Pedro Sánchez entra na campaña galega cun mitin en Ourense este sábado

Tamén estivo en Galicia a ministra María Jesús Montero e non se descarta a presenza doutros ministros.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2020 | Actualizada ás 12:57

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno e líder do PSOE, Pedro Sánchez, mergullarase este fin de semana na campaña das eleccións vascas e galegas do 12 de xullo, con mitins o sábado en Ourense e o domingo en San Sebastián, informaron a Europa Press fontes socialistas.

Co fin do estado de alarma o domingo pasado, o Goberno puido iniciar o seu apoio presencial aos candidatos socialistas, como fixo a ministra de Facenda e portavoz do Executivo, María Jesús Montero, que se desprazou a Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) para arroupar a Gonzalo Caballero.

Outros ministros do Executivo implicaranse tamén na campaña nos próximos días. É o caso da vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, que ten previsto visitar Euskadi o xoves, como fará o venres o titular de Interior, Fernando Grande-Marlaska, en respaldo da candidata socialista a lehendakari, Idoia Mendia.

Nun primeiro momento valorouse a posibilidade de que Sánchez fixese campaña en Euskadi o venres, pero é posible que ese día teña lugar un Consello de Ministros extraordinario no caso de que o Goberno alcance un acordo con patronal e sindicatos sobre a prórroga dos ERTEs.

OS OBXECTIVOS DO PSOE

Os socialistas aspiran a poder reeditar o Goberno de coalición liderado polo PNV en Euskadi, á vez que rexeitan pactar con Podemos e Bildu aínda no caso de que sumasen, alegando que esa opción aínda non está madura.

En Galicia, as posibilidades do PSdG pasarían por que o 'popular' Feijóo perdese a maioría absoluta e iso abrise a opción de formar un goberno alternativo de esquerdas, aínda que Gonzalo Caballero sostén en público que a súa meta é situar aos socialistas como primeira forza.

Nesa estratexia de debilitar a Feijóo enmárcase os ataques que a ministra de Facenda lanzou o domingo pasado contra o presidente da Xunta, ao que cualificou de representante "da ultradereita" e tentou cuestionar o seu perfil moderado.

Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero
Abel Caballero, Pedro Sánchez e Gonzalo Caballero | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta