Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/04/2020 | Actualizada ás 11:29
O descubrimento dun novo protector contra a enfermidade do fígado graxo non alcohólico é o último achado do grupo Metabolismo Molecular da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). Os investigadores desvelaron que bloquear o receptor GPR55 permite alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que fabrique menos e, por tanto, que o dano sexa menor.
“Este avance abre novas vías terapéuticas contra esta enfermidade, que afecta a unha de cada catro persoas no mundo e para a que aínda non existe ningún fármaco aprobado para o seu tratamento”, apunta a USC nun comunicado. A enfermidade do fígado graxo non alcohólico ou NAFLD (das súas siglas en inglés) comeza como unha simple acumulación de graxa pero, se non se vixía, co tempo pode progresar a esteatohepatite non alcohólica (NASH), caracterizada por inflamación e fibrose. A esteatohepatite non alcohólica é perigosa xa que os pacientes corren o risco de desenvolver cirrose, cancro, e maior taxa de mortalidade asociada a fallo hepático.
INVESTIGACIÓN
“Esta investigación liderada desde a USC demostra que os pacientes con NAFLD e NASH teñen niveis elevados en sangue dunha molécula coñecida como lisofosfatidilinositol (LPI) que se une a un receptor chamado GPR55”, indican desde esta universidade. “Atopamos que ao inhibir este receptor no fígado, podemos alterar o metabolismo da graxa no fígado, facendo que o fígado fabrique menos graxas, e por tanto, o dano sexa menor” indica Marcos Fernández Fondevila, autor principal do estudo.
Engade ademais que “é destacable o feito de que, para inhibir a fabricación de graxas, o GPR55 bloquea un encima chamado acetil CoA carboxilasa, e actualmente existen estudos en fase clínica con estes inhibidores para o tratamento da enfermidade”. “Conseguiuse non só reducir a acumulación de graxa, senón tamén a inflamación e a fibrose no fígado cando inactivamos GPR55, usando unha gran variedade de modelos preclínicos”, sostén Marcos Fernández.
Este traballo, que foi publicado na revista Hepatology, é froito dunha colaboración dirixida por Rubén Nogueiras Pozo, coordinador do grupo de Metabolismo Molecular da USC no CiMUS e investigador do programa 'Oportunius' da Xunta; e na que participaron outros equipos de investigación da USC (Carlos Diéguez e Miguel López), así como grupos da Universidade do País Vasco, CIC bioGUNE de Bilbao, a empresa de biotecnoloxía OWL Metabolomics, Universidade Pontificia Católica de Chile, o Hospital Universitario Santa Cristina en Madrid e o Hospital Universitario de Salamanca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.