A crise evidencia a precariedade dos docentes de música e baile galego que viven en economía somerxida

O sector da música e do baile tradicional reivindica a profesionalización dos centos de docentes que cumpren o papel de portadores da oralidade ao longo das asociacións culturais que se espallan por todo o territorio. Logo de décadas de precariedade, a crise acelera a necesidade dun cambio.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/06/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A situación derivada da Covid-19 puxo de relevo aquelas pezas do sistema que non funcionaban. En calquera crise, o sector da cultura é dos primeiros que se resinte, e neste caso, augúrase que será dos últimos que ha poder recuperarse completamente. Son varias as medidas que se están levando a cabo en cada un dos eidos, e tamén diversas as reivindicacións que xorden ao seu abeiro. Desde o sector da música e do baile tradicional, esta crise evidenciou a precariedade na que se atopaban moitos dos docentes que impartían aulas nas múltiples asociacións que se espallan por todo o país. Tamén elas, as asociacións, quedan agora nun desamparo máis acusado que problematiza a recuperación do tecido sobre o que se sostén a nosa cultura tradicional.

Unha das gaitas do Obradoiro JR
Unha das gaitas do Obradoiro JR | Fonte: turismocarballo.com

Por iso mesmo, desde a AAG (Asociación de Gaiteiros Galegos, que recentemente mudou a súa imaxe corporativa cara a Asociación do Baile e a Música de Tradición Galega) comezaron a traballar nun documento aberto no que poñer en común as "carencias" e "debilidades" que adoecen o sector. "Gratamente sorprendido" pola participación, o presidente da asociación, Xoán Manuel Tubío, fala dunha reivindicación nuclear que esta crise puxo no medio do debate: a necesidade de profesionalización das persoas docentes. Hai unha parte (a máis mínima) de profesionais que están contratados por asociacións, outra boa parte que que se fai autónoma e outro gran conxunto de persoas que non está amparada legalmente e que non se dedica profesionalmente á docencia. Todas esas persoas, nunha situación de crise coma esta, quedan totalmente desprotexidas ao non poder acceder a ERTEs nin ás axudas para autónomos. 

ECONOMÍA SOMERXIDA

Polo momento, só a Fundación Sondeseu puxo cifras á realidade do sector. Foi no ano 2006 a través do Libro branco do ensino na música tradicional en Galicia, un fondo estudo que deixaba datos importantes: o sector xuntaba naquel momento 20.000 estudantes en todo o país e un total de 640 profesores impartían aula en case 700 centros de ensino repartidos en 250 concellos (dun total de 315) que ofertaban actividades relacionadas coa transmisión da música tradicional. Ademais, esta docencia movía daquela máis de tres millóns de euros, cifra que en realidade, "é moito máis grande debido á economía somerxida e á venda de traxes e instrumentos musicais", versa o documento. Un 72,5% do profesorado entrevistado omitía ter unha relación laboral directa, ben sexa por contratación ou como autónomo - o que implicaría 1,4 millóns de euros anuais como mínimo nesa economía somerxida -.

Á vista destes datos, que na actualidade poden ser moito maiores debido á evolución do sector, sabemos que centos de mestres e mestras quedan fóra de caquera tipo de axuda e non percibirán ingreso ningún ata, cando menos, o inicio do próximo curso. Perante esta realidade, o sector quixo xuntarse en torno a un grupo formal dentro da AAG para "reivindicar a profesionalización das docentes, para que as asociacións e as institucións entendan que isto é un traballo e para concienciar a todas as persoas que non se dedican profesionalmente a isto", fala un dos docentes implicados, Antonio Prado. "Pode parecer que cobrar en negro é máis sinxelo, pero momentos coma este evidencian que é un erro grandísimo", engade.

Aulas de baile galego
Aulas de baile galego | Fonte: A Píntega Marela

"COMA QUEN COLLE AREA"

Parte do problema radica tamén na "indefinición" da actividade que desenvolven os docentes de música e baile tradicional. "Non estamos federados, non pertencemos a ningún epígrafe, e incluso para acceder ás axudas como autónomos tes que presentar máis documentos do habitual conforme temos o 75% menos de ingresos", explica agora Rebeca Tallón, outra docente que dá aulas en dúas asociacións e nun colexio en Compostela. Traballar co patrimonio inmaterial é, segundo describe, "coma quen colle areas e escorren polas mans; non temos un recipiente que lle dea forma". Tamén por iso mesmo con ansia a declaración do Baile Tradicional como Ben de Interese Cultural. "Hai moito andado pero queda moito por traballar neste sentido".

ASOCIACIÓNS CULTURAIS

Neste sector da música e do baile tradicional o asociacionismo de base conforma unha peza fundamental do seu funcionamento. Se a situación das persoas docentes pasa, en moitas ocasións, polo traballo irregular, é, igualmente, pola posición económica da que parte este tecido asociativo que sostén a cultura tradicional. "Moitas veces como docente tes que decidir entre cobrar 200 euros 'sen que se entere ninguén' ou 150 euros dado de alta. Hai xente que ao final se decanta non facturar porque lle repercute economicamente", explica Antonio Prado. Trátase, en definitiva, dunha "pescadilla que morde a cola" que comeza, segue e remata porque moitas pequenas asociacións tampouco poden permitirse contratacións, di Rebeca Tallón.

Segundo datos do informe de Sondeseu, o orzamento anual de todas as clases de música tradicional situábase no 2006 en torno a 3 ou 3,5 millóns de euros, dos cales ao redor dun 39% eran aportados por subvencións da administración pública e o resto era custeado por cotas, actividades ou rendemento escénico do aprendido polo alumnado. Sendo as asociacións "motores indispensable" da música e do baile, este sector vive aínda hoxe "con grandes debilidades socioeconómicas dentro da armazón socioeconómica da cultura galega, e aínda máis na situación actual", indican dende a AAG.

E é que hoxe en día, a paralización da actividade das Xuntas Directivas das asociacións culturais supón unha crise non só a nivel económico, senón tamén a nivel social e cultural, de "consecuencias nefastas e ata o momento inimaxinables". O tecido reséntese ata tal punto que as asociacións pequenas quedan "peor ca nunca, e sobre todo as do rural", cualifica Carmiña Barreiro, que leva moitos anos á fronte da Agrupación Folclórica Santiaguiños de Boimorto. Sen foliadas, festivais e obradoiros aos que agarrarse, faise máis complicado volver a flote. "Se hai un parón sempre queda alguén no camiño e retomar as clases é moi complicado, dáme de que esta crise vai acabar con moitas asociacións".

NA PROCURA DO CAMBIO

Froito desta situación, a AAG impulsou un borrador con medidas destinadas ao reflote das asociacións culturais. "Vimos que empezaba a haber movemento no sector cultural e que todas as medidas ían enfocadas ao sector profesional. Endendémolo, pero cremos que no noso eido é unha peza fundamental o asociacionismo de base; e se baixa a matrícula ou hai repunta de virus, é probable que non poidan asumir a continuidade da actividade e que moitos profesionais queden sen onde traballar", refírese Tubío. Por iso, chaman a habilitar axudas económicas de forma inmediata e a curto prazo, a crear un Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega que recolla anulmente datos de tipo económico e social, a fomentar proxectos de investigación e divulgación do patrimonio inmaterial e a crear un plan de subvencións para a promoción da contratación do profesorado por parte das asociacións.

"Coas asociacións na base, todos os demais xiramos ao redor", explica o presidente da AAG, que ademais é artesán. Desde esa "roda" que non deixa de virar, o futuro aínda se ve con incerteza, pero sobre a mesa xa expoñen algunhas propostas para avanzar cara a profesionalización do sector. "Aquelas que teñen un tecido asociativo ben asentado deberían dar o salto, unha vez que empecen elas o resto irían pouco a pouco detrás", augura Rebeca Tallón. Antonio Prado fala tamén da creación dunha cooperativa ao xeito de Músicas ao Vivo no eido do baile tradicional.

Sexa como for, o certo é que a raíz desta crise as portas quedan máis abertas ca nunca á busca das alternativas para que os centos de profesionais da música e do baile que portan e transmiten a nosa oralidade e o noso baile teñan recoñecido e dignificado o seu labor. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta