Por Rubén Pérez | A Coruña | 20/02/2014
O diario “El Ideal Gallego” ten a sorte, ou desgraza, de amparar certos artigos dunha deficiente escritura que promoven a defensa das touradas cunha fértil base de insultos e descualificacións de pobre nivel.
O cualificativo máis empregado é “cavernícolas”, quizás sen facer o seu autor unha somera descripción do que supón un festexo taurino, espectáculo medieval que consiste na tortura pública dun animal mentras un público enfervorecido, e minoritario afortunadamente, berra. Esta é a tauromaquia, esta é a caverna pseudocultural de España e doutros poucos estados no planeta.
Por suposto sempre hai espazo para comprar o movemento contrario ás touradas coas súas supostas non protestas cara a escravitude infantil e ata o aborto! Dende logo proba evidente do sesgo ideolóxico de quen escribe, que tamén trufa os seus textos con ameazas como chamar “Populistas, reaccionarios, fachas, fascistas” (sic) ás cidadás e cidadáns que se manifestan contra un evento de violencia, onde o Comité de Dereitos do Neno tamén recoñeceu o adoutrinamento ao que se somete aos menores nestes espectáculos de sangue e morte. Tamén serán fascistas eles?
“Cuatro anacrónicos y severos progres” que curiosamente representan ás maiorías sociais, posto que o activismo contra as touradas e o posicionamento popular cara esta actividade ben regada de fondos públicos nas vilas galegas onde todavía ten lugar, é innegable.
Provócame noxo que un ser humano poida cualificar de fascista a outro por pensar de forma diferente, pero non me chega a sorprender, xa que estamos afeitos a exemplos de expresión libertaria taurina, aquela que basea o dereito á Liberdade de expresión nunha sorte unidireccional. Amparar as vexacións e comentarios de baixo nivel cun dereito fundamental é canto menos facer malabares. Máis tamén é consecuencia da tauromaquia, que gozou do favor do caudillo. Curioso ou non tanto?
Habería que revisar esa obsesión polos activistas e os colectivos como Galicia, Mellor Sen Touradas que amosa o articulista (mal)educado, porque a súa forma de exponer a súa defensa dos festexos taurinos na Coruña rezuma odio, e pretende verter de xeito continuado a súa verborrea de nulo respeto cara os que cremos que a defensa dos animais é unha defensa dunha Sociedade máis responsable e ética. E por certo, non lle lín dicir nada da corrupción; supoño que tolerará que cada un poida expoliar ás administracións públicas.