Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2020 | Actualizada ás 10:45
Sindicatos e empresarios do sector das orquestras reuníronse onte co xefe de Inspección do Ministerio de Traballo en Galicia para pedir ó SEPE que abone os ERTE "a todo o persoal" das empresas.
A demanda conxunta de sindicatos e empresas, que cubre dende o comezo do estado de alarma, atinxe a un total de 3500 traballadores entre músicos e técnicos ós que a pandemia deixou "en situación de desamparo".
Segundo informa a CIG, o SEPE "está a denegar os ERTE" á vez que "obriga a devolver" os cartos dos que xa cobraron porque moitos deles estaban dados de baixa cando comezou o estado de alarma.
MENOS TEMPORALIDADE
Como contrapartida, CIG, CCOO e UGT instan ás empresas do sector a transformar os contratos temporais, "maioritarios no sector", segundo indican, en fixos ou fixos-discontinuos unha vez se retome a actividade normal. Á parte, demandan das orquestras que "manteñan o mesmo nivel de emprego antes da chegada do virus.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.