Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/11/2019 | Actualizada ás 13:45
A ilustradora ourensá Manuela Elizabeth Rodríguez foi a gañadora da segunda edición do premio Compostela Ilustrada, que se entregou no café Casino de Santiago.
Segundo informou a organización do evento, o xurado considerou a esta ilustradora merecedora do galardón por unha ilustración da Rúa do Vilar realizada na tarde do xoves, no marco do Encontro de Ilustradores Cuardenos de Viaxe desenvolvida en Santiago.
A ilustradora explicou que con este debuxo tratou "reflectir o dispar e singular ambiente que se vive unha tarde de choiva calquera na Rúa do Vilar".
"Coloqueime baixo un soportal e fun prestando atención á xente que ía pasando: un mozo cun gorro como de indio, unha moza coa súa maleta, peregrinos, compañeiros meus que tamén estaban a debuxar, un fotógrafo que se parou a facer unhas fotos e mesmo un can que pasou por alí... Con todo iso fun compondo a ilustración", relatou.
Así, esta artista, nacida en Venezuela en 1990 pero que se trasladou a Ourense aos tres anos, aclarou que "non se trata dunha foto fixa dun instante, senón unha cronoloxía das dúas horas" nas que debuxou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.