En Común denuncia unha campaña turística e dous bonos económicos por "uso partidista" da Xunta en período electoral

Presenta senllas denuncias ante a Xunta Electoral.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2020 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A coalición Galicia En Común-Anova Mareas presentou dúas denuncias ante a Xunta Electoral Galega por "uso partidista" da Xunta polo Partido Popular ao entender que o lanzamento da campaña de promoción turística 'Galicia Volve' e a aprobación de dous bonos económicos (un orientado a autónomos e outro de reactivación da hostalaría) interferen no proceso electoral dos comicios do 12 de xullo.

O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino
O candidato de Galicia en Común á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino | Fonte: En Común.

O candidato da coalición á Presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, acusou o PPdeG de empregar de forma "interesada" a acción de goberno desde a Xunta para sacar "réditos electorais".

En concreto, a candidatura de alianza entre Podemos, EU, Anova, Compostela Aberta e Marea Atlántica considera que a campaña de promoción turística 'Galicia Volve', presentada o pasado sábado polo propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, vulnera a Loreg por ser lanzada en período electoral (a lei estipula que vai da convocatoria oficial ao día das eleccións) e por "tratar de apropiarse con fins exclusivamente electoralistas" de "logros de xestión" e de elementos patrimoniais de Galicia como "praias, paisaxes ou gastronomía".

Por iso, solicitan a retirada da campaña dos perfís oficiais do Goberno galego en redes sociais e dos anuncios en prensa e televisión, así como a apertura dun expediente sancionador "incluso dando traslado a Fiscalía, por se a actuación puidese ser constitutiva de ilícito penal no ámbito electoral".

Ademais desta campaña, Galicia En Común tamén considera irregular a aprobación a semana pasada polo Consello da Xunta de dúas medidas económicas "de elevado custo": o 'Cheque Autónomos Seguimos Adiante' dotado con 16 millóns de euros e o 'bono hostalaría' destinado a profesionais sanitarios e residencias.

Na súa denuncia ante a Xunta Electoral, a coalición considera que en ambos os casos o PP trata de "capitalizar" o seu labor na Xunta con fins electoralistas empregando "fondos públicos" con "intereses partidistas", o que supón "unha vulneración flagrante" da lei electoral.

En palabras de Gómez-Reino, o presidente galego "despois de tres meses de auténtica inacción" emprega agora "de forma claramente partidista, maliciosa e corrupta" a acción de goberno "de forma interesada e en contra dos galegos" para sacar réditos nas urnas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta