Crean un servizo de primeiros auxilios emocionais gratuíto durante o estado de alarma

A atención vai dirixida a adolescentes de entre 12 e 18 anos e a coidadores de crianzas de 0 a 11 anos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2020 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Nestes días de confinamento que o paralizaron todo, cada un de nós vive o seu particular estado de alarma. Co gallo de prestar axuda psicolóxica nestes momentos de crise, ASEIA Galicia, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia, decidiu poñer en marcha un servizo de primeiros auxilios emocionais para adolescentes de entre 12 e 18 anos e para as persoas coidadoras de crianzas de 0 a 11 anos. 

Unha crianza mirando pola ventá durante o confinamento.
Unha crianza mirando pola ventá durante o confinamento.

Esta atención realizarase de maneira telefónica e será gratuíta, informan dende a asociación. Ao outro lado do teléfono, a persoa que precise axuda vai ser atendida por profesionais da psicoloxía, traballo social, enfermaría e educacion social que se prestaron voluntarios para botar a andar este proxecto. Todas estas persoas contan con formación específica en saúde emocional na infancia e a adolescencia. 

Este servizo estará en funcionamento mentres dure o estado de alarma. O obxectivo, contan, é dar cobertura de apoio emocional e orientación psicolóxica, educativa e social a adolescentes e coidadores de menores de 11 anos que se atopen en dificultades de desbordamento emocional derivadas da situacion de distanciamento social a causa do estado de alarma decretado pola pandemia Covid-19.

Para demandar este apoio pódese enviar un mail a aseia.galicia@gmail.com ou chamando ao 622245545.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta