A lexislatura da abolición

A coalición dos animalistas que apostan pola incidencia política pode dar resultados. Xa demostraron que as ideoloxías poden confluir en espazos parlamentares como EPDA.

Por Rubén Pérez | Santiago de Compostela | 17/10/2012

Comparte esta noticia

Unha coalición formada pola Asociación Animalista Libera, a Fondation Franz Weber e máis a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas mantivo encontros estas pasadas semanas con diferentes candidaturas de corte progresista. As formacións escollidas foron PSdeG-PSOE, BNG, Compromiso por Galicia e Alternativa Galega de Esquerda. E a idea, como non podía ser doutro xeito, supuña ofrecer un argumentario a prol da defensa e protección dos animais para a vindeira lexislatura.

Nos encontros, dos que deron conta as organizacións impulsoras nas propias redes sociais, saiu un tema candente e non exento de polémicas alieníxenas: as touradas: Entendendo que esta aberración cultural, tradicional, ou como prefiran chamala, non pode ter lugar na nosa terra; é dicir que lle quedan un par de telexornais á vista da grande audiencia que colleitou o pasado 5 de Setembro en TVE ou das prazas semivacías da Coruña, Sarria ou Padrón...

Votar en clave animalista xa é posible sen ter que marchar cara opcións reduccionistas. Aquelas persoas que se preocupan e sinten polos seres vivos poden apostar por propostas electorais de case todo tipo. Votar non significa comulgar co 100% dun programa electoral porque isto, salvo contadas excepcións, é unha opción ilusoria. Pero que en apenas 3 anos diferentes formacións asuman compromisos no eido da defensa animal é un éxito notable, e por moito que se empeñen algúns xa non ten paso atrás. Unha bandeira non é tal por levala, hai que tamén saber axitala.

Resultará significativo descubrir como un hipotético cambio de signo no goberno da Xunta pode dar carpetazo á tortura animal como espectáculo, e a moitas outras “cafradas” que se permiten cos animais como o tiro ao pombiño, unha modalidade de caza de extrema crueldade que se basea en recurtar as colas de pequenas aves para que o seu errático vo facilite o disparo. E así morren reventadas no ar, literalmente.

Por iso estamos perante a lexislatura da abolición, que pasa necesariamente por botar ao inmovilismo das cadeiras do goberno galego, a aqueles que durante tres anos fixeron de brigada de demolición da protección animal suprimindo as axudas ás sociedades protectoras, que permitiron o incumprimento sistemático da normativa de parques zoolóxicos, que permitiron os espectáculos circenses con animais, e outras tantas cousas como subsidiar festexos taurinos e adiantar a tempada de caza co único obxetivo de garantir que un colectivo de marcado carácter e orixe conservadora teña a súa cita coas urnas e coas escopetas sen problema.

A coalición dos animalistas que apostan pola incidencia política pode dar resultados. Xa demostraron que as ideoloxías poden confluir en espazos parlamentares como EPDA, unha plataforma de traballo que tivo moi poucos meses de percorrido na cámara galega, pero que contou coa adhesión de sete deputadas e deputados socialistas e nacionalistas. Hai ideas comúns, ideas-forza que poden marcar un antes e un despois neste eido. Estaremos alí para lembrar os compromisos adquiridos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Rubén Pérez Rubén Pérez (A Coruña. 1986) é activista a prol dos dereitos dos animais. Diplomado en Traballo Social e con posgraos en Violencia de Xénero e Acción Humanitaria, colabora en LIBERA! dende 2007, organización na que desenvolve tarefas de coordinación e comunicación política. Dende 2008 tamén é voceiro adxunto da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, alianza que traballa investigando, entre outros eidos, o uso de diñeiro público en festexos taurinos.