Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2020 | Actualizada ás 10:28
O comité do Grupo Norte, empresa que xestiona o centro de chamadas, do 061 convoca folga parcial —de 19,00 a 21,00 horas— este 6 de xaneiro ante as "ameazas" da empresa de non abonar as nóminas de decembro e seguintes meses.
Segundo a CIG, con esta protesta búscase "evitar que se produzan falta de pagamentos ou novos atrasos no cobro de salarios, como xa ocorreu coas nóminas de novembro".
Ademais, emprázase a abrir unha mesa de negociación "estable e eficaz" para dar solucións a cuestións laborais pendentes "desde hai meses" que afectan a máis dun centenar de empregados.
"Os problemas no cobro das nóminas comezaron ao pouco de anunciar a empresa a súa intención de non continuar co servizo, que ten que prestar en situación de prórroga forzosa mentres non se resolva o novo concurso", explica o sindicato. Así, Grupo Norte, "seguindo a liña habitual de ameazas e coaccións", "advertiu que se a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 non lle abonaba a débeda existente, non estaría en disposición de afrontar o pago das nóminas a case un cento de empregados".
Xunto a isto, a empresa comunicou a súa intención de aplicar unha modificación "substancial" das condicións laborais para eliminar o chamado "plus destino" que recibe o persoal en compensación polo cambio das instalacións de Santiago á Estrada, e que se logrou tras dúas convocatorias de folga.
Denuncia que a "estratexia" do Grupo Norte é utilizar aos traballadores para coaccionar á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 "coa finalidade de conseguir que este organismo lle abone a débeda pendente".
Por iso, a central considera que é obriga da Xunta de Galicia e da empresa arranxar esta situación de "inestabilidade e incerteza" para o persoal operador do 061, e solicita que os traballadores "deixen de ser reféns da mala xestión da Administración e da subcontrata".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.