Así será a nova política da Xunta na contratación dos medios áreos de loita contra os lumes

Medio Rural exclúe á polémica Babcock do novo concurso para contratar dous helicópteros e unha brigada aerotransportada a unha nova compañía, Airworks Helicopters, SL. Un concurso, que como nos anteriores, é duro en canto ás condicións laborais. Non se esixe unha preparación específica aos membros destas brigadas especializadas pero deberán ter un horario de case doce horas diarias.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 05/11/2019 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A Consellería do Medio Rural contratou na segunda parte deste ano para loitar contra os incendios forestais dous helicópteros e unha brigada aerotransportada que estarán operativos durante este 2019, 2020, 2021 e 2022. Un concurso que se pechou por 8,5 millóns de euros e no que quedou excluída a polémica empresa Babcock, antiga Inaer, unha empresa referencia en todo o estado para o aluguer e prestación de servizos mediante helicópteros, pero que estivo rodeada de polémica en Galicia.

Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer
Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer

Esta compañía chegou a ter contrataos con distintos departamentos da Xunta e encargarse da loita contra incendios, o servizo de Gardacostas e do 061. Pero a folga de traballadores e traballadoras que tivo lugar hai uns meses, tras coñecerse as súas malas condicións laborais, cuestionou o modelo de xestión da Xunta nun sector moi sensible que se encarga do transporte sanitario en aeronaves medicalizadas, a vixilancia e seguridade no mar, así como a loita contraincendios mediante helicópteros de transporte e extinción de lumes.

O NOVO CONCURSO

Este ano a Consellería de Medio Rural anunciou a licitación do contrato para estes dous helicópteros contraincendios para  2019, 2020, 2021 e 2022, por un valor estimado de  15.261.992 euros, sen IVE. Con todo, e tras corrixir o contrato, finalmente o orzamento base da licitación foi de 8.494.213,52 con IVE

A empresa adxudicataria foi Airworks helicopters, SL, unha empresa con sede en Salamanca especializada en servizos de carga e de loita contra os lumes en autonomías coma Madrid, Castela e León, Castela a Mancha, Canarias ou Extremadura. “Airworks é unha compañía dedicada aos seus clientes, cunha atención rápida e directa. Vostede poderá activarnos nun prazo extremadamente curto de tempo ante a súa urxencia, e a nosa resposta será inmediata. Os medios que poremos á súa disposición son de última xeración cunha traxectoria no sector da Loita Contra incendios máis que demostrada”, apunta esta empresa na súa páxina web.

Un helicóptero traballa nun lume en Galicia
Un helicóptero traballa nun lume en Galicia | Fonte: que.es

De feito, e tras gañar o concurso, as misións destes dous helicópteros serán o transporte da brigada ou equipos de extinción ata os incendios forestais para participar na extinción dos lumes. Tamén traballar na loita dos incendios mediante o lanzamento de auga desde o helicóptero, así como calquera outra misión relacionada coa prevención e defensa contra os incendios forestais e a restauración de áreas afectadas.

As aeronaves contratadas quedarán a plena e exclusiva disposición da consellería para a súa aplicabilidade nas distintas misións. O servizo que prestarán os helicópteros incluirá unha brigada helitransportada que prestará servizo durante 797 días durante os anos 2019, 2020, 2021 e 2022. Isto é cinco meses en 2019 e seis meses os seguintes anos de servizo. Estas brigadas estarán compostas por un técnico, un xefe de brigada, dous peóns conductores, seis peóns e un emisorista.

OPERATIVIDADE TODOS OS DÍAS DO ANO

Segundo o contrato, nos vindeiros tres anos un dos helicópteros estará operativo todos os días do ano. O outro en 2020 catro meses, en 2021 seis meses e no 2022 tres meses.  A área xeográfica de actuación será todo o territorio galego pero “cando as circunstancias e a consellería o estimen necesario, esta área pode ser ampliada a outras autonomías ou estados limítrofes”.

As bases destas dúas aeronaves serán os heliportos dependentes da Xunta. É dicir Castromaior, Lomba e Quixeiro, na Coruña; Becerreá, Marroxo e Portomarín, en Lugo; O Barco, Río, Toén, Vilamaior e Xurés, en Ourense e Campiño, Quimadelos e Silleda, en Pontevedra. 

Neste concurso, e a diferencia do polémico concurso anterior onde había contratados pilotos dos países do leste sen dominio do galego ou catelán, a Xunta obriga aos pilotos contrados a dominar, cando menos, o castelán. Tamén obriga ao persoal da brigada helitransportada a falar e escribir en castelán ou galego. 

NON SE ESIXE PREPARACIÓN

Chama a atención do concurso a preparación dos membros desta brigada que, polos seus requisitos de mobilidade, terían que ser profesionais ben preparados. O concurso da Xunta só especifica que a empresa adxudicataria comprobe que os candidatos non presentan enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba física de esforzo. Pero esta proba será realizada “unha vez asinado o contrato coa empresa adxudicataria” e non antes. 

Posteriormente, o persoal seleccionado deberá recibir unha formación, de polo menos, 16 horas sobre comportamento do lume, traballo de extinción de brigada con helicóptero, seguridade e risco na extinción. Non se lle pide experiencia previa en este tipo de traballos, nin que esta conte máis á hora de ser seleccionados.

Aos únicos que se lles esixe unha capacitación especial son aos xefes desa brigada helitransportada, que deberán estar en posesión dunha Enxeñaría de Montes, Forestais ou un posgrao en materia forestal, ademais de ter o carné de conducir B e dúas campañas de incendios forestais en igual ou distintas categoría. Tamén ao técnico, que ten que estar en posesión dunha Título de Técnico superior en xestión de recursos naturais e paisaxisticos e formación equivalente a de capataz forestal, así coma unha campaña de incendios forestais en igual ou distinta categoría.

HORARIO E CONDICIÓNS DE TRABALLO

Tamén chama a atención o horario de traballo deste persoal que, en determinadas ocasións, pode estar exposto a circunstancias estremas de traballo. Así, o se horario será de case doce horas diarias, concretamente 11 horas e 45 minutos. Un horario que estará estipulado pola propia consellería que, ademais esixe, que este persoal estea “localizable mediante teléfono móbil” e “a unha distancia da base inferior a 30 minutos” nas súas horas libres.

Precisamente, as condicións de traballo abusivos estiveron detrás das protestas que tiveron lugar na empresa Babcok que foi adxudicataria en 2012 do servizo de salvamento marítimo, daquela con dous helicópteros,  por case 31 millóns de euros. 

O factor competitividade, sumado ás ofertas á baixa das empresas adxudicatarias, así como a posible perda de beneficios da empresa de servizos, empurran a estas empresas a buscar unha vía de recortes dentro do seu convenio colectivo que foi o que estivo detras das protestas en Babcok.  Segundo os sindicatos, isto pode repercutir tanto na calidade como nun elemento clave como é a seguridade, tanto de traballadores e de persoas rescatadas, eficiencia para apagar lumes ou control do furtivimos ou de vixilancia aduaneira. 

Helicópteros de loita contra os incendios forestais
Helicópteros de loita contra os incendios forestais
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta