Pubes subversivas

Das moitas obras de arte que soliviantan á dereita retrograda (que abarca a case toda a dereita) eu quédome con “A orixe do mundo”de Gustave Coubert.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 30/03/2020

Comparte esta noticia

O pintor francés, pai do realismo, bordouno en 1866 con ese pequeno cadro que inmortalizou o sexo de Constance Queniaux. Seguro que outras obras de Coubert disgustan a moitos: ”Muller con loro” ou “O soño”, pero ningunha como ese monte de Venus en primeiro plano. Son moitos os artistas e as artistas que enardecen ás dereitas,  “A ensoñación de Teresa” de Bhaltus, pintada en 1938, non se queda atrás. Lembrémonos da campaña de recollida de sinaturas, hai apenas dous anos, na que se pedía que se retirara o cadro, exposto no Museo Metropolitano de Nova York, ou se incluirá un cartel co texto: “Algúns espectadores atopan esta peza ofensiva e inquietante, dado o namoramento artístico de Blathus pola rapazas novas”.  

Santiago Abascal, líder de Vox, nun mitin en Vigo
Santiago Abascal, líder de Vox, nun mitin en Vigo | Fonte: Miguel Núñez

Pero voltemos un momento ao meu cadro, ao cadro de Coubert quero dicir. Os seus mais de 150 anos de vida foron truculentos, case como a vida do seu creador. Pintando por encargo, o seu primeiro dono foi un diplomático turco-exipcio, Khalil-Bey. Despois de que ser subastando para pagar débedas de xogo, a obra estivo oculta a maior parte da súa existencia. Roubado en Budapest polo exército nazi foi recuperado polos rusos e devolto ao seu lexítimo dono, o barón Ferencz Hatvany. En 1955 adquiriuno Jacques Lacan, acabando á morte do psicoanalista francés, en 1981, en mans do Estado francés como pago dos impostos sucesorios. Non foi ata mais de tres décadas despois, en 1995, que é exposto ao público, definitivamente, nas paredes do Museo de Orsay. Un cadro incómodo. Un creador incómodo tamén. Recordemos que Coubert tivo unha participación activa na Comuna de París, en 1871, na que chegou a ser alcalde do Distrito VI. Coubert foi escollido presidente da Federación de Artistas creada naqueles meses e compañeiro de, entre outros moitos, Édouard Manet ou Eugene Pottier, autor da letra da Internacional. Tal vez o propio Gustave Coubert solivianta mais á dereita retrógada que a súa obra… Coubert morreu en Suíza, no exilio.

O sexo representanto polos artistas molesta á dereita, e tamén molesta a educación sexual. Hai anos lembro que un deputado do Partido Popular absolutamente crispado arrebolaba no Congreso dos Deputados cun libro que estaba sendo enviado ás bibliotecas dos colexios públicos. A berros acusaba á administración socialista de estar repartindo pornografía, de estar pervertendo aos nenos e nenas… o libro era De onde vimos?. Un clásico das obras de educación sexual para xente nova, obra de Peter Mayle, con ilustracións de Arthur Robins. Publicado en España por Grijalbo mediados dos 70 foi reeditado por Círculo de Lectores e esa foi a edición que eu lin cando tiña uns 12 anos e non lembro que me escandalizara… O libro aínda se seguía editando en 2011… a pesares dos anos. Paga a pena botarlle unha ollada e comprobar os delirios da dereita cando trata determinados temas…

Hai uns meses a coalición retrograda de PP e Vox puso sobre a mesa a censura previa na educación de nenos e nenas, coa aprobación do denominado “pin parental”. Aconteceu, como todos e todas a estas alturas sabemos en Murcia, esa comunidade que vai camiño de ser o noso Medio Oeste, e onde parece que si Vox o ordena rematarán ensinando as teorías creacionistas xunto á teoría da evolución… Non é broma, si o debate está permanentemente aberto en non poucos condados estadounidenses porque a dereita patriótica ibérica vai ser diferente?. Xa sabemos que, na súa mente, falar de sexualidade, e non digamos homosexualidade en calquera das súas formas é incitar á lascivia, ao sexo sen freo, ao libertinaxe, á depravación moral…

