30 anos despois da caída do Muro: agardando unha alternativa

A cita electoral do 10- N agachou, en certa medida, a atención mediática sobre o aniversario da histórica desaparición do muro de Berlín.

Por Xesús Veiga | Compostela | 19/11/2019

Comparte esta noticia
Máis aló das anécdotas vividas durante o propio 9 de novembro de 1989, aquel acontecemento representou o comezo do remate dun sistema que nacera co triunfo da revolución soviética na Rusia  zarista de 1917 e que coñecera un forte impulso na Europa do leste como consecuencia da derrota do nazismo a partir de 1945. Durante máis de 70 anos, o modelo capitalista que se construíu durante moitas décadas no territorio europeo tivo unha resposta no chamado socialismo real, un intento de ordenar as relacións sociais e económicas mediante criterios e valores diverxentes dos que se coñeceron ate entón no mundo máis desenvolvido.
 
O fracaso do modelo soviético foi bastante analizado nos ámbitos académicos e nunha parte significativa da esquerda menos vinculada á ortodoxia que emanaba dos círculos dirixentes de Moscova. Con todo, naqueles sectores que se sentían máis identificados co “bloque socialista” -os tradicionais partidos comunistas dos países occidentais e algunhas forzas que naceran na década dos sesenta- a sorpresa e o desconcerto polo sucedido  cortocircuitaron unha reflexión suficientemente profunda sobre as deficiencias e os erros que presidiron o labor das  elites dirixentes daqueles partidos “irmáns” do leste europeo. A tentación  conspiranoica instalouse en demasiadas persoas e ocasións: a explicación do derrube buscouse, prioritariamente, nos efectos da estratexia de guerra fría deseñada por Washington a partir do final da II Guerra Mundial. Segundo esta versión, a chave estivera nos acertos alleos máis que nos erros propios. Esta incapacidade autocrítica erosionou gravemente a credibilidade das organizacións políticas herdeiras do mundo soviético.
 
A caída do muro de Berlín levou a Francis  Fukuyama a profetizar o fin da evolución histórica e o triunfo definitivo da democracia liberal. Para outros pensadores situados en parámetros de esquerda, o fracaso do comunismo soviético constituía un incentivo propicio para pensar nun progresivo afortalamento dos partidos socialdemócratas por canto estes encarnaban unha alternativa aparentemente máis sólida ao estrito mantemento da orde capitalista que habitualmente defendían os partidos liberais e conservadores.
 
Trinta anos despois de semellantes predicións, a realidade mundial -e, máis concretamente, a que  se refire aos países máis desenvolvidos do planeta- está moi lonxe de atopar unha orde social capaz de harmonizar a creación de riqueza, a redución das desigualdades entre as persoas e os territorios ademais da consolidación de réximes democráticos de calidade.
 
Que persoas tan significativas como Sarkozy e Ana Patricia Botín postulasen -máis ou menos recentemente- a necesaria  refundación do capitalismo certifica que a pervivencia deste modelo fronte ao que rexía na  URSS non provocou a mellora das condicións de vida e de traballo que moitos prognosticaran. O estado de prostración notábel no que se atopa a socialdemocracia europea é outra proba contundente da carencia dunha alternativa esperanzadora ás miserias do presente.
 

A porta de Brademburgo, en Berlín
A porta de Brademburgo, en Berlín | Fonte: Guido Álvarez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.