Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/02/2020 | Actualizada ás 19:03
Os cazadores mataron un total de 17.044 raposos en Galicia en 2018, segundo a asociación defensora dos animais Libera, crítica co aumento da presión cara a eses mamíferos.
A citada entidade, que indica que os seus datos se basean en cálculos da Xunta, apunta que desde 2011 hai máis de 92.000 raposos abatidos en cazarías en Galicia.
Libera fai públicos eses datos coincidindo coa celebración na xornada deste sábado dun "campionato para exterminar raposos" nos municipios de Portomarín, Guntín, Monterroso e Paradela, na comarca lucense de Ribeira Sacra.
Cuestiona a consideración como "deporte" da actividade cinexética e sinala que iso "permite camuflar a autorización de macrocazarías nos últimos anos".
A citada asociación destaca nun comunicado que hai un "aumento do número de animais abatidos", o que "non significa unha maior poboación deste ser vivo, senón unha maior presión cinexética".
Engade que "a medio prazo podería supor importantes desequilibrios ecolóxicos, por exemplo, xerando un efecto rebote na natalidade das raposas, tal e como suxiren diferentes estudos realizados en Alemaña e Francia sobre fauna silvestre e caza".
Libera lamenta que a Consellería de Medio Ambiente non efectuou "estudo ou censo científico ningún" sobre o impacto ambiental independente dos grupos de presión.
Ademais, argumenta que "tampouco existen datos respecto dos danos agrícolas ou gandeiros que xustifiquen a permisividade continuada cos escopeteiros do Goberno" da Xunta, presidido por de Alberto Núñez Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.