Por Rubén Pérez | Bruxelas | 17/11/2012
¿Cómo entende un cidadán que na Unión Europea continúe unha actividade de maltrato cara os animais baixo a bandeira da tradición e a cultura en tres países membro? Seguramente lles resultará estrano ver como o martirio, mutilación e morte dun ser vivo puidese ter lugar nos seus países, pero todavía é máis estrano comprender que esté financiado con fondos públicos e ademáis contando con protección por parte das institucións.
Falamos da tauromaquia, un entramado de festexos e actividades que desapareceu prácticamente de Europa nos dous últimos séculos, pero que se mantivo de forma residual en España, Francia e Portugal, con variacións pero cuxa esencia violenta pervive. A pesares de ser unha actividade marxinal, a Comisión Europea sempre alegou falta de competencias para prohibir, impedir ou ilegalizar os festexos taurinos, aínda que non se axuste a ningunha normativa comunitaria non xa de benestar animal, senón de transporte de gando, protección do menor en actividades lesivas para o seu desenvolvemento moral, etc.
Crueldade cos animais
Un espectáculo no que se tortura lentamente a un ser vivo como parte dunha liturxia programada que sempre debe acabar coa morte do animal e a súa posterior mutilación como trofeo, é complicado de defender; máxime cando na casa común, a UE, se rexeita de forma maioritaria o que estás a facer, pero te permiten facelo e ata te financian algúns aspectos a custo cero.
Se nos últimos anos a sociedade e cada vez máis gobernos propiciaron mudanzas de paradigmas a favor dunha maior e mellor protección dos seres vivos nos seus hábitats naturais, aqueles animais cos que convivimos día a día, erradicando actividades lesivas e indignas e regulado o seu uso en aspectos polémicos como a experimentación; o caso da tauromaquia é especialmente grave, superando calqueira determinación de protección, e só existindo unha vía: a abolición. Porque é un espectáculo que indigna á cidadanía, de carácter marxinal e que non ten grandes diferencias con outras actividades que ilegalizamos como as pelexas de cans e as pelexas de galos. Todas elas tiñan un certo compoñente cultural, pero isto xamáis pode ser excusa para torturar a un ser vivo ata unha morte cruel.
O expolio da “caixa común”
Por se fora pouca a crueldade que amosann estas autodenominadas festas, existen factores que farían ruborizar a moitas institucións, incluidas as europeas. A tauromaquia percebe fondos europeos; non é unha denuncia en van, é unha situación contrastada e denunciada por diferentes eurodeputados e eurodeputadas verdes. A través da PAC, os ganadeiros perciben ao redor de 500€ por animal, tendo en conta que os touros criados rematarán os seus días servindo como espectáculo nunha praza de touros.
Grazas a FEDER, FEADER e outras denominacións, como PRODER e POLIS en Portugal, diferentes municipios reformaron, rehabilitaron e levantaron da ruina, prazas de touros que albergarán dous, tres ou catro festexos taurinos por ano. Casos como o de Estremoz, Santo Antonio das Areias ou Fuente del maestre, son proxectos taurinos cada vez máis habituais e que meten man á caixa común, os fondos de todolos europeos.
Non hai que facer una fonda reflexión para comprobar que adicar diñeiro á tauromaquia é non adicar diñeiro ao desenvolvemento das rexións menos desenvolvidas dos estados membro, e a pregunta inicial se transforma en indignación ¿Qué pensarán os búlgaros, polacos e austríacos destes dispendios económicos? E non semella que estemos como para tirar os cartos en obras destas características, que representan ademáis unha actividade lamentable.
Tamén o FSE beneficiou a empresas cuxo objetivo é montar e desmontar prazas de touros portátiles, a medios de comunicación que fan apoloxía da violencia cos animais, a fundacións sen unha finalidade detallada, e en definitiva dotando de fondos económicos un sector que se desmorona pola evidente falta de apoio social.
Traballo precario, toureiro millonario
Un toureiro pode chegar a gañar deceas de miles de euros por tan só unha hora de traballo. Mentres os escasos postos de traballo que supón esta actividade, ao redor de 2500 en España, vense afectados pola precarización, grazas á temporalidade e os baixos soldos. O traballador modelo é unha persoa de baixa cualificación profesional, que escapa da pobreza no mundo rural, e que atopa nas corridas de touros un posto de traballo.
Este traballo precario supón grandes desigualdades con respecto aos “valentes”, as “estrelas” da tauromaquia, obxecto dos grandes focos. E ademais, a ninguén se lle escapa que un traballador dunha praza de touros portátil, por exemplo, é imposible que viva con tres, catro ou ate cinco días de emprego efectivo e o soldo que iso conleva. A falta de formación destas persoas obrígalles a aceptar empregos neste ámbito, aínda con peor remuneración que o sector primario e cunha falta de continuidade que provoca tamén ansiedade e medo no traballador, que se ve atrapado por un círculo vicioso de precariedade.
A resposta verde: unha reconversión ética e sustentable
Hai que tomar decisións e impulsar solucións. A sociedade debe liderar unha verdadeira revolución para acabar coa tauromaquia e crear alternativas factibles de recuperación económica a través dunha reconversión ética, que rexeite os malos tratos animais como industria e promova a creación de emprego digno, e unha reconversión sustentable, que ofreza unha nova forma de xerar riqueza a través da sinerxía entre o medio natural e o turismo.
O touro pode converterse no verdadeiro protagonista da nosa revolución, e o espazo onde vive, as dehesas, un verdadeiro lugar de traballo. A reconversión, do mesmo xeito que noutros sectores, pode ser complicada e dificultosa, pero as vantaxes que suporá en todos os niveis auguran un éxito seguro. A promoción e impulso para crear santuarios para os touros de lidia, onde os antigos traballadores desempeñen labores de vixilancia, control e atención ao visitante, grazas a programas formativos específicos que capaciten e melloren a cualificación profesional, suporá unha bolsa de emprego significativa, que superaría con fartura os postos de traballo adicados actualmente á tauromaquia.
A aposta polo denominado turismo sustentable, onde os visitantes europeos poidan ver en liberdade aos bóvidos, sen dúbida animais maxestuosos polo seu tamaño e forza, suporá o impulso da oferta rural de aloxamentos, creando unha verdadeira rede de turismo ecolóxico, amigo da contorna e sen a perspectiva negativa de matar a un animal como festexo público.
As antigas prazas de touros, situadas de xeito habitual en espazos céntricos das cidades e pobos, teñen posibilidades reais para reformarse en centros colectores de intervención cultural, lugares de esparexemento con salas de cinema, mercados tradicionais ou mesmo locais de restauración, promovendo unha verdadeira rexeneración económica dos barrios onde están construídas.
Por iso, a resposta verde á tauromaquia debe ser unha resposta ética cos animais e as persoas, que cree riqueza económica respectando criterios de sustentabilidade, dignidade no traballo e nas contornas, onde os fondos comunitarios poden ter unha importancia crucial e útil, e mudará o paradigma de lecer dos países onde aínda se mantén esta actividade que non representa nin á cidadanía nin aos seus estados.