pisos ou casas? En edificacións de pedra ou de formigón?

O Galicia Confidencial fala co catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC e director do Laboratorio de Radón de Galicia, Alberto Ruano Raviña, para dar resposta a estas cuestións.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/12/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

É moito xa o que se leva falando sobre os perigos para a saúde que ten o radon, relacionando directamente a súa exposición co aumento do risco de padecer cancro de pulmón. Sen embargo, despois da posta en marcha da estratexia galega pioneira a nivel nacional Reduce Radón, presentada o pasado día 7 de novembro, dende o Galicia Confidencial quixemos falar co catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director do Laboratorio de Radon de Galicia, Alberto Ruano Raviña, para que nos conte máis pormenorizadamente cales son as infraestruturas galegas máis susceptibles de albergar altas concentracións de radon. Hai máis radón na cidade ou no rural? En edificios altos ou en vivendas unifamiliares? En casas de pedra ou en construcións de formigón? O experto danos a resposta a todas estas e moitas outras cuestións.

O catedrático de Medicina Preventivo e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano
O catedrático de Medicina Preventivo e Saúde Pública da USC, Alberto Ruano | Fonte: UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA - Arquivo

A primeira pregunta que pode xurdir é: que fai que Galicia teña unha das maiores concentracións de radon de Europa no seu territorio? A explicación a isto atópase no subsolo, nas rochas que compoñen a xeomorfoloxía da nosa terra. "O subsolo galego ten moito granito, un material que contén moito uranio, elemento do que precisamente provén o radon", explica Ruano Raviña. Con todo, apunta a que "hai unha distribución desigual dese radon en Galicia que se debe a que non toda a comunidade é homoxénea xeomorfoloxicamente falando nin en canto á cantidade de uranio que hai no seu subsolo". Dentro desa variabilidade, dende o Laboratorio de Radon de Galicia puideron determinar, por exemplo, que a provincia de Lugo é a provincia galega menos afectada polo radón, porque conta con menos substrato granítico que as demais. Ademais deste factor, tamén entran en xogo outros, pero podería dicirse que o substrato xeolóxico sobre o que se asentan as viviendas e os lugares de traballo é o que verdadeiramente máis inflúe sobre a concentración de radón que estes albergan no seu interior.

"EN XERAL, SABEMOS QUE A MEDIDA QUE SUBIMOS EN ALTURA VAI HABER MENOS RADON, PERO TEMOS ATOPADO ALTAS CONCENTRACIÓNS EN CUARTOS PISOS"

Entre os demais factores, o catedrático da USC fai fincapé noutro moi importante: a distribución en altura das vivendas galegas. "Galicia é unha terra moi rural, polo que conta con moita vivenda unifamiliar, dispersa e máis pegada ao terreo" e, en consecuencia, "conta tamén con maior probabilidade de que as súas vivendas teñan concentracións elevadas de radon", asegura. E compara o caso de Galicia co doutra comunidade que tamén ten elevadas concentracións de radón nalgunhas zonas: Madrid. Cal é a diferenza? "Na Comunidade de Madrid hai moita máis edifición en altura, polo que o problema co gas radon vai ser menor", explica Ruano. Sen embargo, tamén fai un chamamento á calma, pois "iso non quere dicir que necesariamente todas as casas feitas sobre zonas nas que hai moito radón teñan un problema, nin moito menos", porque "é perfectamente posible facer vivendas con moi pouco radon nas que este gas non supoña un perigo para a saúde humana a pesar de estar en zonas que emanan moito radon do subsolo". Cal é a clave? Cumprir a normativa de edifición vixente.

E é que, en función de se esta se cumpre ou non, a chegada do radon a determinadas alturas é moi variable. "En xeral, sabemos que a medida que imos subindo en altura vai habendo menos radon", asegura o director do Laboratorio de Radon de Galicia. Con todo, tamén concede que "observamos en certos estudos realizados en Galicia que pode haber concentracións de radón relativamente elevadas mesmo nun primeiro ou nun segundo piso, ata nun terceiro ou cuarto nos temos topado con elevadas concentracións, porque chega moito radon do subsolo", aínda que "non é o habitual, o habitual é que a concentración vaia diminuíndo". Así mesmo, tamén apunta a outro caso pouco frecuente, pero que se dá nalgúns lugares: o 'efecto sifón'. "Atopámonos ás veces con que no último piso dos edificios é onde hai unha concentración máis elevada de radon, porque este foi subindo polos ocos que se atopou, xa sexa polo do ascensor ou o das escaleiras, e, ao final, acumulouse na última planta", apunta o experto, que insiste en que non é o habitual.

