Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/01/2020 | Actualizada ás 15:21
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, cualificou de "sensata" e "acorde cos tempos" a decisión do Concello de Santiago de deixar de lanzar os lumes do Apóstolo desde a Praza do Obradoiro tras máis de 450 anos.
"Os tempos evolucionan e é obvio que a potencia que ten hoxe un espectáculo pirotécnico non é a mesma que a que tiña fai 50, 40 ou 30 anos", manifestou.
Na súa intervención, Román Rodríguez avogou por respectar o patrimonio e lembrou que na Catedral "está a facerse un investimento moi importante con fondos públicos".
"É moi importante compatibilizar todo o esforzo que se está facendo. Non parece moi coherente dedicar unha cantidade importante de fondos públicos a rehabilitar un ben patrimonio da humanidade, como é a Catedral, e que mañá fagamos un espectáculo pirotécnico", indicou.
Ademais, alertou da afectación dos lumes ao Pazo de Raxoi, no que se sitúa o Concello de Santiago. "Temos que compaxinar o espectáculo co respecto ao patrimonio, aos bens públicos e aos recursos", apuntou.
Con todo, destacou que as "novas tecnoloxías" permitirán facer un "grande espectáculo de luz e son", unha "alternativa absolutamente entretida e brillante para os cidadáns".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.