GC Aberto

Pero se levo máscara!

Para quen estivemos en primeira liña de lume cando apareceu, na década de 1980, a pandemia de VIH/SIDA chegou o momento de compartir algunhas das leccións que extraemos daquela dura experiencia.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 03/06/2020

Comparte esta noticia

A devandita expresión é cada vez máis pronunciada cando se lle solicita a unha persoa ataviada con este complemento de moda obrigatoria que non se aproxime a un; que vai pola vida a cara descuberta.

Mulleres con máscaras de protección contra o coronavirus
Mulleres con máscaras de protección contra o coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Para quen estivemos en primeira liña de lume cando apareceu, na década de 1980, a pandemia de VIH/SIDA chegou o momento de compartir algunhas das leccións que extraemos daquela dura experiencia. 

No ano 1986 eu traballaba como enfermeiro no Hospital Municipal de Vigo. A el eran derivados os reclusos da prisión que había naquel entón na avenida de Madrid, excarcerados nas derradeiras fases da síndrome de inmunodeficiencia adquirida para expirar cunha mínima dignidade.

Nese momento non se coñecía apenas ren desta complexa e grave patoloxía, e non existía ningún medicamento para tratala. Atender os afectados por ela comportaba un considerábel risco: picarse ao collerlles unha vía ou ao extraerlles sangue para realizar as pertinentes análises, ou inhalar ou impregnarse coas súas secrecións ao lles aspirar o tracto respiratorio ou ao asealos poñíate en perigo de sufrir consecuencias catastróficas. Un pequeno erro ou distracción podíache custar a vida.

Os pacientes eran illados nun cuarto reservado para doenzas infecciosas. Entrabamos nel con máscara, luvas e unha bata ordinaria, aínda que de uso exclusivo para aquel mester e que compartiamos os enfermeiros que os atendiamos. Eran moi novos os que morrían. Non falecían anciáns, senón rapaces que non chegaban aos trinta anos; na súa maioría vítimas da súa drogodependencia. A deterioración física e mental (porque nos postremeiros estadios a sida produce demencia) non é posíbel imaxinalo: hai que velo e sentilo. Xamais se esquece.

En 1989 exercín a profesión no laboratorio de análises clínicas do desaparecido Hospital Xeral. Nel implementouse unha medida protectora que co tempo deveu absurda: os tubos de mostras de sangue de seropositivos ao VIH identificábanse cun tapón dunha determinada cor. O desatino desta norma consistía en que, para procurar non contaxiarse, o persoal sanitario só prestaba máxima atención ás mostras sinalizadas, pois interpretaba que as non marcadas estaban exentas do virus; o cal non tiña por que ser así.

Este foi o motivo que levou a refugar a diferenciación mediante a coloración dos tapóns e a elaborar unha nova medida de protección universal que se engadiu ás xa vixentes (sobre todo a utilización de máscara e luvas, dado que non había lentes nin pantallas faciais que te salvagardaran das salpicaduras de sangue ou doutros fluídos corporais), que consistiu en considerar como infectadas todas as extraccións que entraban no laboratorio; norma que se estendeu aos propios pacientes ingresados nas plantas.

Na actual pandemia de covid-19 tamén podemos, e debemos, resgardarnos cada un de nós, e aos nosos concidadáns, poñendo en práctica a referida acción preventiva. É dicir; temos que xulgar como contaxiada a calquera persoa coa que nos relacionemos e, en consecuencia, con todas hai que aplicar a máis efectiva e certeira medida de protección, cal é manter unha distancia mínima de seguridade de dous metros: sendo equivalentes as demais variábeis, un individuo con máscara non filtrante que se sitúe a menos dun metro de nós é potencialmente máis infectante que outro sen máscara que estea a máis de dous.

Por outra banda, como queira que certos obxectos é ineludíbel asilos ou tocalos (produtos alimenticios, diñeiro, botóns, etcétera) e son susceptíbeis, aínda que é pouco probábel, de estar contaminados cunha carga viral patoxénica do SARS- CoV-2, é fundamental lavar e secar as mans con meticulosidade e esmero.

As demais accións preventivas (emprego de máscara, luvas e lentes ou pantallas faciais) son subsidiarias ás anteriores e reservadas, excepto cando non nos sexa factíbel gardar a preceptiva distancia social, aos profesionais por mor da necesaria proximidade para coidar os enfermos.

Outra razón para esta distinción reside na gran dificultade que supón para a xente común aplicar de forma estrita e continua durante días, meses ou anos a cadea aséptica ao poñer, portar ou quitar, principalmente, a máscara e as luvas. Cadea que de romper nun único elo é coma se non se respectara ningún, co cal se xera unha sensación de seguridade que é ficticia.

Quere iso dicir que no suposto de contaminarse con coronavirus a barreira física de defensa, ao manipulala consciente ou inconscientemente, podemos transferilo ao interior do noso organismo ao tocarnos a boca, o nariz ou os ollos e, por conseguinte, adquirir a enfermidade, cuxos efectos son imprevisíbeis pertenzamos ou non a algún dos grupos de poboación nos que o contaxio adoita ser fatal.

En definitiva, amigo lector, lémbreo e aplíqueo: a mellor máscara (e a vacina máis inocua e eficaz) para o cidadán común son as mans limpas e dous metros de beirarrúa libre por diante. E outros dous por detrás.

Sempre, en todo lugar, e diante de calquera conxénere!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

E mentres todo o mundo anda preocupado do Covid19 resulta que a atención primaria convértese en telefónica, as urxencias hospitalarias demoran dúas horas ou catro, porque un dos efectos desta pandemia está a ser unha incríble lentitude en calquera proceso médico... ben por falta de profesionais, ben polas listas interminables, ben porque é máis barato morrer que curar... A vida segue adiante con Covid19 ou con Sergas Aforrador (?) Pero se temos que convivir anos co virus deberamos buscar unha solución intelixente máis alá do medo e da denegación do servizo chamado Dereito á Saúde ! https://twitter.com/00Gamela/status... Morrer temos que morrer, pero non de aburrimento !!!