Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/03/2020 | Actualizada ás 14:00
A alarma xerada en torno ao coronavirus está comezando a ter os seus efectos sobre o turismo e a afluencia de peregrinos a Compostela. O sector asegura que as reservas van "máis ralentizadas" do normal e que se produciron algunhas cancelacións nos últimos días. Hoteleiros, comerciantes e propietarios de albergues e pisos turísticos atenden expectantes a evolución desta enfermidade, xa que o futuro de cara á campaña de Semana Santa vólvese, de súpeto, unha "incógnita".
Este mércores é o primeiro día en que deixaron de operar os voos directos entre Italia e os aeroportos españois, unha medida tomada por parte do Consello de Ministros para prever a expansión do coronavirus. Se ben é unha decisión que se establece con carácter temporal, cun límite de 14 días que se poderá prolongar, esta restricción afectará tamén á candidade de viaxeiros que visiten o país, tendo en conta que as comunicacións entre Italia e o estado por vía aérea son numerosas.
Ademais, eventos, congresos e competicións deportivas veñen de ser aprazados ou reducida a súa entrada, as empresas toman as súas propias medidas e fomentan o teletraballo, os autónomos esixen un plan de continxencia para eles, e dende o Goberno piden tranquilidade e prevención. Polo de agora son 27 os casos confirmados por coronavirus en Galicia e case 1.700 en todo o Estado. O virus deixa tamén 35 mortes e 135 persoas xa se curaron dende o comezo da epidemia.
BAIXADA DE RESERVAS
O sector do turismo nota un maior temor entre as persoas viaxeiras nos últimos días, cando os casos comezaron a sumar en Galicia. "O coronavirus está afectando economicamente, hai menos xente do habitual", relata o xerente da Asociación de Comerciantes Compostela Monumental, José Ángel Blanco. Unha situación anómala que fai que a campaña de Semana Santa sexa, neste punto, unha "incógnita".
Se ben esta aínda é temporada baixa e os efectos son difíciles de cuantificar, o certo é que desde as axencias de viaxe e dende o eido da hostelaría comentan que xa están sufrindo numerosas cancelacións. Un dos responsables do hotel compostelán Santiago Apóstol asegura que se nota moito a falta de entrada de reservas. "É coma se viviramos un parón: temos cancelacións por parte de grupos e outros están esperando a ver que pasa, non saben o que van facer". Ante estas circunstancias, o hotel intenta trasladar as reservas cara ao final do ano, sendo xa conscientes de que "marzo e abril se dá por perdido". "Estamos todos esperando a ver que vai pasar, o medo é libre e a xente non sabe reaccionar".
Na axencia de viaxes Galicia Travels tamén veñen de cancelar unhas cantas viaxes para estudantes. "Dinnos que non queren vir de vacacións por medo", aseguran. Ademais, os clientes italianos fixéronlles "cambiar todas as reservas". "Tíñanas para abril e mudáronas para outubro". Dende Travels Galicia, situado en pleno casco histórico de Compostela, notan que nestes días son poucos os peregrinos que entran. "Creo que hai un alarmismo excesivo polo que vemos todos os días na televisión, pero tamén creo que falta organización", sentenza un dos encargados do negocio, que augura un futuro con "moitos problemas".
PISOS TURÍSTICOS E ALBERGUES
A situación de expectación é a mesma no negocio dos pisos turísticos e mais dos albergues. A presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, Dulcinea Aguín, comenta que as reservas "van máis ralentizadas" ca noutros anos por estas mesmas datas. "Como isto evoluciona tan rápido e non deixa de ser unha noticia que está presente todos os días, o impacto increméntase e para o turismo non é unha boa nova", analiza. Nalgunha zona si que veñen sufrindo cancelacións de reservas, mais a proximidade dos acontecementos impide aínda cuantificar os efectos. "A xente está expectante, é normal que non queiran facer plans a longo prazo. Nos últimos anos tamén aumentou moito a reserva de última hora, entón xúntanse varias cousas, é complicado facer un prognóstico claro", di Aguín.
En albergues o impacto do coronavirus tamén se comeza a sentir, pero de maneira tímida. Dende o Albergue Azabache, situado no centro de Compostela, notan unha pequena baixada de reservas, "pero non en exceso". Consideran que todo dependerá das medidas de contención e de como vaia evolucionando a información. De novo, as incógnicas inundan o discurso: "Non sei que pasará". Tamén no Albergue Linares están vixiantes. "Tivemos unha cancelación dun grupo de xóvenes para abril por medo ao coronavirus", aseguran. Os seus clientes peregrinos italianos tamén andan preocupados porque non saben se lles deixarán entrar de volta no país. Por outra banda, no Albergue Fin del Camino falan máis positivos: "Supoño que se incrementará o peregrino nacional en contra do peregrino estranxeiro, pero estamos en temporada baixa e de momento non sufrimos cancelacións".
Así pois, o sector do turismo mantense á espera de como evolucione o virus nas próximas semanas. "Imos ver se conseguimos que isto se normalice e non cunda o pánico, porque se non si que pode ser un pau gordo para todos en canto a venda e afuencia de visitantes nestes meses", espera José Ángel Blanco, da Asociación de Comerciantes. Ante todo, di, está a seguridade das persoas, pero móstrase crítico coas medidas tomadas dende o Goberno: "Algo fallou, é un sensentido que se isto xa se coñecía dende hai meses non se tomaran as medidas dende o primeiro momento. Deixamos de relacionarnos agora cando xa levamos relacionándonos máis dun mes e pico dende que apareceu o coronavirus?".
Con todo, Blanco é optimista e confía en que o virus morra coa chegada do bo tempo. "Esperemos poder salvar o ano, porque se seguimos así as perspectivas non será nada boas".
SEN PROTOCOLO ESPECÍFICO NOS ALBERGUES
Os protocolos que se están tomando ante a alerta sanitaria, tanto nestes locais como na rede de albergues, son as recomendacións xerais trasladadas polo Ministerio de Sanidade, mais polo de agora, Turismo de Galicia non desenvolveu un protocolo de acción específico.
Esta situación, unido ao potencial risco de propagación do virus polas rutas de peregrinación, suscitou algunha crítica e preocupación de asociacións e entidades relacionadas con este ámbito, como a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago. "Camiño e coronavirus. Non hai que alarmar, iso está claro, pero debemos informar. O certo é que, de momento, a administración pública non nos deu instrucións concretas para albergues ou tema de camiños", criticaban a través dun comunicado nas súas redes.
SEMANA SANTA DE FERROL
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), asegurou que hai unha "probabilidade extremadamente alta de cancelar a Semana Santa" aínda que, "dada a importancia que ten" a celebración nesta cidade, explicou que o Concello estará "uns días" para tomar "unha decisión definitiva".
O rexedor destacou que o Consistorio está "en contacto permanente" coa Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa para que, polo momento, "non pechen contratos" para "non sufrir así contratempos innecesarios" no caso de que haxa unha suspensión ante o coronavirus.
"Polo momento imos ver que é o que ocorre nos próximos días, aínda que todo parece indicar que parece que vai ter que ser cancelada", sinalou o alcalde en referencia a esta festa declarada de Interese turístico internacional.
XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, recoñeceu tamén este mércores en Lugo a preocupación dos empresarios "pola tempada de Semana Santa" debido á situación que atravesa a autonomía.
Rodríguez puxo de manifesto sobre o avance desta enfermidade que "día a día cambia". "Nós temos unha liña de diálogo co sector empresarial (do turismo) e está preocupado, sobre todo de forma inmediata pola tempada de Semana Santa. A partir de Semana Santa esperamos, tamén polas predicións, que isto se reduza e podamos traballar e pór en valor todo o que é a tempada de verán", subliñou.
Rodríguez evidenciou que "obviamente a situación é para estar preocupados, non caer no alarmismo, pero si para estar preocupados". "Tamén para planificar, e aquí o Goberno do Estado o que ten que facer é planificar e impulsar medidas de continxencia desde a perspectiva fiscal de apoio ao sector porque é un sector tremendamente importante, todos os sectores, pero o turístico baséase na mobilidade das persoas", sinalou.
Ademais, o conselleiro insistiu en que esta situación "impregna toda a sociedade e o turismo pode verse moi afectado". "Se o Goberno do Estado acaba de dicir que se restrinxen as viaxes hai un efecto directo na actividade turística, nun país tan turístico como é España, con máis de 80 millóns de turistas estranxeiros, e nunha comunidade como Galicia onde o turismo ten un papel moi importante. Estamos a falar de que supón en torno ao 10 por cento do PIB e 115.000 empregos", remarcou.
PAGO SEGURIDADE SOCIAL
O presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Lugo e membro do comité executivo do sector a nivel nacional, Cheché Real, propuxo que o Goberno "pospoña os pagos á Seguridade Social", pola crise do coronovirus. Así, tamén reclama "medidas laborais para protexer o emprego e medidas administrativas, que pasarían por implementar instrumentos financeiros para garantir os empregos das empresas.
"Solicítase ao Goberno que detalle a operativa que se debe de levar a cabo, actuacións contra a crise, como activar medidas á reactivación da demanda cando finalice esta crise", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.