Denuncian "irregularidades" no servizo de seguridade dos hospitais de Verín e Valdeorras

Segundo o sindicato USO, unha das cuestións "máis graves" é o "exceso de puntuación" que se lle outorga ao prezo máis baixo, de 65 sobre 100, "mentres que a lei só permite a asignación de 49 puntos sobre 100".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 13:53

Comparte esta noticia

A Federación de Traballadores de Seguridade Privada da Unión Sindical Obreira (FTSP-USO) remitiu un escrito ao Servizo Galego de Saúde pedindo que se emenden "varias irregularidades e incumprimentos" da Lei de Contratos do Sector Público na licitación do servizo de seguridade para os hospitais de Verín e Valdeorras, en Ourense.

En concreto, segundo o sindicato, unha das cuestións "máis graves" é o "exceso de puntuación" que se lle outorga ao prezo máis baixo, de 65 sobre 100, "mentres que a lei só permite a asignación de 49 puntos sobre 100" para que prime "a calidade do servizo sobre a valoración económica".

USO subliñou que esta decisión, na que "prevalece a oferta máis barata", "favorece as 'empresas piratas' do sector da seguridade privada", que "abaratan os prezos nas ofertas á conta dos dereitos laborais e condicións salariais dos seus traballadores".

Así mesmo, o sindicato denunciou que, "debido ao tipo de licitacións 'low cost'", os traballadores adscritos a estes servizos "levan meses sen percibir os seus salarios da anterior adxudicataria"

Hospital de Verín.
Hospital de Verín.

"MENOSPREZO AOS ENFERMEIROS"

Doutra banda, o Sindicato de Enfemería (Satse) insistiu este xoves en que "o Sergas ignora e menospreza ás súas enfermeiras/os" ao "considerar que non debe acreditarlles para a prescrición".

Nun comunicado de prensa, Satse reclamou ás nove consellerías de Sanidade --Aragón, Asturias, Castela-A Mancha, Castela e León, Estremadura, A Rioxa, Madrid e Murcia-- que aínda "non fixeron os seus deberes" e teñen pendente regular o procedemento de acreditación de prescrición enfermeira. Pide que "cumpran o establecido na norma estatal" para que as enfermeiras e enfermeiros "poidan indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano con todas as garantías xurídicas".

Satse Galicia sinalou que se dirixiu en catro ocasións por carta ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para lembrarlle que, "transcorrido xa máis dun ano desde que foi publicada a modificación do Real Decreto de prescrición enfermeira, non cumpriron aínda co requisito de acreditar as enfermeiras e enfermeiros que traballan no seu correspondente servizo de saúde".

"A falta de resposta á nosa solicitude lévanos a pensar que o conselleiro ignora e menospreza coa súa actitude as enfermeiras/os ao considerar que non é importante acreditalos para prescribir", sentenciou Satse.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta