Coñece os fenómenos astronómicos do inverno que entra en Galicia

Galicia despide un outono que foi "extremadamente chuvioso", segundo indica o Observatorio Astronómico da USC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2019 | Actualizada ás 12:27

Comparte esta noticia

O inverno boreal comezará en Galicia este domingo, día 22 de decembro, ás 5,19 horas, momento no cal a comunidade despedirá un outono que foi "extremadamente chuvioso", segundo indica o Observatorio Astronómico da USC.

Así, o inverno prolongarase ata o 20 de marzo ás 4.49 horas, momento en que se iniciará a primavera. A estación invernal no hemisferio norte é a de menor duración, 88,99 días, fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán.

Como explica o director do Observatorio Ramón María Aller, José Ángel Docobo, o inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose entón a mínima declinación solar, o que ten como consecuencia que sexa o día máis curto do ano, cunha duración de pouco máis de 9 horas na latitude de Galicia. Con todo, as tardes "xa comezaron a crecer desde o pasado día 7", mentres que as mañás seguirán diminuíndo ata Reis.

En canto aos fenómenos desta estación, na noite do 3 ao 4 de xaneiro producirase o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas e o día 5 pasará a Terra polo perihelio, mínima distancia ao Sol (147 millóns de quilómetros).

Como explica o profesor Docobo, Mercurio estará en boas condicións de poder ser observado a primeira ollada, tras o atardecer ata comezos de xaneiro, pasando logo ao amencer. Durante toda a nova estación, Venus será o luceiro vespertino. Marte e Júpiter estarán no amencer e Saturno ata mediados de xaneiro seguirase vendo no final da tarde.

Haberá así mesmo "algunhas conxuncións interesantes", como a da Lúa con Venus no atardecer do 28 de decembro ou a de Marte con Júpiter no amencer do último día do inverno. Son tamén dignas de mención, informa a USC, as aliñacións de Marte, Xúpiter, Saturno e a Lúa entre o 17 e o 21 de febreiro, así como entre o 16 e o 20 de marzo.

En canto ás eclipses, o director do Observatorio Universitario lembra que o próximo día 26 terá lugar unha anular de Sol visible no leste de África, Océano Índico, Asia e Oceanía, pero non en España. O que si teoricamente podería verse é unha eclipse penumbral de Lúa o día 10 de xaneiro. Como explica José Ángel Docobo, esta clase de eclipses "non son fáciles de apreciar", dado que o satélite segue véndose enteiro, "pero menos brillante".

METEOROLOXÍA

Meteoroloxicamente falando, o outono que agora termina "foi extremadamente chuvioso na área de Compostela, aínda que en cantidade menor que do ano 2000". Así, entre o 22 de setembro e o 21 de decembro, medíronse un total de 1.315,5 litros por metro cadrado na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

Aínda que neste ano falta por computar a choiva dos dous últimos días do outono, nos que afectou á cidade a borrasca Elsa, "non é previsible chegar á marca do outono do último ano do pasado século".

Xeada de inverno. Europa Press
Xeada de inverno. Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta