Viaqua destaca a importancia de coidar a biodiversidade “para protexer a saúde”

Esta empresa anuncia a implantación de plans de acción de biodiversidade en instalacións emprazadas en espazos protexidos durante o 2020.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/06/2020 | Actualizada ás 06:00

Comparte esta noticia

O Día Mundial do Medio Ambiente, que se celebra este venres, día 5 de xuño, fai un chamamento para ser conscientes da correlación entre cambio climático, biodiversidade e saúde. A actual pandemia, e os episodios climáticos extremos vividos recentemente, son claros exemplos de que é o momento de actuar.

Programa BiObserva Voluntariado de Viaqua de observación de aves
Programa BiObserva Voluntariado de Viaqua de observación de aves | Fonte: Viaqua

Os ecosistemas sans, nos que hai unha gran diversidade, favorecen un equilibrio entre as especies, evitando o predominio dunha delas e dificultando a propagación de axentes patóxenos como os virus. Ao redor dun millón de especies animais e vexetais, dos oito millóns que existen no planeta, poden desaparecer nos próximos dez anos, segundo Nacións Unidas (ONU). España é o país de Europa con maior porcentaxe de especies ameazadas. E en Galicia son xa 74 as especies en risco de extinción.

“Por iso, a auga é un elemento esencial e indispensable para a vida, é fundamental neste propósito”, apuntan desde Viaqua ao salientar que ten elaborado diagnoses de biodiversidade e plans de acción en todas as instalacións emprazadas en espazo protexido Rede Natura 2000, tal como a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Landrove, a Estación de Depuración de Augas Residuais (EDAR) de Betanzos e a EDAR de Valdoviño.

INFRAESTRUTURAS VERDES

Nun comunicado, esta empresa destaca que está transformando as instalacións do ciclo da auga en ‘infraestruturas verdes’ para que sirvan de apoio ao ecosistema no que están localizadas e favorezan os servizos que nos ofrece a natureza. A eliminación do uso de fitosanitarios e o control de especies exóticas invasoras forman parte tamén do seu plan de acción.

Para o control de especies foráneas que colonizan os ecosistemas, os esforzos centráronse na flora exótica invasora nas súas instalacións. “Viaqua desenvolveu o programa BiObserva STOP-invasoras que ofrece, a través dunha metodoloxía e ferramentas propias (unha plataforma web e unha app móbil), a información necesaria para capacitar o persoal da instalación sobre como identificar especies, reportar observacións e executar plans de control”, salienta.

Ademais, destaca que o seu cadro de persoal tamén está implicado e colabora no seguimento de aves que viven xunto ás plantas de tratamento. Así, lembra que o programa BiObserva Voluntariado, implantado en sete instalacións, conta coa participación voluntaria de máis de 21 traballadores. 

De feito, os avistamentos de avifauna nos centros de traballo son rexistrados nunha aplicación móbil e en plataformas web de acceso público. “As preto de 9.000 observacións realizadas foron utilizadas internamente para realizar plans de acción específicos e, ao mesmo tempo, postas a disposición da comunidade científica na plataforma mundial de información de biodiversidade (GBIF)”, suliña ao tempo que lembra as “solucións baseadas na natureza” na Estación de Tratamento de Auga Potable do Lérez e no Bombeo de Maxisterio, en Pontevedra.

MEDIDAS DE DIVERSIDADE

Por outra banda, esta empresa destaca que impulsa medidas xerais como a redución das emisións dos gases con efectos invernadoiro e o aforro de auga, así como a redución, reaproveitamento e reciclaxe de todos os residuos que xera a súa actividade para manter a biodiversidade. “Apostando pola economía circular e a innovación tecnolóxica, Viaqua é pioneira en Galicia en potenciar a transformación das depuradoras tradicionais en biofactorías grazas á Unidade Mixta CIGAT-BIOFACTORÍA que se están desenvolvendo na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Ourense”, di. 

Viaqua insiste en que na súa actividade ten moi presen a reutilización da auga para novos usos, a xeración de enerxías renovables e a valorización de todos os residuos. “Preservar a biodiversidade e loitar contra o cambio climático son obxectivos necesarios, incluídos na Axenda 2030, para garantir un futuro mellor”, conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta