Por Europa Press / Redacción | Compostela | 12/02/2020 | Actualizada ás 13:57
A entrega dun escrito na sede do Goberno galego en Santiago, por parte de varios portavoces sindicais, saldouse con polémica tras a intervención dun axente da Policía Nacional que impediu a gravación e a realización das declaracións dos representantes de profesorado no recinto de San Caetano.
Os portavoces destas organizacións, en concreto CIG-Ensino, FeSP-UXT, ANPE, CC.OO Ensino, STEG e CSIF, acudiron ás 11.00 horas deste mércores ao Rexistro Xeral da Xunta para entregar unha carta dirixida ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, co obxectivo de tentar desbloquear a negociación sobre a recuperación dos dereitos e condicións do profesorado recortados durante a crise económica.
No momento no que se ían a realizar as declaracións, un axente da Policía Nacional achegouse á comitiva de medios e sindicalistas para advertirlles de que non podían facelo por estar no interior do recinto de San Caetano e moito menos tomar imaxes coas cámaras, aludindo á Lei de Protección de Datos.
Esta situación xerou unha discusión entre o axente, os medios alí presentes e os representantes sindicais, posto que este tipo de actos levan realizando durante anos con total normalidade tanto no propio recinto como no interior do edificio administrativo da Xunta por parte de representantes sindicalistas, outro tipo de asociacións e mesmo con membros do Goberno galego. Tanto os medios como os sindicalistas víronse obrigados a abandonar o recinto para poder realizar o acto previsto, que se celebrou a uns metros do valado de San Caetano.
"CENSURA POLÍTICA"
O incidente prodúcese, ademais, uns dous días despois de que Núñez Feijóo anunciase a súa decisión de adiantar as eleccións para facer coincidir a data dos comicios co proceso en País Vasco, ao próximo 5 de abril, e un día despois de anunciar que optará á reelección.
En declaracións aos medios xunto ao resto de portavoces sindicais, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, tachou o incidente de "un caso insólito de censura política" e que "evidencia un exceso de celo por parte da Policía e un exceso de nerviosismo por parte do Goberno da Xunta".
ANPE Galicia criticou que, en resposta a unha interpelación a negociar, o resultado sexa "oídos xordos e a expulsión dos medios de comunicación que cubrían o acto" e FeSP UXT tamén censurou o impedimento a facer gravacións no propio recinto.
Así mesmo, a CIG avanzou que dirixirá unha queixa formal á Xunta "por esta grave decisión de censurar a liberdade de información", cando "acotío se producen actos e comparecencias do propio goberno e de todo tipo de asociacións e entidades, dentro do mesmo recinto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.