Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/03/2020 | Actualizada ás 20:00
A CIG Autonómica sinala á dirección de área do Consorcio Galego do Benestar de ter ameazado mediante chamadas telefónicas e whatsapp, para que se modificasen tanto condicións de traballo do persoal do Consorcio.
Denuncian que con esta acción, a dirección fixo que as quendas sexan de 24 a 38 horas de xornada e mesmo con 15 días continuados de traballo. Así mesmo, súmaselle a isto a denuncia de cambios de centro de traballo públicos ou integrados “dun día para outro”.
Como exemplo, a central sindical indica que ante a negativa dalgunha traballadora de presentarse esta mesma tarde noutro centro de traballo “dúas horas antes sen coñecer as condicións laborais”, a Xerencia do Consorcio resposta cunha instrución por escrito coa ameaza de consecuencias penais. A isto engaden que non se proporciona un horario, “un Plan de Prevención, indicación de garantías sanitarias ou con que EPI van traballar”.
A CIG informa que nin o sindicato nin os comités de empresa nin o comité intercentros, “teñen constancia "oficial" desta situación esperpéntica”. Sinalan que o estado de Alarma non é excusa para non cumprir coas medidas de seguridade e hixiene, así como a lexislación laboral. Por iso esixen a negociación urxente das condicións que vai ter o persoal. Mentres non se negocie, piden que non se “modifiquen de xeito unilateral e sexan concorde o V convenio”.
TRABALLADORAS CON FILLOS OU MAIORES AO CARGO
Por outra parte, denúnciase tamén que traballadoras con persoas maiores ou nenos ao seu cargo, non teñen dereito nin “xustificación de ausencia por desamparo do menor, abandono de maiores ao cargo nin a non facer estas funcións por ser persoal especialmente sensible”. Para iso, a dirección do Consorcio apunta que os servizos sociais están excluídos da resolución do 15 de marzo de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 51 do 15 de marzo).
Finalmente, piden que se traballe coas garantías de seguridade e saúde laboral necesarias, ademais de equipos de protección adecuados perante o risco de contaxio. Quendas racionais establecidas con criterio sanitario, tanto para o persoal usuario e para o persoal empregado publico e as súas familias. Xunto a isto sinalan que o persoal poderá suspender a actividade se observa un perigo grave e inminente para a súa saúde como deixa claro o artigo 21 da Lei de prevención de riscos laborais.
POLÍTICA SOCIAL DI ACTUAR DENTRO DA LEGALIDADE
A resposta da Consellería de Política Social é que dentro do contexto actual, a xestión das residencias de maiores deben garantir a protección da saúde e a seguridade dos usuarios e traballadores. O departamento que dirixe Fabiola García sinala que todas as medidas que se tomaron ou se poidan adoptar "son imprescindibles" para a prevención de contaxios e para o coidado das persoas maiores, quen precisan dunha atención asistencial que debe ser a prioridade nestes momentos.
Reafirmándose no dito, a Consellería insiste que son medidas para unha situación sociosanitaria de emerxencia, sempre adoptadas tendo en conta o estado de alarma e dentro da legalidade e da responsabilidade.
Outro obxectivo destas medidas é o control das entradas e saídas das profesionais dos centros e para reducir tamén as posibilidades de contaxio, "establecéronse novas quendas de traballo". "En ningún caso se tratan de quendas de traballo de 24, 36 ou 48 horas".
Segundo explican desde a Consellería, as quendas son "períodos de estancia na residencia nos que hai unha xornada normal laboral, con seus respectivos períodos de descanso". Para rematar, sinalan que logo de pasar as quendas, o persoal terá catro días libres sen ter que acudir ao centro.
Estas quendas implantáronse nas residencias de Ortigueira e Melide, en ambos casos cun apoio moi maioritario do persoal. Seguirase traballando da man cos profesionais para pulir e perfeccionar a organización do traballo neste contexto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.