Sistema de mitigación do gas radon aplicado nunha vivenda rural galega
Sistema de mitigación do gas radon aplicado nunha vivenda rural galega | Fonte: Pol, R., Rodríguez, R., Quindós, L. S., & Fuente, I. (2021). Measurement and Mitigation of Radon Concentration in a Traditional Dwelling in Galicia, Spain. Atmosphere, 13(1), 14. MDPI AG. - Arquivo

"ESPAÑA CHEGOU CON 13 ANOS DE RETRASO Á IMPLEMENTACIÓN DE MEDIDAS DE PROTECCIÓN FRONTE AO RADON NO SEU CÓDIGO TÉCNICO DE EDIFICACIÓN"

Botando a vista atrás, cando comezou a tratarse o radon como un problema de saúde pública? Ruano Raviña explica que o radón é considerado un carcinóxeno humano dende o ano 1988, cando así foi declarado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Xa un ano antes, no 1987, a Axencia de Seguridade Ambiental Norteamericana o declarara como tal. Posteriormente, fixéronse toda unha serie de estudos e investigacións, primeiro centrados nos mineiros e, seguidamente, na poboación xeral. En concreto, no 2005 publicouse un deses estudos realizados sobre a poboación xeral no que participou o Laboratorio de Radon de Galicia no que se realizaban medicións sobre 21.000 europeos. "Aí vimos claramente que había unha relación dose-resposta entre a concentración de radon e o risco de padecer cancro de pulmón, unha relación liñal: canto máis radon, máis risco de padecer cancro de pulmón", lembra o catedrático da USC. Un ano despois da publicación destes resultados, no 2006, España publica un novo código técnico de edificación no que, a pesar da insistencia dos expertos por incluír a protección fronte ao radon nas vivendas como algo obrigatorio, non se incluíu.

Tiveron que pasar outros 13 anos, ata chegar ao ano 2019, para que se incluíse ese requisito nas vivendas, e fíxose por mandato dunha directiva europea que se publicara con anterioridade, no 2014. Esa directiva europea reflexa a monografía de radon publicada pola OMS no 2009, na que tamén participaron na elaboración os profesionais do Laboratorio de Radon de Galicia, aportando os resultados do estudo realizado xa no 2005. Concretamente, foi no 2006 cando comeza un proxecto internacional no que participan varios científicos de toda Europa para producir esa monografía na que a OMS establece uns niveis de referencia máximos. Empregando esa monografía a Unión Europea publica a súa directiva no 2014 e fixa un máximo de 300 bequerelios que non se podería superar nin en vivendas nin en lugares de traballo. Como vemos, "todo isto ten un longo percorrido ao que España se sumou tarde", lamenta Ruano que, con todo, concede que isto tamén pode ter o seu lado bo: "Agora xa sabemos moi ben o que hai que facer fronte ao radon, como medilo, como reducilo e que políticas se poden desenvolver, polo que xa non nos colle desprevidos". "Só se trata de copiar o que fan ben noutros países e adaptalo á nosa contorna e ordenamento xurídico", asevera.

"HAI UNHA RELACIÓN DIRECTA ENTRE O NIVEL DE RADON E A ANTIGÜIDADE DA CASA, POLO QUE DEBERÍAN SER OBRIGATORIAS MEDICIÓNS NAS TRANSMISIÓNS"

Agora ben, tamén é innegable que chegar tan tarde á implementación de requisitos técnicos específicos para reducir a concentración de radón nas vivendas fixo que dende ese código técnico do ano 2006 ata o do 2019 se seguisen construíndo vivendas sen proteción específica. A iso habería que sumar o feito de que en Galicia a maior parte das vivendas, sobre todo nas zonas rurais, contan con moitos anos de antigüidade. Como destaca Ruano, "a vivenda en Galicia case na súa totalidade está xa construída ou é moi antiga, sobre todo nas aldeas, ademais de haber moita casa que foi feita pegada ao chan" e "hoxe sabemos que tamén hai unha relación directa entre a concentración de radon e a antigüidade da vivenda". É por iso que, como unha forma de poder protexer tamén esas vivendas, o catedrático da USC e outros investigadores do ámbito pediron cando se fixo a trasposición da directiva europea en España "que se establecese a obrigatoriedade de realizar medicións de radon cando houbese transmisión de vivendas". Isto asegura que "é algo que xa se fai noutros países e que non resulta excesivamente custoso", á vez que "é unha maneira de ir reducindo a concentración de radon na vivenda existente de xeito progresivo". 

Para facilitar aínda máis a imposición desta medida, Ruano concede que "mesmo se podería facer unicamente obrigatoria esta medición naquelas vivendas localizadas en zonas de risco ou nas vivendas unifamiliares ou nas vivendas en transmisión de planta baixa ou ata o segundo piso de altura". As opcións son múltiples, pero calquera delas axudaría a "asegurarnos de que progresivamente se vai medindo a concentración de radon nas diferentes zonas de Galicia e, en consecuencia, tomándose medidas para reducila no interior das vivendas". Como exemplo, o director do Laboratorio Radon en Galicia apunta a outros países nos que xa se implementaron vías de actuación cando se dá esa transmisión de vivenda: "No Reino Unido contan co que chaman o 'bono de radon', que consiste en que, á hora de mercar unha casa cun prezo fixado, hai unha cantidade que non se paga, entorno aos 2.000 euros, que se destina a que o novo propietario poida solucionar os problemas de radon na casa". "É unha maneira como moitas outras de incentivar e, ademais, sen coste para a Administración", expón Ruano.

