Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2020 | Actualizada ás 14:04
A do descubrimento persoal do idioma galego é a súa historia preferida. Ao redor dun café e mais unha infusión, Ekaterina Yakovleva relata cun galego extremadamente coidado e unha gheada fermosamente espontánea, como é que chegou ata aquí e como é que fixo tan súa a lingua.
Ela naceu en Rusia, na cidade de San Petersburgo, pero pasou parte da súa infancia en Crimea. Apaixoada polas culturas célticas, axiña deu no mapa con Galicia. De feito, antes de viaxar aquí e coñecer o país de primeira man, ela xa aprendera o galego durante ben tempo na propia Rusia. "Tiña clases preto da miña casa de catalán os sábados e de galego os mércores. E dixen: 'Buf! Os sábados non vou!'", conta a risas. Así que, por fortuna para nós, quedou co galego. Pouco a pouco e grazas á súa profesora, foise achegando á cultura que rodeaba toda aquela lingua que tanto prendía dela.
"Non me chamaba a atención esa España que me mostraban na tele, de flamenco e touradas, pero cando me dixeron que había un sitio onde eu podía casar o meu coñecemento e cuxa cultura era diferente, encantoume e decidín vir". A primeira vez que pisou esta terra foi hai seis anos, cando veu para facer un curso de galego de verán. Conta que dende o primeiro día que chegou a Santiago soubo que ía quedar aquí. "Xa tiña a sensación de que estaba na casa". E así que coma quen non quere a cousa, foi parando por estes lares. Ekaterina, que é tradutora e intérprete, fixo aquí o máster e agora anda na busca de traballo.
FALAR GALEGO, UN "SUPERPODER"
Durante os seus estudos en Compostela mantivo sempre a teima de falar galego, mais non lle foi tarefa fácil. "Aínda que eu o intentaba, algúns profesores falábanme sempre en castelán... E a min doíame un pouco iso, porque, aínda que o sei, non tería por que coñecer esoutro idioma". Segundo ela o entende, a lingua é das ferramentas máis poderosas para te adaptar a un lugar novo, imprescindible para te achegar a unha cultura e a un territorio.
E máis tendo en conta o carácter galego. "En Rusia é moitísimo peor, pero aquí as distancias nas relacións sociais seguen sendo grandes". Érguense barreiras á hora de romper o xeo e tecer amizades se non coñeces ben a lingua. "As relacións son máis fortes cando valoras o que se entende como 'noso'". Así pois, Ekaterina, aos poucos, foi forxando lazos e "botando raíces". Para ela, falar galego é "un superpoder" do que recoñece riseira que mesmo 'abusa' un chisco.
"Non poucas veces nas tendas me teñen feito descontos. E para ligar xa non che digo! É a miña mellor estratexia!", bota a risas. O seu galego con tons estranxeiros vólvese o centro de atención cando menos o espera. Mais, no fondo, que isto aconteza deixa entrever que non todos os idiomas están ao mesmo nivel de recoñecemento e valoración, e que polo tanto, non se espera o mesmo dos seus potenciais falantes: "Ninguén se sorprendería se falara español, e debería ser o mesmo, o galego é unha lingua máis".
Non só a través do galego Ekaterina vai facendo seu este lugar. Dende hai medio ano vai a aulas de baile galego na escola VivAntes. Unha das cousas que máis lle gustou deste país é que a xente bailara muiñeiras e xotas no espazo público, en foliadas e seráns. "Eu son dunha cidade grande, a xente que baila baile tradicional ruso non se lles ocorre facelo na rúa". Envexa esas pequenas cousas que fan único un lugar. "Gústame moito saber de onde proceden os puntos que bailo, por que son esas as posicións do corpo... Cando dou clases de lingua, pásame o mesmo: encántame explicar por que a lingua é como é hoxe en día".
O COIDADO DA LINGUA
Logo de tanto falar o galego, Ekaterina xa diferenza os seus dialectos. "Eu son unha Frankenstein de todo o que levo escoitado". Foi collendo das súas experiencias e do seu contorno as fonéticas precisas e os xiros dialectais que máis lle acaían. "O que aprendín na clase é unha cousa, pero máis aprendín falando coa xente". No seu país de orixe perdéronse hai tempo todas as diferenzas xeográficas do idioma. "Crearon unha norma unida, así que non diferenciamos a parte da que proveñen as persoas... A diversidade mátase canto máis poder adquisitivo teñas". Por iso especialmente, ao que chegou aquí valorou a riqueza lingüística que o galego segue conservando.
"Encántanme as señoras maiores que me contan a súa vida no autobús. Dunha vez estaba en Salamanca para volver para Santiago e atopeime cunha señora... Achegouse a min e faloume en galego. Estivemos mirando os horarios e nun momento preguntoume se era de Santiago, eu díxenlle que non, e soltoume: "Non te preocupes, eu tamén son da aldea!". A xente alucina cando lles descobre que non é de aquí. "Unha pena que a xente non o fale máis, dóeme cando escoito que lle din aos nenos que co galego non teñen saídas", lamenta Ekaterina. A ela encantaríalle poder ser bilingüe de nacemento. "Para que vas renegar de algo tan útil que tes de balde? Coñecer idiomas é bo para o cerebro e para o desenvolvemento da vida en xeral". Bota en falta, cando camiña pola rúa, escoitar máis galego, sobre todo na rapazada nova.
NA PROCURA DA LIBERDADE
Ekaterina chegou a Galicia buscando un lugar no que, como muller, sentirse máis protexida. "As mulleres, fartas, emigran... Porque tes que escoitar moitas cousas todos os días: que un tipo che diga que tes e que non tes que comer, como tes que vestir... Eu teño mil historias", relata. "Cada vez que volvo a Rusia teño que prepararme". Sabe que lle van preguntar polo físico e polo casamento. Son as dúas cuestións das que nunca é quen de escapar. "O meu mozo faleceu, e é o que digo para que a xente cale a boca. Primeiro, porque desgraciadamente é verdade, e segundo, para que entendan o fatal que é preguntar iso".
Agora, conta, dende a súa última viaxe a Rusia no Nadal, está máis esperanzada. "Con Internet, o Estado non ten tanto poder sobre a xente, que se educa e comeza a entender que os gays non son os nosos peores inimigos e que non se pode tratar así ás mulleres". Con todo, se polo de agora non volve a Rusia, é precisamente por razóns sociais. "Eu tiven que chegar aquí para darme conta de que algunhas cousas que me pasaran a min foran violacións, que non foran culpa miña. Agora enténdoo, pero tamén entendo que na casa non opinaran o mesmo".
"Se vas da man coa túa moza, a xente mírate, e mirar é o mínimo que pode pasarche". Ekaterina ten ido a Finlandia coa súa parella para poder ter unha relación natural, "para poder estar da man, bicarnos na rúa...". "Na nosa casa era imposible". Despois deste nadal volve estar máis "en paz" con Rusia, conta, aínda que vivir alá "supoñería un traballo diario". Gustaríalle volver, pero desexa aquel día en que o único que lle pregunten sexa se ten traballo, se ten estudos, se a vida lle vai ben...
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.