Hoxe podemos atopar no mercado moitas marcas etiquetadas en galego, cun deseño atractivo no que campan textos de excelente calidade literaria. A min gústanme tanto que teño algunhas botellas que non quero descorchar pola orixinalidade dos textos das súas etiquetas. Un bo relato sobre as cualidades dos viños outórgalle á marca que o leva unha singularidade que se agradece. García Sabell, o médico humanista que utilizou a lingua galega para escribir ensaios científicos, e que gustaba dos nosos augardentes, quedou engaiolado cando recibíu unha botella da colleita de Otero Pedraio á que o señor de Trasalba lle pegara un poema, quedou enfeitizado ao tempo que amolado “porque agora xa non se pode beber o augardente”.
A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros – Foro E. Peinador, celebrará o próximo día 11, ás 12:00 horas, na igrexa da Madalena de Ribdavia un acto de transcental importancia para a galeguización no que máis de vintecinco marcas comerciais pasarán a engrosar a ampla nómina das que xa fan parte da Irmandade que ten un dobre obxectivo: proxectar e prestixiar a lingua galega nos mercados a onde cheguen eses produtos, e chamar aos galegos a fidelizaren o consumo ás marcas que se identifiquen co valor máis singular que ten a nosa cultura, a lingua galega.
Servidor, que é moi teimoso na defensa da alianza entre a economía e a lingua,tense dirixido a través deste medio en máis dunha ocasión aos sectores máis dinámicos na reivindicación da nosa identidade para que reflexionen sobre a oportunidade de galeguizaren o seu consumo. Apoiando os produtos galegos que pregoan as súas excelencias no noso idioma é a mellor arma para afortalar os nosos sectortes produtivos e asegurarlle á lingua un futuro certo.
En certa ocasión escoiteille dicir ao escritor e pensador Manuel Vázquez Montalbán, de pais galegos da Pobra de San Xulián, capital do concello de Láncara, que “un pobo que non bebe o seu viño e non come o seu queixo, ten un grave problema de identidade”. Faltoulle facer referencia á lingua de oríxe, porque naquel tempo non era obrigada a etiquetaxe.
Convido ao lector ou lectora a que lle bote unha pensada ao exposto. Galicia prescisa de consumidores responsables e solidarios coas xentes que no medio rural manteñen en pé a ilusión de pervivencia dunha parte do pais.A Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros – Foro E. Peinador, mediante campañas publicitarias periódicas anima á cidadanía á galeguización dos hábitos de consumo.