Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/10/2019 | Actualizada ás 21:45
Inflúen os ataques terroristas cometidos en Europa en nome do Islam na opinión e actitudes dos cidadáns cara aos inmigrantes? Reforzan estas matanzas o discurso populista da ultradereita? Son os cidadáns progresistas de esquerda menos suceptíbeis de caer na demagoxia e no odio aos inmigrantes por mor do terrorismo xihadista? Segundo un estudo da investigadora Mónica Ferrín, da Universidade da Coruña, os ataques terroristas dirixidos a civís en Europa teñen “un efecto negativo significativo nas actitudes cara aos inmigrantes”, co paradoxo de que ese sentimento negativo se dá “especialmente entre individuos educados e de esquerda”.
A investigadora da Universidade da Coruña vén de publicar un estudo no que analizou o impacto das matanzas terroristas en nome do Islam nas actitudes dos cidadáns europeos cara aos inmigrantes de fóra da Unión Europea.
Utilizando un enfoque case experimental, o estudo examina o efecto a curto prazo dos ataques do ISIS (Estado Islámico) que tiveron lugar en París na noite do 13 de novembro de 2015, co resultado de 137 persoas mortas e 415 feridas.
“Atopamos que os ataques de París tiveron un efecto negativo significativo nas actitudes cara aos inmigrantes, especialmente entre individuos educados e de esquerda. Ademais, o efecto negativo foi máis forte en países onde o clima político-ideolóxico nacional era máis positivo cara aos inmigrantes”, conclúe a experta.
Segundo Mónica Ferrín, isto explícase porque “as primeiras reaccións emocionais ao ataque son o resultado de mecanismos de afrontamento polos cales os individuos se enfrontan á desconfirmación ou confirmación das súas crenzas anteriores”. É dicir: “Os individuos que experimentan unha desconfirmación estereotipada máis forte son os máis afectados negativamente polo ataque terrorista”. E estes individuos son os de esquerda (en psicoloxía, a desconfirmación é a confirmación errada da propia identidade ou de algún dos seus aspectos en la relación cos demais).
Para medir ese estado de opinión, valeuse da enquisa Eurobarómetro 84.3, que recompila datos de 28 países da UE recollidois entre o 7 e o 17 de novembro de 2015; é dicir, antes e despois dos ataques. Opinións dos cidadáns europeos que permiten responder tres preguntas da investigación realizada por Ferrín: “Teñen os ataques terroristas un impacto inmediato nas actitudes dos europeos cara aos inmigrantes? , quen ten máis probabilidades de ser influenciado polos ataques terroristas? e onde é máis probable que os ataques terroristas teñan o maior impacto na opinión pública?
A investigadora teoriza que as reaccións desfavorables dos individuos teñen moito que ver co clima político-ideolóxico do momento, o cal se vería confirmado polos resultados das análises da opinión pública europea antes e despois das masacres na capital francesa:
“Os nosos achados mostran que os ataques de París tiveron un efecto significativo na opinión pública europea cara aos inmigrantes non pertencentes á UE. Este foi particularmente o caso entre as persoas máis educadas e de tendencia de esquerda; este grupo de enquisados reaccionou con maior forza ao ataque e volveuse máis negativo sobre os inmigrantes non pertencentes á UE”, insiste a investigadora.
Nesa liña, tamén se atopou que “o efecto dos ataques foi máis forte en contextos onde o clima político-ideolóxico era inicialmente máis positivo cara aos inmigrantes”, é dicir, naqueles países máis tolerantes e solidarios.
No estudo saliéntase, ademais, que “os mecanismos de desconfirmación adquiren máis influencia cando se considera a interacción entre os niveis individuais e contextuais”, ou dito de xeito práctico: “Os individuos que experimentaron unha forte desconfirmación [das súas ideas] tanto no nivel contextual como no individual tiñan máis probabilidades de verse afectados polos ataques de París que os individuos que non experimentaron desconfirmación ou foi débil”.
COMPRENDER O AVANCE DA ULTRADEREITA
Agora, Ferrín propón novas liñas de investigación que permitan “distinguir aínda máis entre os impactos a curto e longo prazo dos eventos terroristas” na opinión pública. Nese sentido, considera que o seu estudo “podería ser útil para comprender parte do renovado apoio que os partidos populistas e de extrema dereita estiveron recibindo nos últimos anos en toda Europa”.
“Poderiamos argumentar que a repetición de ataques terroristas, ademais dun efecto a curto prazo, tamén podería eventualmente cambiar as actitudes a longo prazo dunha parte das sociedades europeas que era, ata certo punto, impermeable ás narrativas nativistas/xenófobas”, explica.
Por outro lado, plantexa que estes choques exóxenos poderían considerarse casos illados que, despois dun período de reasentamento de opinións previamente mantidas, poderían polarizar aínda máis a opinión pública europea ao longo da dimensión pro ou anti-inmigrante”. E conclúe: “Unha análise máis completa das diferentes etapas do impacto dos ataques terroristas, xunto con datos de panel a longo prazo para explorar os cambios na opinión pública, axudaría a descubrir a complexa causalidade subxacente na relación entre ataques terroristas e apoio a partidos de extrema dereita”.
En xeral, o estudo, segundo a investigadora, ten “implicacións importantes para a comprensión do impacto a curto prazo dos ataques terroristas nas actitudes públicas cara aos inmigrantes”.
Os resultados veñen de publicarse en European Journal of Political Research, revista sobre ciencia política europea patrocinada polo Consorcio Europeo para a Investigación Política (ECPR). O traballo, titulado ‘Terrorist attacks and Europeans’ attitudes towards immigrants: An experimental approach’, está asinado tamén polos investigadores Moreno Mancosu, do Departamento de Culturas, Política e Sociedade da Universidade de Turín (Italia), e Teresa M. Cappiali, do Departamento de Estudios de Xénero da Universidade de Lund (Suecia).
INVESTIGADORA RETORNADA
Mónica Ferrín licenciouse en Ciencias Políticas e da Administración na Universidade de Santiago de Compostela. É doutora en Ciencias Políticas e Sociais polo Instituto Universitario Europeo, un centro internacional para estudos doutorais e pos-doutorais financiado pola Comisión Europea e os estados membro da UE. A súa tese doutoral ¿Que é a democracia para os cidadáns? (What is democracy to citizens?) obtivo o Premio Juan Linz á mellor tese de doutoramento en Ciencia Política polo Centro de Estudos Políticos e Constitucionais.
Traballou como profesora e investigadora pos-doutoral no Collegio Carlo Alberto de Turín (Italia) e na Universidade de Zürich, onde participou en numerosos proxectos nacionais e internacionais. Foi ademais membro do comité de expertos da OCDE para a medición da confianza política e social.
Logo de dúas décadas fóra do país, Ferrín retornou este ano a Galicia grazas ao programa InTalent UDC-Inditex, proxecto de colaboración entre a institución académica e a empresa fundada por Amancio Ortega para a retención, recuperación e captación de talento investigador, co obxectivo de xerar tecido científico e investigador de excelencia no seo da UDC.
Ferrín traballa actualmente en dúas liñas de investigación: o estudo das actitudes dos europeos cara á democracia e desigualdade de xénero na esfera pública.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.