G. Caballero: "O problema do IVE xerouno Montoro mentres Feijóo aplaudía e calaba"

O secretario xeral do PSdeG entende que "o caso de Verín é a punta do iceberg do desastre de Feijóo na política sanitaria en Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2020 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, acusou o PP de xerar o problema do IVE das comunidades autónomas, que reclaman un total de 2.500 millóns da liquidación de 2017, e entende que "a solución non pasa polos tribunais, como manifestou Feijóo, senón pola negociación e o diálogo multilateral".

Así o manifestou o dirixente socialista este sábado despois de manter unha reunión de traballo coa organización socialista na provincia de Ourense, co obxectivo de "facer un repaso da axenda política máis inmediata da actualidade do país". Na cita estiveron presentes o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, así como deputados, senadores, concelleiros, alcaldes e deputados provinciais.

Neste contexto, Caballero lembrou que "o problema do IVE xerouno (Cristóval) Montoro no ano 2017, mentres Feijóo aplaudía e calaba". Ademais, sinalou que "o Goberno socialista nos Orzamentos Xerais do Estado de 2019 escribiu un artigo que implicaba corrixir o desaxuste do IVE e o PP votou en contra".

Por este motivo, o líder do PSdeG-PSOE manifestou que, "unha vez esgotado o prazo pola vía ordinaria", é necesario "buscar solucións de forma multilateral que implicarán negociacións, dado que ningún partido ten a maioría absoluta no Congreso dos Deputados".

Caballero presentou aos socialistas como "a única vía" para solucionar o problema mediante "a procura de mecanismos de compensación que permitan drenar eses fondos ás comunidades autónomas, ben a través dun novo modelo de financiamiento, ou ben a través da vía orzamentaria".

Tamén sinalou que a vía dos tribunais, que non descartan territorios gobernados polos socialistas como Castela-A Mancha e Estremadura, "non vai levar a ningunha parte, nin xuridicamente nin nos tempos en que iso permite resolver o asunto". A iso engadiu que "non vai caer en 'facerlle o caldo gordo' a un PP que xerou o problema e non permitiu solucionalo no prazo estipulado pola lei".

INTERMODAL

Por outra banda, tamén se referiu ao proxecto da estación intermodal en Ourense para pedirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que "se achegue ata Ourense para explicar os motivos que levan a situar a nova estación de autobuses á beira dun centro sociosanitario".

Tamén lle pediu ao titular do Goberno galego que "deixe de mandar a súa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para tentar xustificar o que non se puiden xustificar".

O seguinte que Feijóo debería facer, segundo Caballero, é "explicarllo ao seu alcalde de Ourense para que traballen na mesma liña". "Feijóo e Jácome deberían reunirse, comparecer en Ourense e explicar conxuntamente o proxecto que eles fixeron para a estación de autobuses nesa localización", manifestou.

Neste contexto, aludiu a que a intermodal en Ourense "leva o selo do PP que foron quen aprobaron o proxecto cando gobernaban na administración local, autonómica e nacional" e, por tanto, emprazou os populares a que "expliquen o que queren facer".

Así, sinalou que "o Goberno actual de España ten os fondos para desenvolver os proxectos que esta cidade teña", pero para iso "debe existir un proxecto de cidade" e, en palabras de Caballero, o actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, "non é capaz de dotar a cidade dun proxecto de futuro".

"Os socialistas estamos dispostos a traballar para reformular todo o que lle conveña a esta cidade e para dotala dunhas infraestructuras que permitan unha integración do territorio e do urbanismo que conecte os distintos barrios da mellor forma posible", recalcou.

DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA

Por outra banda, Caballero tamén chamou á cidadanía a sumarse á convocatoria en defensa da sanidade pública prevista para este domingo, ás 12,00 horas en Santiago de Compostela, co fin loitar "contra os recortes e privatizacións do Partido Popular".

Fíxoo en Ourense porque entende que "o caso de Verín é a punta do iceberg do desastre de Feijóo na política sanitaria do noso país". Neste sentido, atribuíu á "mobilización masiva en contra do peche do paridoiro de Verín" unha vitoria fronte á "decisión que tiña exposta Feijóo para pechar paridoiros en todos os hospitais comarcais porque non cubrían aqueles criterios que el convertía en técnicos".

ADIANTO ELECTORAL

Así mesmo, ante a incógnita de se Galicia se sumará ao adianto electoral que parece estudar o lehendakari, Iñigo Urkullu, Caballero dixo que o PSdeG-PSOE está "preparado para ir ás urnas en calquera escenario electoral". Por iso, volveu pedir a Feijóo que "teña a responsabilidade e dignidade política de aclarar xa un calendario electoral que posibilite que as regras de xogo sexan claras para todos".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun paseo por Ourense xunto a cargos do seu partido.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun paseo por Ourense xunto a cargos do seu partido. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta