Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2020 | Actualizada ás 18:01
"Divisou a Catedral de lonxe e empezou a acelerar", di a nai de Pedro Vázquez, un mozo de 17 anos da Coruña con parálise cerebral que este venres completou o seu soño: facer o Camiño de Santiago.
Tras sete etapas nas que, acompañado pola súa nai, a súa irmá, membros dun club de ciclismo e un par de profesionais de 'hand-bike'; Pedro chegou á Praza do Obradoiro pouco despois das 12,00 horas deste venres.
Na última etapa participou tamén o triatleta campión do mundo Javier Gómez Noya, padriño desta edición das Bolsas Vamos de Cola Cao e o Centro Superior de Deportes (CSD), que custearon a bicicleta adaptada de Pedro e a expedición, que partiu de León o pasado 7 de marzo.
O triatleta ferrolán expresou a súa satisfacción por poder participar nunha "inicaitiva moi bonita e moi importante", á vez que puxo en valor o logrado por Pedro, cuxa nai destacou que ver o sorriso do seu fillo ao entrar na Praza do Obradoiro compensou o esforzo "titánico" da última semana.
"Isto foi moi epecial para todos, sobre todo para el (Pedro). Criamos que o primeiro día se lle ía acabar a efusividade da bicicleta nova, pero cada día atopábase máis a gusto na bici", sinalou.
Aínda que estaba previsto que 200 persoas arroupasen a Pedro Vázquez e o resto da expedición nos últimos metros da súa viaxe, as medidas impostas pola crise do coronavirus impediron que se levase a cabo o programado.
Con todo, recoñecen que "nin un muro" podería impedir que entrasen no Obradoiro cumprindo un obxectivo que Pedro levaba "gravado a lume" mesmo antes de saír da Coruña: completar o Camiño de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.