Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 11:14
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a disolución do Parlamento galego e a convocatoria das eleccións autonómicas o próximo 5 de abril. Deste xeito, o primeiro fin de semana de abril, os galegos e galegas elixirán un total de 75 deputados polas catro provincias galegas. En concreto, serán 25 escanos pola Coruña, 14 por Lugo e outros 14 por Ourense, e 22 por Pontevedra. Para a carreira cara ás urnas, a campaña electoral durará 15 días e empezará o venres 20 de marzo ás 00,00 horas. Unha vez celebradas as eleccións, a cámara resultante reunirase para a súa sesión constitutiva o 5 de maio ás 11,00 horas.
Ante esta decisión de adianto electoral anunciada na tarde do luns por Alberto Núñez Feijóo, as reaccións da política e do empresariado comezan a deixarse sentir.
"NECESITAMOS GOBERNOS FORTES"
A Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) celebrou este martes o adianto na convocatoria de eleccións autonómicas galegas, e lembrou que, tras dous anos de "campañas e incerteza" a nivel estatal, os empresarios necesitan "gobernos fortes" e non poden "estar nunha campaña de 6 ou 7 meses".
Así o trasladou, en declaracións aos medios, o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, quen apuntou que "era bastante lóxico" que se producise ese adianto tras o "movemento" do lehendakari vasco, e tendo en conta que as últimas tres convocatorias electorais foron "aliñadas" en Galicia e Euskadi.
"Nestes momentos, os empresarios non podemos estar nunha campaña de 6 ou 7 meses, cando vimos de dous anos de campañas, de incerteza, de dúbidas. Necesitamos gobernos fortes, sólidos, predicibles, e canto antes sexan as eleccións moito mellor", aseverou.
"PROBABLEMENTE NON FOSE A SÚA IDEA INICIAL"
Pola súa parte, a presidenta do PP de Lugo e alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, tamén se manifestou acerca deste adianto electoral. Aínda que cre que "probablemente non fose a idea inicial" de Feijóo, coida que a tal momento é a decisión "máis intelixente e menos prexudicial para Galicia".
Así mesmo, Candia tamén xustificou o adianto das autonómicas co fin de "evitar campañas interminables nunha situación tan excepcional coma esta".
FEIJÓO "ESTABA EN PRECAMPAÑA"
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, manifestou que a decisión do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de adiantar as eleccións autonómicas confirma que o titular do Executivo galego "estaba en precampaña" nestes meses "á conta de insultar" ao Executivo central.
A preguntas dos xornalistas, considerou que o adianto pon de manifesto "o por que da virulencia do presidente e dos conselleiros contra o Goberno". "O señor Feijóo estaba en precampaña e os galegos non o sabiamos e agora temos constancia de que o que non sabiamos é que estaba a facer a súa precampaña á conta de insultar, criticar e atacar con virulencia ao Goberno", sentenciou.
"A MAQUINARIA ESTÁ LISTA"
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), asegurou que "o proxecto" do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "está esgotado". "E tal como viñemos visualizando nos últimos meses, os recortes tiveron moita incidencia en Galicia en servizos básicos", abundou.
"Todos tiñamos en mente que isto era algo que podía pasar, no que ao PSOE respecta, que é do que podo falar. A maquinaria está preparada e lista, onde temos un proxecto de país", asegurou Mato con respecto ao adianto.
"Denunciamos en varias ocasións que a Xunta ten as competencias en materia industrial e non pode permanecer á marxe dos grandes problemas industriais que ten a nosa comarca e que entendemos que cun novo goberno liderado por Gonzalo Caballero será moito máis sinxelo facer unha interlocución entre administracións e que permita que Ferrol resolva o seu problema fundamental, como é a falta de emprego, de perspectiva industrial e de desenvolvemento", concluíu o alcalde con respecto a Ferrol.
SOPRA "VENTO DE CAMBIO"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou este martes que o "vento de cambio" sopra con "unha forza imparable" en Galicia. O líder dos socialistas galegos acusou o líder do PPdeG de "incumprir o seu contrato cos galegos" e "ir por baixo do calendario de Eusakadi".
"Feijóo incumpre unha vez máis o seu compromiso e a súa palabra, xoga a conseguir algún tipo de vantaxismo electoral que lle poida dar os réditos que foi perdendo ao longo do seu mandato", sostivo o tamén candidato do PSdeG á Xunta, que considera que o popular deixa tras os seus 11 anos de mandato unha "Galicia peor en todos os parámetros importantes".
Gonzalo Caballero augurou que esta será unha "campaña moi intensa" pero deixou claro que está "preparado" para os "ataques feroces do PP". Así mesmo, asegurou falar co presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, nas últimas horas. Segundo indicou, Sánchez trasladoulle que "en Galicia hai vento de cambio" e unha "oportunidade histórica" para cambiar o goberno da Xunta.
Na rolda de prensa e tamén interpelado sobre os prazos que o PSdeG baralla para configurar as súas candidaturas de cara á cita coas urnas, Gonzalo Caballero informou de que o vindeiro xoves se reunirá a executiva da formación para "perfilar estas cuestións". Así mesmo, lembrou que o senador Xoaquín Fernández Leiceaga traballa xa na preparación do programa electoral. "Nós temos o partido preparado", incidiu.
Neste punto, preguntado por se a actual división da esquerda rupturista pode prexudicar a configuración dunha alternativa ao PP en Galicia, o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta deixou claro que a súa formación sae a ser "primeira forza" como xa o foi nas primeiras eleccións xerais de 2019.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.