Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 12:02
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) defende a decisión de prohibir carteis nos hospitais a pesar da fonda polémica que ten causado. Asegura que a instrución sobre o "uso adecuado" dos taboleiros de anuncios nos centros sanitarios "non ten que ver con ningún centro en particular" e que se fai por "limpeza" e para evitar "inxurias".
Así o aseguraron fontes da Consellería de Sanidade a Europa Press, que explicaron que coa instrución "sobre o uso adecuado dos espazos públicos e dos taboleiros de anuncios nos centros sanitarios" as "prácticas que se queren evitar son aquelas que non se axustan ás debidas condicións de limpeza e coidado das instalacións", ou ben "poden resultar inxuriosas ou ofensivas para determinadas persoas, colectivos ou institucións".
Para conseguir a primeira finalidade, concreta Sanidade, "en todos os centros públicos" do Sergas "existirán un ou varios taboleiros oficiais de anuncios ou espazos habilitados para estes usos". "As seccións sindicais dos sindicatos máis representativos e os que teñan representación no comité de empresa e xuntas de persoal terán á súa disposición un taboleiro", explicou.
"Dentro dos contidos inxuriosos ou ofensivos para determinadas persoas, colectivos ou institucións", matiza Sanidade, inclúe os de contido "racista, xenófobo ou que promovan a discriminación cultural ou relixiosa", así como de carácter "sexual, ilegal ou ilícitos" e os que conteñan "mensaxes violentas, degradantes ou vexatorios" e os que "sexan difamatorios, falsos ou obscenos ou atenten contra as persoas, profesionais, institucións públicas ou privadas ou calquera outro ente público ou privado", abundou a Consellería.
"A Administración pública e as institucións que delas dependen, deben perseguir a satisfacción dos intereses xerais da cidadanía, fundamentándose nos principios de neutralidade política, obxectividade e imparcialidade", subliña o Sergas, "non podendo primar" na súa actuación, conclúe, "a determinadas formacións políticas ou ideolóxicas fronte a outras".
EU FALA DE "CERNAR" A LIBERDADE DE EXPRESIÓN
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, acusou a Xunta de "cernar" a liberdade de expresión e opinión do persoal da sanidade pública ao prohibir a exhibición indiscriminada de carteis nos centros de saúde do Sergas.
Este venres nunha comparecencia de prensa celebrada na sede de EU en Santiago, a tamén deputada de Común da Esquerda tachou de "inconcibible" a decisión do Sergas, que, ao seu xuízo, "evidencia o medo a perder as eleccións" do PP de Alberto Núñez Feijóo, cuxa xestión da sanidade pública é, para Solla, "o elemento central da perda de credibilidade" do Goberno galego.
PARIDOIRO DE VERÍN
Así mesmo, a portavoz de sanidade de Común da Esquerda no Parlamento galego tamén criticou o anuncio de que se reforzará o procedemento de consentimento informado para as mulleres que dean a luz no hospital de Verín unha vez se reabra o paridoiro tras semanas de polémica política e protestas veciñais.
Tras cualificar de "ridícula" a medida, Solla cre que se trata dun "erro máis" da Consellería de Sanidade que encabeza Jesús Vázquez Almuiña, que "buscan esconderse detrás dos profesionais e as familias".
Así, lembrou que o procedemento de consentimento informado funciona no Estado desde o ano 2002 e consta dunha lei que define "cando ha de ser verbal e cando escrito", polo que instou a Sanidade a "explicar" que se esconde detrás desta decisión "e a deixar de inventar medidas que parecen ridículas".
BNG
Pola súa banda, a portavoz parlamentaria de Sanidade do BNG, Montse Prado, recriminou ao Goberno de Alberto Núñez Feijó" que "pretenda amordazar de forma pura e duramente aos profesionais sanitarios" galegos que denuncian o déficit de empregados, "a saturación e as deficiencias" dos seus centros de traballo.
En concreto, Prado cualificou de "pin sanitario" a decisión da Xunta pola que prohibe colocar carteis "difamatorios" ou aqueles que van contra das institucións en hospitais e centros de saúde. Igualmente critica que "no canto de dar respostas" á situación denunciada, opta pola "censura".
Con todo, "non se pode tapar a lúa cun dedo e a estas alturas todo o mundo sabe cal é a situación" da sanidade pública galega, "un espectáculo de pacientes amontoados nos corredores, en cadeiras e padiolas", denunciou a deputada este venres ás portas do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).
GRAN COALICIÓN
A coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, instou os seus socios de Podemos Galicia e Anova a apurar os prazos para a configuración dunha coalición que represente ao espazo político nas eleccións galegas que terán lugar este ano 2020.
Cuestionada sobre o asunto, Solla recoñeceu que xa se iniciaron os "contactos informais" con Anova e Podemos, forzas ás que se dirixiu EU en decembro para instalas a iniciar as conversacións. Neste sentido e tras pór o foco en que a coalición electoral é a "fórmula" pola que aposta Esquerda Unida, subliñou que a federación galega de EU ten "os deberes feitos" tras a celebración das súas primarias nas que a propia Solla foi elixida como cabeza de lista.
"Falta que o resto de formacións poña a súa proposta", apuntou Eva Solla, que cre que "canto antes" se concrete a candidatura "mellor", dado que "resulta obvio" que se se produce un adianto electoral "os tempos teñen que acurtarse".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.