Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/06/2020 | Actualizada ás 19:44
A Plataforma SOS Sanidade Pública esixiu a posta en marcha dunha investigación que permita aclarar a situación das residencias galegas durante a pandemia do coronavirus e adoptar medidas de reforma do modelo destes centros.
Tras unha reunión telemática na que participaron diferentes colectivos, sindicatos e representantes de partidos como En Marea, BNG e Galicia en Común, a plataforma denuncia a "importante repercusión" que tivo para a saúde a situación das residencias de maiores, "de xestión e propiedade privada", que "acumularon preto do 50% da mortalidade".
"Existe unha clara relación entre o modelo de xestión das mesmas e a mortalidade", denuncia SOS Sanidade Pública, que sostén que a privatización das mesmas asóciase a "mortalidade e perda de dereitos fundamentais".
Así mesmo, cargou contra a "política de recortes e privatizacións da atención sanitaria e socio-sanitaria da Xunta". "Só as especiais condicións sociais, xeográficas e medio ambientais de Galicia impediron que a epidemia fose aínda máis tráxica para a saúde", indica.
SOS Sanidade Pública reclamou que as persoas que viven nestes centros teñan os mesmos dereitos á atención sanitaria pública, tanto en Primaria como Hospitalaria, que o resto da poboación "sen discriminacións". "O sistema sanitario público ten que entrar nas residencias", subliña.
Á vista destas cuestións, propuxo abrir un proceso participativo, consensuado e transparente para mellorar o sistema sanitario público de forma que recupere os "recursos recortados" e potencie a atención primaria como eixo do sistema, os servizos de saúde pública e de loita contra as epidemias incrementando as camas hospitalarias e o persoal.
"Sen isto será imposible garantir a saúde e loitar contra novas epidemias", sinala a plataforma, que asegura que, unha vez concluído este período especial, reunirase para promover a mobilización social e profesional en apoio a estas medidas.
NÚMERO ADECUADO DE ENFERMEIRAS
Por outra banda, Satse esixiu á Xunta que manteña un número adecuado de enfermeiras par ofrecer a máxima calidade e seguridade nas residencias de maiores mentres dure a pandemia de COVID-19.
O sindicato asegurou que a Administración galega deixa en situación de vulnerabilidade e indefensión os centros que foran intervidos ao deixalos sen os profesionais de enfermaría que foran contratos para facer fronte á pandemia.
Satse sinala que a finais de marzo e principios de abril, a Xunta interveu as residencias DomusVi Aldán-Cangas, Barreiro-Vigo e A nosa Señora de Fátima de Barco de Valdeorras e reforzounas coa contratación de enfermeiras por parte do Sergas e Política Social.
Con todo, Satse asegura que se rescindiu o contrato das profesionais, sen que estes centros os reforzasen pola súa propia conta. Isto significa que, por exemplo na DomusVi de Aldán, pasarán de 12 profesionais de enfermaría a ser tan só dúas enfermeiras para preto de cento cincuenta usuarios.
O sindicato sinala que a intervención da administración co reforzo de profesionais permitiu controlar a situación nestas residencias, demostrando que contar co número de profesionais adecuado é sinónimo de seguridade.
"É evidente, tal e como denunciou Satse en numerosas ocasións, que dúas enfermeiras non poden atender a 150 usuarios. Manter estas enfermeiras suporía manter a calidade e a seguridade para evitar un novo rebrote", asegura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.