Venda online de libros, a fin das librerías?

A libraría clásica enfróntase ao reparto “inmediato” que ofrecen as novas plataformas como Amazon. O prezo fixo dos libros está garantindo que a competencia non sexa totalmente desfavorable aos libreiros. A raíz disto, naceron algunhas propostas como plataformas online que polo momento son de consulta e que poderían converterse en plataforma de venda.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 12/11/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O pasado 8 de novembro celebrouse o día das librarías, unha data para dar máis visibilidade á libraría clásica e á súa prevalencia como o mellor punto onde mercar e consultar fondos. Tamén en parte naceu como resposta á aparición de empresas de venda online cuxo principal atractivo é a inmediatez da entrega. Nin sequera os prezos resultan máis atractivos, pois os prezos son fixos para a produción bibliográfica, ademais de que os descontos non poden pasar do 5% en  España.

Arquivos, libros
Arquivos, libros

“O día das librarías nace para visibilizar o noso traballo nun momento de crise económica e para dignificar o traballo do libreiro” di Pilar Rodríguez da Federación de Librarías de Galicia. Esta federación forma parte da Confederación Española de Gremios y Asociaciones de Libreros (CEGAL). Desde esta confederación puxeron en marcha o portal www.todostuslibros.com, para facilitar a busca de títulos entre todas as librarías asociadas.

Unha idea que se apuntaba era a de ampliación de horarios. “Podemos abrir cando queiramos, mais temos que ter traballadores para facelo” di Pilar Rodríguez, que se se lle pregunta como frear a Amazon, responde “non podes frealo, podes facer ver que nós pagamos os nosos impostos aquí, esta multinacional non, as librarías crean postos de traballo e Amazon crea postos doutro tipo”. Rodríguez apela ao que é un punto consensuado entre o gremio “debemos adaptarnos, e que conste que somos o sector que máis rápido de adaptou ás novas tecnoloxías”.

COMPETIR COA PLATAFORMA VIRTUAL

Javier López, presidente da CEGAL, ve que a afección das plataformas dixitais de reparto cambiaron os hábitos dentro de todo o comercio, motivados á vez polos cambios nos hábitos de ocio. “A aparición destas plataformas en Internet crearon a necesidade da urxencia, da inmediatez coa entrega, para nós esa necesidade é ficticia ” declara López. Sobre a plataforma www.todostuslibros.com, a pretensión “é convertela tamén nunha plataforma de venda, co maior stock de títulos que hai agora mesmo en España, 1.200.000, entedemos que podemos dar ese paso” que será en 2020.

Ademais do número de títulos, López entende que outra segunda vía para a revitalización da libraría como espazo de encontro, non só de venda de libros, “a libraría ten un selo cultural cando ten un stock moi personalizado e cando crea comunicación co lector mediante contacto persoal e actividades que demostran a identidade propia da libraría”. Este contacto entre libreiro e lector así como as actividades desenvolvidas neses espazos “están devolvendo esa identidade propia da libraría e dentro de vinte anos poderemos ver librarías como as de agora tecnoloxicamente mellor adaptadas”.

LIBREIROS

Algunhas librarías consultadas apuntan un estado de inquedanza diante da irrupción das plataformas de venda online. “É como unha paranoia” sinalan desde a libraría Kómic en Santiago. A idea de transformar www.todostuslibros.com en plataforma de venda deberá esperar os primeiros resultados, segundo a xente de Kómic. Ademais, sobre a creación do Día das Librarías “pódese sentir a súa repercusión en vendas, mais as propostas de facer rebaixa do 5%, o que permite a lei, e abrir ata as dez da noite, é usar as armas do inimigo contra del”.

“Nós estamos aquí porque cumprimos máis de trinta anos, iso tróuxonos unha clientela fidelizada e que sigamos coas armas de sempre, ler moito e recomendar o que a nós nos gusta” din desde Kómic. “Non podemos entrar a traballar máis horas e facer descontos, porque se tiveramos esa política, as contas á nós dannos perdas, estariamos fóra do mercado”.

“Tes que competir coas ferramentas que che dan, neste caso Internet para a venda online, seguimos defendendo a libraría como espazo de encontro, mais hai que adaptarse” din de Libraría Pedreira. “As librarías foron dos primeiros negocios que se informatizaron, a partir de aí xa podemos dar o seguinte paso, vender desde Internet sen esquecer o físico”.

“Segundo os últimos informes sobre a venda de libros, o 60% das vendas seguen a canalizarse a través das librarías” din desde Pedreira. “O demais pódese repartir entre cadeas de librarías e a venda online”, mais sobre todo “o que queremos é que a xente de afaga a seguir mercando en persoa”. Sobre as estratexias que buscan atraer un público máis novo, “temos as estratexias de sempre, crear actividades coa xente nova, seguir tendo contacto cos rapaces que son o público do futuro e que é o que mellor coñece as novas tecnoloxías”.

Puxémonos en contacto con Amazon España, concretamente co seu departamento de prensa. De momento non tivemos resposta ás preguntas que lles formulamos sobre venda online de libros, mercado do libro e comaparación de prezos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O bloqueo das Editoriais nos prezos pactados los libros de texto, e moi especialmente nas versions dixitais (con data de caducidade) é un CANCRO na política libreira en España ! Teñen secuestrados aos clientes e non soltan os privilexios, e están a matar a galiña facendo que os pais e nais vexan nos libros un gasto imposible ! A cultura debera ser ACCESIBLE e os libros de texto son un filón que ninguén quere soltar !!!