A Xunta defende a "saúde de ferro" do sector cultural e critica as queixas polos orzamentos

Asegura o mantemento de CGAI e Centro Coreográfico. O BNG, pola súa banda, acusa a Román Rodríguez de encabezar a "brigada de demolición" da cultura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2020 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, defendeu a reforma do estatuto da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) para mellorar a ordenación da súa estrutura e avanzou un próximo plan de impulso da danza que fará "de modo consensuado" co sector, a través dunha mesa que analizará a situación, as necesidades e retos de futuro das artes do movemento.

Así o trasladou o cargo autonómico nunha interpelación por parte do grupo do BNG, na que a deputada Olalla Rodil o acusou de encabezar "unha brigada de demolición da cultura" tras unha década "escura" marcada por un recorte orzamentario do 60 por cento.

Sobre todo, a parlamentaria nacionalista referiuse ao caso do Centro Coreográfico, actualmente sen dirección e cuns 50.000 euros de orzamento, e reprochou á Xunta de executar "a súa desaparición de facto".

Rodríguez ironizou con que Rodil interprete "cultura como orzamento", e defendeu a "saúde de ferro" do sector, con cifras "superiores ás do bipartito" que contou con "máis diñeiro", pero non con xente que acudise aos espectáculos. En concreto, destacou os preto de 6.000 espectáculos realizados baixo as redes de Agadic e un millón de espectadores en cinco anos.

Tamén insistiu no seu defensa do novo estatuto de Agadic, unha reforma administrativa e técnica que permitirá "mellorar" o marco xurídico, a creación dun xerente "para evitar atrasos en pagos e xestión" coas compañías, algo "tremendamente demandado polo sector"; ou a inclusión do CGAI na propia estrutura da Axencia.

Rodríguez sinalou a creación dun departamento específico para fomento e apoio da danza galega, do que dependerá o Centro Coreográfico Galego, que seguirá destinado á profesionalización do sector e á produción de novos espectáculos.

PATRIMONIO "DE NINGUÉN"

"Está absolutamente equivocada", insistiu o titular de Cultura, insistindo en que a Xunta seguirá traballando nunha cultura "como símbolo de identidade como pobo", respectando a "liberdade" dos creadores, como "fonte de riqueza e xeración de emprego" e que "nin debe estar dirixida politicamente" nin debe ser "patrimonio de ningunha formación".

Olalla Rodil, con todo, reprochou a Rodríguez o "bochorno" de subirse á tribuna parlamentaria para "tomar como idiotas" aos deputados, e que se o recorte orzamentario representa o amor do PP pola cultura, debería "abrazala menos".

A deputada exemplificou as súas críticas con declaracións da Asociación de Actores e Actrices de Galicia ou da Academia Galega de Teatro, nas que ambas as entidades arremetían tanto contra a perda de repercusión do Centro Dramático "ano tras ano" como contra "a opacidade, á falta de comunicación e o escurantismo" da Xunta.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, atende os medios antes dun acto en Santiago. XUNTA
O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, atende os medios antes dun acto en Santiago. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta