A Feira de Nadal de Verín contará con 33 postos, actividades infantís e animación musical

Celebrarase os días 6, 7 e 8 de decembro na Praza García Barbón. Haberá 13 expositores locais e o resto virán de diferentes lugares de Galicia, Castela e León e Portugal.

Por Galicia Confidencial | Verín | 27/11/2024 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O Concello de Verín celebrará a súa tradicional Feira de Nadal os días 6, 7 e 8 de decembro na Praza García Barbón. O evento, xa consolidado aproveitando as datas festivas de comezo de decembro, conta con 33 postos confirmados de artesanía e alimentación, presentando ademais unha ampla programación con actividades infantís e animación musical. O evento foi presentado o pasado 22 de novembro polos concelleiros Manuel Lorenzo Feijóo, responsable de Transportes, Feiras e Hostalería, e Samanta Barreira, encargada de Turismo, Cultura e Festexos e Conservatorio.

Feira de Nadal 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.
Feira de Nadal 2023. Foto: Prensa Concello de Verín.

Os visitantes poderán gozar dunha variada selección de produtos de artesanía e alimentación ofrecidos polos 33 postos participantes, habendo lugar tamén para stands solidarios e educativos que poñerán algunhas asociacións locais e colexios.

Desde o punto de vista da procedencia dos seus participantes, a Feira de Nadal de Verín será este ano un reflexo de riqueza e diversidade, con 13 expositores locais de Verín e 6 da comarca, que se complementan coa participación doutros recunchos de Ourense (5), distintas zonas de Galicia (6), e incluso expositores internacionais de Chaves (Portugal) e Castela e León, convertendo o evento nun auténtico crisol de tradicións e sabores.

HORARIOS E ACTIVIDADES PARALELAS

En canto aos horarios, a Feira de Nadal abrirá os tres días de 16:30 a 19:00 h., e contará con moitas actividades pensadas para todos os públicos, aínda que de xeito especial para a cativada.

Ademais de diferentes obradoiros --elaboración de galletas, manualidades con materiais recilados, creacións de postais...--, haberá actuacións musicais --Coral de Verín, Nelson Quinteiro...-- e contarase coa presenza de Papá Noel o 7 de decembro, día no que recollerá cartas e prestarase para sacar fotos cos pequenos e pequenas da casa.

Como de costume, o evento rematará cunha entrega de premios ao mellor stand da feira e un sorteo dunha Cesta de Nadal con produtos dos expositores, que terá lugar o domingo 8 de decembro, ás 19:45 horas, antes do peche do recinto feiral.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta