Por Xurxo Ayán | Compostela | 05/07/2012
Chamabámoslle o picachón dos conchos, e évos certo que servía moi ben para esta función porque era moi doado apreixar o pedrolo, como se fose puído no seu día para termar de el a xeito de enmangue. Co paso dos anos, cando estudei prehistoria na universidade, decateime de que o picachón dos conchos era o que o especialistas denominaban “instrumental lítico”, concretamente, un percutor elaborado en xisto. Como as “pedras do raio” que os labregos casteláns gardaban na casa como amuletos profilácticos e apotropaicos, nós tiñamos unha peza de museo na cociña. Cando lle preguntei á miña mai pola historia do picachón dos conchos, decateime de sotaque da súa importancia na nosa historia familiar.
Os meus pais casaran en 1973 na terra de Lemos, nun intre de esperanzas para a xuventude galeguista da bisbarra; en Monforte o poeta Manuel María e a súa dona Saleta canalizaban grande parte da vida cultural independente e reivindicativa, xurdían festivais e asociacións locais que comezaban a termar do Patrimonio da bisbarra, neses tempos preautonómicos. Aquela voda dos meus proxenitores fóra a primeira en facerse na lingua do país, mesmo algunha vella preguntara á saída da ceremonia se o matrimonio tería validez, porque todo o mundo sabía que “Dios fala o castellano”. De lúa de mel a xove parella marchou a percorrer a Mariña, de Ribadeo a Viveiro. Na praia dos Castros, na Devesa, abeirando o mar, a miña mai, moura de longos cabelos loiros, recolleu da area o que sería o picachón dos conchos… e dende aquela. Asentados temporariamente na Pontenova (daquela Puentenuevo) os meus pais seguiron coas súas xeiras por espazos naturais e arqueolóxicos. Nunha destas viaxes, cando eu ía no bandullo de mamá, a pobre muller entrambalicouse no parapeto do castro de Viladonga (que estaba a ser escavado por Chamoso Lamas) e inda deu un par de rolos protohistóricos, dos que creo que xamais me din recuperado. Esta querencia miña polos castros vén daqueles tempos.