"A LITERATURA APUNTA A QUE O MATERIAL DAS VIVENDAS INFLÚE ATA NUN 20 % DA CONCENTRACIÓN DO RADON, PERO HAI CASOS NOS QUE PODE INFLUÍR MÁIS"

Ao preguntarlle polo tipo de materiais máis susceptibles de deixar penetrar o radón ao seu interior, o catedrático da USC asegura que "a literatura apunta a que o material co que están construídas as edificación inflúe, como moito, ata nun 20 % da concentración de radon interior", pero tamén concede que "sabemos que, en determinados casos, o material pode influír un pouco máis, sobre todo cando nos atopamos ante edificios antigos". En concreto, explica que "un edificio de pedra antigo está feito cunha pedra que xa non está tan ben tratada como a pedra actual, máis basta e con moitos ocos e gretas, polo que presenta unha maior superficie de emanación deste gas que se está transproducindo dende a pedra". É neses casos de casas típicas das aldeas do rural galego que todos podemos ter na mente nos que pode haber unha maior concentración de radon, pero "non tanto polos materiais en si, senón pola antigüidade dos mesmos", apunta Ruano. De feito, si que hai certos materiais sobre os que, a través de estudos, se viu que poden influír máis que outros na concentración do radon, pero o experto asegura que "son materiais que xa de por si non se adoitan empregar para construír en Galicia".

Tendo en conta todos os factores anteriormente mencionados, significa iso que as vivendas das zonas rurais teñen maiores concentracións de radon que as das cidades? Aínda que habería que matizala, a resposta inmediata é 'si', fundamentalmente pola altura das edificacións. Ruano explica que "en Galicia, actualmente, o concello de Vigo é o que conta con máis medicións de radon a nivel municipal, máis de 600, e iso permitiu que nos désemos conta de que hai máis radon nas zonas das aforas do municipio, nos barrios máis lonxanos, que no casco urbano, basicamente por unha cuestión de altura, porque no centro da cidade os edificios teñen máis plantas"; mentres que, "na cidade da Coruña sabemos que hai máis radon na Zona Vella, na Cidade Xardín e na Zapateira, tres zonas que contan con vivendas de menor altura e, no caso da Cidade Vella, tamén con construcións máis antigas".

"AGORA A MEDICIÓN DESTE GAS ESTÁ ALTAMENTE REGULADA, TANTO EN POSTOS DE TRABALLO COMA EN CASAS, E DÉBENA FACER LABORATORIOS ACREDITADOS"

Chegados a este punto, moitos vos estaredes preguntando como se mide o radon. Ruano afirma que "agora mesmo a medición deste gas está altamente regulada". Dende o pasado verán xa é obrigatorio medir o radon na planta baixa e rasante de todos os lugares de traballo. Nestes casos un laboratorio acreditado pola entidade nacional de acreditación, como é o caso do propio Laboratorio de Radon de Galicia, coloca un detector que debe permanecer tres meses no posto de traballo. Pasado ese tempo, pódese obter unha concentración de radon anualizada. No caso dunha vivenda de nova construción, tamén é obrigatorio realizar este tipo de medición da man dun laboratorio acreditado.

O procedemento para demostrar que a concentración de radon no lugar é baixa e non supón un perigo para a saúde dos inquilinos é semellante ao empregado nos lugares de traballo. Sen embargo, Ruano concede que tamén hai outro tipo de medidores de radon que se colocan durante menos tempo, pero "nós non os recomendamos nin están recollidos na normativa, porque como hai unha gran variabilidade diaria na concentración do radon poden causar sensacións de pánico se se observan picos de 400 ou 500 bequerelios, cando, en realidade, a concentración media anual pode ser de 100". "En calqueira caso, a única medición válida legalmente en lugares de traballo é a medición de tres meses por parte dun laboratorio acreditado", afirma o experto.

"TAMPOUCO HAI QUE XERAR ALARMA SOCIAL SOBRE O RADON, SÓ SER COÑECEDORES DE QUE EXISTE E DE COMO AFECTA Á SAÚDE E TOMAR MEDIDAS"

A modo de conclusión, o catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC fai un chamamento á calma, pois asegura que "o radon tampouco é un tema sobre o que haxa que xerar alarma social, simplemente debemos ser coñecedores de que existe e de como este afecta á saúde para tomar as medidas precisas, pero sen xerar alarmismo". Así, aínda que resalta que si produce cancro de pulmón, "non produce ningún outro tipo de cancro" e, aínda que a relación co cancro de pulmón é probabilística, "está a moita distancia da relación probabilística que hai entre o tabaco e o cancro de pulmón". "O mellor que pode facer un se quere reducir o cancro de pulmón é, directamente, non fumar", chancea Ruano. Ademais, asegura que tanto grazas ao labor realizado ao longo dos anos por parte dos medios de comunición como da difusión de estudos por parte do Laboratorio de Radon de Galicia, "en Galicia a poboación é máis coñecedora do radon e dos seus efectos sobre a saúde".

Radon
Radon | Fonte: Commons
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta