Vixiantes de seguridade privada, un grupo exposto ao coronavirus e, con todo, considerado de baixo risco

A Asociación de Empresas e Expertos en Seguridade Privada de Galicia (Aesga) cre necesario aumentar o nivel de protección para os vixiantes que traballan en hospitais, centros de saúde e supermercados. Tamén reclama medidas económicas que protexan este sector ante a crise, pero prioriza agora o problema sanitario.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/03/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os vixiantes de seguridade privada son un dos colectivos máis expostos ao coronavirus  SARS- CoV-2, principalmente aqueles que prestan servizos en hospitais, centros de saúde ou supermercados. Con todo, están considerados un grupo de baixa probabilidade de risco de contaxio polas autoridades sanitarias.

Vixilante de seguridade.
Vixilante de seguridade.

En Canarias, o Xulgado do social Nº 7 das Palmas acordou a adopción de medidas cautelarísimas no Hospital Universitario Dr. Negrin contra a empresa Eulen Seguridade ao non dispoñer os vixiantes de seguridade das medidas de protección adecuadas para realizar o seu traballo. Así mesmo, deu un prazo de 48 horas improrrogables para que a empresa dote dos  EPI (equipo de protección individual) adecuados a todos os vixiantes de seguridade.

A solicitude presentada pola Federación de Traballadores de Seguridade Privada da USO é para a adopción de medidas cautelares inmediatas, pois entendía que estes traballadores estaban expostos a ser contaxiados por coronavirus, xa que “durante as quendas de traballo deben acceder a lugares do hospital onde existe un algo risco de contaxio, así como ter intervencións na que o contacto físico cos pacientes ou familiares é inevitable”.

Cal é a situación deste colectivo en Galicia? GC falou con Roberto Lage, presidente da Asociación de Empresas e Expertos en Seguridade Privada de Galicia (Aesga) para coñecer as preocupacións deste sector.

“A situación vai por parroquias”, explica Lage. “Hai servizos que se reforzaron, pero hai outros que se extinguiron”, engade. 

En concreto, onde se mantiveron ou ampliaron os servizos de seguridade privada son “supermercados que están nas rúas, polígonos industriais, urbanizacións, hospitais e servizos médicos”. Á vez, reducíronse vixiantes en centros comerciais ou no transporte de fondos “pola baixada ou paralización da actividade”, esclarece.

Lage comenta que nos apartado servizos de alarmas “paralizáronse as vendas”, aínda que “se manteñen servizos de mantemento”, aínda que estes se viron reducidos notablemente debido ao peche temporal de empresas e ao confinamento de particulares nos seus fogares, agregado a que “a delincuencia baixou moitísimo debido ao estado de alarma”.

SEGURIDADE PERSOAL

O persoal de seguridade privada non se atopa entre os colectivos catalogados de risco ante a ameaza do coronavirus SARS-CoV-2. Con todo, Lage recoñece que “en Galicia xa hai casos de contaxios entre os vixiantes” e, aínda que “non se notificou ningunha morte aquí, “si houbo algún falecemento en Madrid”, indica.

“Nós, en teoría, somos un colectivo que, como a Policía e a Garda Civil, somos de baixo risco, xa que en principio non temos contacto directo cos pacientes”, algo que na súa opinión debería ser matizado, xa que entende que aínda que hai vixiantes que non están tan expostos a posibles contaxios, outros si o están.

“Neste momento, tal e como está a situación, todos somos colectivos de risco”, aínda que “uns máis que outros”. No caso dos vixiantes de seguridade, “non é o mesmo que uno estea illado só nunha garita nunha empresa cuxa actividade está parada, onde o risco é mínimo, a que esteas a traballar en supermercados, que son zonas de maior risco, ou nun hospital, onde é altísimo, e se estás en Urxencias, aínda maior”.

É por iso polo que cre necesario axustar as consideracións de risco ao coronavirus en función do nivel de exposición ao coronavirus. “Creo que o que habería que facer connosco non é declararnos colectivo de risco global, senón que habería que facer unha análise do risco por postos de traballo”.

Desde este sector recoñecen as dificultades de proporcionar material de protección a todos os vixiantes, nun mercado desabastecido e especulativo, e asumen que “é unha prioridade” deixar para os sanitarios o pouco que se pode conseguir. De todas as maneiras, os vixiantes de seguridade que están a traballar en puntos críticos como supermercados, centros de saúde ou hospitais “están a levar luvas e máscaras, facilitados polas propias empresas ou conseguidos por eles mesmos”. “Conseguir ese tipo de material está a ser moi difícil para todos”, reitera Lage. 

“Pode haber casos nos que estean a traballar sen eles porque non se conseguiron? Pode ser, si. Pero como ben sabemos todos, as máscaras que entran no país son requisadas polo Estado para poñelas ao servizo do sistema sanitario”, comenta.

PRIMEIRO A SAÚDE E LOGO A ECONOMÍA

O colectivo da seguridade privada non escapa da durísima crise económica que golpea xa a todos os sectores. Malia o duro golpe que está a vivir tamén, prioriza a saúde á cuestión económica: “Hai que tentar primeiro arranxar este problema de saúde e a ver se logo tentamos arranxar o problema económico”.

A principal preocupación non é tanto como e cando se poderán reactivar e reforzar servizos de vixilancia, senón “como imos facer para cobrar, cando moitos dos nosos clientes están pechados e non están a facturar”, avisa.

Desde AESGA, o seu presidente expresa a súa “esperanza de que esta situación acabe canto antes e que entre todos poidamos reactivar a economía”.

Aínda que non teñen cálculos do custo que lle vai supoñer esta crise para este sector, augura que será “moi importante”, aínda que non só para eles, “o será para todos”, di.

O sector espera que as medidas económicas que está a aprobar o Goberno central “sexan efectivas para todo o país”, aínda que non se mostra confiado en que estas vaian axudar aos servizos de seguridade privada. “Non nos sentimos moi apoiados nestes momentos”, expresa Lage, quen lamenta o “tratamento que se lle está dando aos empresarios, en xeral”.

Os empresarios non somos piratas, non levamos parches nun ollo. Tentamos gañar diñeiro e que os nosos traballadores cobren. E os que despiden non o fan de boa gana. Os empresarios o que queremos é contratar máis traballadores e facturar máis, non despedir máis xente “, reivindica Lage, quen censura as medidas adoptadas polo Executivo español para os autónomos.

De todas as maneiras, asume que “o Estado non pode asumir todos os custos desta crise” e reitera que “agora o primeiro é a saúde e logo haberá que tentar entre todos levantar a economía traballando”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta