Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2019 | Actualizada ás 15:30
O Grupo Común da Esquerda repasou a traxectoria de Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galicia. Un período que nomearon como a "década perdida" e que deixou "máis desgaste" aos servizos básicos e un aumento da débeda "tres veces máis" que os seus predecesores no cargo durante 27 anos.
Os deputados Manolo Lago e Luca Chao presentaron o documento 'Balance da década perdida', na que o Grupo Común da Esquerda plasma os datos do mandato 'popular' ante a proximidade "do fin desta lexislatura", que na súa opinión "será a última" de Núñez Feijóo.
Chao denunciou que o 'popular' "pasará á historia", pero por ser o único presidente en recortar o gasto público mentres aumentaba a débeda "tres veces máis que os cinco presidentes anteriores", á vez que se proclamaba "campión da austeridade" e empezaba a recortar con dureza.
Entre 2009 e 2017, segundo sinalan, a Xunta recortou o gasto non financeiro en 2.553 millóns de euros en termos reais, tendo en conta a inflación, o que supón unha caída "brutal" do 22 por cento do gasto realizado en 2009.
O texto indica, á súa vez, a perda de 4,4 puntos no peso do gasto público no PIB entre 2009 e 2017, coincidindo con "a suposta recuperación económica".
Chao incidiu sobre todo en que as consecuencias para "dous alicerces fundamentais" do Estado de Benestar, a Educación e a Sanidade, áreas que se reduciron 484 e 380 millóns; ou en materia de emprego e vivenda, un 58 e un 68 por cento, respectivamente.
A deputada contrapuxo estes datos cos destinados a pago de intereses bancarios e amortización de préstamos de entidades financeiras, partidas que se incrementaron "nun 400 por cento".
PERDA SALARIAL
Manolo Lago centrouse nas áreas de emprego e industria, cifrando en 54.000 a perda de postos de traballo na era Feijóo. O período máis duro foi entre 2012 e 2013, o tempo da reforma laboral e cando o PP xa levaba "tres anos gobernando", no que se perderon 83.000 postos de traballo.
Lago apuntou, á súa vez, o caso do emprego industrial, no que se perderon 22.000 postos de traballo con respecto a 2009. "Un de cada tres empregos industrial perdidos no Estado foron nunha empresa situada en Galicia",
Finalmente, o deputado fixo alusión á situación dos salarios e a súa participación na renda do PIB, que se reduciu en seis puntos, o que implica uns 3.500 millóns de euros menos cada ano destinados a este fin e que pasarían a recompor "a taxa de beneficio empresarial.
PP: A XUNTA DE FEIJÓO, "UN EXEMPLO"
Preguntado sobre as críticas vertidas por Grupo Común da Esquerda en relación á xestión do Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo e, en concreto, á débeda, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, defendeu que a Xunta é "un exemplo" e esgrimiu que Galicia é "a comunidade que menos se endebedou nestes anos".
Puy engadiu que, fronte ao bipartito, co que Galicia se atopaba na media de endebedamento no conxunto de España, agora está nas posicións máis baixas. "A Xunta acometeu un endebedamento responsable, axustado ás normas de estabilidade orzamentaria. Esquecen que eles nos pedían máis", lamentou.
Ademais, reprobou que poña o foco na débeda un grupo con integrantes "que formaron parte do Goberno bipartito" que "deixou a deber 2.200 millóns de euros a consecuencia das liquidacións negativas". "Se algo arrastran os orzamentos da Xunta é a devolución das liquidacións negativas", advertiu.
Finalmente, insistiu en que o Grupo Común da Esquerda é "o mesmo" que pedía "máis débeda" e chamaba "austericidas" aos 'populares', mentres que agora critican o aumento da débeda. E ironizou con que confía en que os parlamentarios deste grupo presenten emendas aos orzamentos de 2020 para que a Xunta "amortice" débeda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.