Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/06/2020 | Actualizada ás 19:20
O Colexio de Fisioterapeutas de Galicia (CoFiGa) manifesta o seu "absoluto rexeitamento" ao bono de 250 euros para osprofesionais sanitarios, de residencias e de centros de atención á discapacidade que o presidente da Xunta anunciou o pasado venres 19 de xuño como “compensación” polo compromiso, dedicación e esforzo desenvolvido na loita contra a pandemia do SARS-CoV-2.
Dende CoFiGa consideran que se trata dunha "medida desacertada e inaceptable, con serias tinguiduras electoralistas e oportunistas", sumándose así ao "malestar expresado por todos o colectivos socio-sanitarios que afrontaron e continúan afrontando a crise sanitaria pola Covid-19 cunha entrega levada en moitas ocasións ao límite e arriscando a súa propia saúde pola falta de protección contra o contaxio e a ausencia de protocolos de actuación", argúen.
"Deixémonos de esconder tras medidas tan pouco serias e que soan a improvisación, como o bono de 250 euros para o profesionais socio-sanitarios anunciado pola Xunta de Galicia, as deficiencias que o sistema sanitario de Galicia deixou en evidencia coa pandemia, afrontándoas cun incremento no investimento sanitario e mellorando a precariedade laboral e o alto grao de eventualidade á que estes profesionais estamos sometidos", expoñen.
Consideran que crise sanitaria "ten evidenciado e corroborado a efectividade e eficacia da actuación desenvolvida polos fisioterapeutas tanto no manexo da enfermidade na súa fase crítica como na recuperación das súas secuelas, moitas delas aínda descoñecidas".
Agora, din que o "realmente necesario" é facer "unha reflexión sobre que se fixo e como podemos prepararnos diante dunha posible repunta de pacientes con Covid-19".
Reivindican o papel da fisioterapia como "profesión de referencia para xestionar tanto as secuelas derivadas, fundamentalmente respiratorias e neuromusculoesqueléticas, de quen padeceu a enfermidade, como as consecuencias sobre a saúde d"a poboación do longo período de confinamento decretado para paliar a súa propagación.
E lembran que os fisoterapeutas estiveron en “primeira liña” contra a pandemia dentro do sistema público de saúde, constatando que "nin os hospitais e as súas UCI nin as Unidades de Fisioterapia en Atención Primaria (UFAP) do Sergas estaban preparadas para afrontar situacións excepcionais como a vivida", cun "precario número de expertos en Fisioterapia Cardiorrespiratoria, Neuromusculoesquelética e de Atención Primaria-Saúde Comunitaria, que se deixaron a pel, e nalgúns casos a saúde, para facer fronte á excepcional demanda xerada".
No sector privado, recordan que se pecharon os entros de fisioterapia porque "non se daban as condicións necesarias para desenvolver as intervencións e tratamentos con plenas garantías de seguridade".
REIVINDICACIÓNS
Agora piden implementar o número de fisioterapeutas en todos os niveis asistenciais da sanidade pública autonómica, tanto en hospitais como nos puntos de atención continuada e en todos os centros de saúde.
"É hora de mellorar a precariedade coa que diariamente afrontan o seu labor o moi escaso número de fisioterapeutas que desenvolven a súa actividade no sistema público de saúde (Sergas) dunha comunidade autónoma, como é o caso de Galicia, cunha das máis precarias cocientes de fisioterapeuta por habitante".
Tamén piden unha "adecuada asistencia socio-sanitaria en residencias xeriátricas, centros de atención á discapacidade e dependencia –colectivos vulnerables cos que se cebou a pandemia-, centros de educación especial, servizos municipais...".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.