Neste marco enténdese a esixencia, e insistencia, a principios de marzo, do portavoz de Vox na Xunta do Distrito de Tetuán en Madrid, Daniel Fernández Salvador, para que retiraran do Punto Xoven de Información o debuxo dunha vaxina… seguramente tamén por incitar ao desenfreo… seguramente palabras como: vulva, clítoris ou orgasmo deberían ser vetadas en escolas e espazos públicos. Pero aínda peor que o pecaminoso debuxo dunha vaxina é  o feito, tamén debidamente denunciado polo portavoz de Vox, de que ese mesmo punto de información tivera a disposición de calquera libros como “Monólogos da vaxina” de Eve Ensler ou “Os capullos non regalan flores”, o cómic de Moderna de Pueblo que xa vai pola sétima edición e 50.000 exemplares vendidos.

A presión das dereitas retrogradas faise notar en multitude de lugares. E non sempre dende as bancadas progresistas se está a altura. Cabe recordar o vergonzoso episodio acontecido a principios de 2016 en Italia cando ante unha visita do presidente iraní, Hasan Rohani, ordenouse ocultar distintas esculturas dos Museos Capitalinos xustificando isto en “é unha forma de respecto á cultura e sensibilidade iraníes”. O feito é mais vergonzoso si cabe por ter como protagonista pola banda italiana a Matteo Rizzi, que na altura era primeiro ministro e membro do Partido Democrático… vergonzoso e indigno para o partido sucesor daquel no que militaron Antonio Gramsci, Palmiro Togliatti ou Enrico Berlinguer.

Tal vez lle cause sarpullidos a Santiago Abascal e aos seus acólitos, pero a verdade é que son tan parecidos aos fundamentalistas islámicos que costa distinguir uns e outros en tantos e tantos aspectos. Non sei si a Abascal reconfortaralle saber que á súa vez os fundamentalistas islámicos son semellantes, como pingas de auga, a outros fundamentalistas... por exemplo os fundamentalistas xudeos.

Non son anécdotas. Desgraciadamente non son anécdotas. Vox é hoxe a terceira forza política no Congreso dos Deputados e inflúe de forma decisiva no goberno de non poucas comunidades autónomas. Inflúe tamén nas propias políticas do Partido Popular. Non é  anecdótico, non é para tomalo a broma. Non podemos tomarnos a broma súas embestidas contra a educación sexual, tampouco as súas provocacións sobre os inmigrantes, nin os seus ataques aos medios de comunicación, ou contra as políticas sociais ou de igualdade.

Hai apenas unhas semanas publicouse en España un pequeno libro que recolle unha conferencia pronunciada por Theodor W. Adorno en Viena no ano 1967, titúlase “Rasgos do novo radicalismo de dereita”. A contracapa do libro recolle unha cita do mesmo “Non deberíamos subestimar estes movementos polo seu ínfimo nivel intelectual nin pola súa falta de teorización. Sería unha enorme falta de visión política pensar por eso que non van ter éxito” a cita sigue deste xeito: “O característico destes movementos é mais ben unha extraordinaria perfección dos medios, e concretamente en primeiro lugar dos medios propagandísticos no senso máis amplo, combinada cunha cegueira, cunha escuridade impenetrable dos fines que perseguen”. Foi escrito hai mais de 50 anos. Adorno falaba naquel momento do bos resultados electorais que o NPD, Partido Nacionaldemócrata de Alemaña, estaba obtendo en distintas eleccións a parlamentos federais, que o levou a obter representación en sete de eles, destacando os resultados de Baden-Württemberg, con case un 10% dos votos.

Hoxe da dereita extrema podemos reírnos… pero nunca tomala a broma.
Eles sempre van en serio.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.