Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 11:05
A exdecana da Facultade de Ciencias da Educación da UDC Mariló Candedo ingresou este martes de maneira oficial como deputada do grupo mixto no Parlamento de Galicia.
Candedo prometeu o seu cargo no arranque do pleno ordinario que desde as 10,00 horas deste martes acolle o Pazo do Hórreo. A profesora universitaria solicitou a súa adscrición ao grupo mixto, polo que este pasa a estar integrado por cinco parlamentarios con Luís Villares como portavoz.
A profesora de Pedagoxía Social na UDC e presidenta da Nova Escola Galega ocupa o escano que deixou libre Manuel Lago, quen se despediu da Cámara galega para formar parte do equipo do Ministerio de Traballo que encabeza Yolanda Díaz.
A saída de Lago e o seu substitución por Candedo (número oito na lista de En Marea pola Coruña nas eleccións de 2016) supón a perda dun escano na terceira forza parlamentaria, Grupo Común da Esquerda, que vai parar ao grupo mixto.
Deste xeito, o grupo mixto, formado exclusivamente por persoas adscritas ao partido En Marea, solicitará formalmente á Mesa do Parlamento que se lle conceda a condición de grupo parlamentario de pleno dereito, dado que coa entrada de Candedo suman cinco deputados, o mínimo que establece o regulamento da Cámara.
Con todo, o regulamento tamén establece outro tipo de condicións para a conformación de grupos parlamentarios, polo que a Mesa podería denegar a petición do grupo mixto, que, segundo fontes de En Marea consultadas por Europa Press, quedará rexistrada formalmente nas próximas horas. O escano de Lago supuxo o último episodio das tensións internas vividas na que foi segunda forza en número de votos nas eleccións autonómicas, En Marea, que chegou a ter 14 deputados no Parlamento de Galicia.
Tres anos e medio despois, eses 14 deputados repártense entre os nove que forman parte de Grupo Común da Esquerda (composto por membros de Podemos, Anova e Esquerda Unida) e os cinco do grupo mixto, onde permanecen os afíns ao partido En Marea que lidera Luís Villares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.