Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/03/2020 | Actualizada ás 14:20
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, apoiou este luns as reivindicacións da Mesa e a campaña posta en marcha por Queremos Galego para que o presidente do Goberno autonómico faga as súas comparecencias no idioma galego.
"Ningunha crise xustifica que un presidente da Xunta abdique das súas responsabilidades co país e, unha delas, é o uso normalizado da nosa lingua", dixo nunha rolda de prensa virutal. A plataforma Queremos galego! iniciou hai unha semana a recollida de firmas para que as informacións e mensaxes das autoridades públicas nestes momentos de crise sexan transmitidas en galego. "É un dereito e unha necesidade básica para o conxunto do pobo galego que debe ser correspondido polas autoridades públicas", entenden.
Dende a plataforma recórdanlle á Xunta, así mesmo, que dirixirse na lingua do país é unha obriga dos poderes públicos galegos, tal e como sinala o artigo 5 do Estatuto de Galicia. E isto mesmo tamén forma parte das "responsabilidades" dos seus representantes, "en primeiro lugar do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e nomeadamente cando se trata de informacións sobre cuestións que afectan de xeito fundamental á súa vida presente e futura como acontece na actualidade", lembran.
Porén, segundo indican, a lingua galega está a ser "excluída da maior parte das informacións e mensaxes das autoridades públicas", tanto en comparecencias como en insercións publicitarias, incluídas as intervencións do presidente da Xunta, que "abandona o uso do idioma no exercicio das súas funcións precisamente nos momentos de maior transcendencia". Dende a plataforma Queremos Galego! recorda que agora, nunha situación de crise sanitaria, "a lingua galega non deixou de ser a lingua propia de Galiza e continúa a ser válida para a comunicación coa cidadanía".
PECHE DE ZONAS AFECTADAS
Doutra banda, tamén se referiu ás medidas de paralización de toda a actividade non esencial decretada polo Goberno central, que apoiou, e dixo que o BNG xa viña reclamando a semana pasada. Pontón considerou que "chega tarde" e que pode crear "distorsións", pero ratificouse na necesidade da medida. Tamén volveu a reclamar medidas como o peche dos territorios máis afectados, para evitar a "centrifugación" na expansión do virus.
Ademais de reclamar que estean "preparadas as infraestruturas sanitarias" para unha eventual necesidade de hospitais complementarios, aínda que "logo se non hai que usalas, mellor"; o BNG tamén pide que a sanidade privada use "todos os materiais e non faga despedimentos", que se reforce con persoal "en condicións non precarias e de estabilidade" e que se faga un "trato igualitario" para as persoas migrantes en situación irregular, como acaba de aprobar Portugal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.