Monedero, de campaña en Galicia: "Necesitamos os territorios"

Gómez-Reino enxalza o traballo de Yolanda Díaz: "É un orgullo que sexa unha muller galega quen planta aos poderes económicos".

Por Europa Press / Redacción | Vilagarcía de Arousa | 02/07/2020 | Actualizada ás 22:14

Comparte esta noticia

O cofundador de Podemos Juan Carlos Monedero fixou como próximo obxectivo do proxecto político entrar nos gobernos autonómicos, a "pata pendente" da esquerda estatal agora que, como apuntou, forman parte do Executivo central en coalición co PSOE, para quen tivo críticas nun acto de campaña de Galicia En Común-Anova Mareas en Vilagarcía de Arousa.

Mitin de Galicia en Común en Vilagarcía con Juan Carlos Monedero e Antón Gómez-Reino
Mitin de Galicia en Común en Vilagarcía con Juan Carlos Monedero e Antón Gómez-Reino | Fonte: Europa Press

Ante un cento de persoas, o cofundador de Podemos, que chegou ao lugar ao berro de "si se pode", arroupou ao candidato á Presidencia da Xunta pola coalición, Antón Gómez-Reino, que destacou a Monedero como "un imprescindible" do espazo político.

Monedero foi o primeiro referente estatal da candidatura que participou na campaña do 12 de xullo, que contará coa participación dos ministros de Unidas Podemos (a excepción do titular de Universidades, Manuel Castells) nos próximos días.

O cofundador do partido morado puxo en valor as medidas postas en marcha neste seis meses de goberno de coalición no Estado e fixou como novo obxectivo da organización entrar nos executivos autonómicos, empezando polas eleccións galegas e vascas que teñen lugar este 12 de xullo.

"Somos unha forza política, xunto con Anova e as mareas, que naceu para gobernar. Éncheme de orgullo e tamén de responsabilidade saber que somos goberno. Agora empeza outra etapa na que, estando no goberno, necesitamos os territorios. Somos un país plurinacional; un país autonómico, que é coma se fose federal. Esa é a pata pendente", incidiu.

O profesor de Ciencia Política tamén aproveitou para cargar contra o aspirante á reelección polo PP, Alberto Núñez Feijóo, ao que tachou de "covarde" e "mentireiro" porque "tivo a ocasión de plantarlle cara" a Pablo Casado para "segundo dicía el, facer unha dereita máis actual" e "non se atreveu".

Tras afear que Vox "usase o nome de Castelao en balde" durante a campaña galega, Monedero recoñeceu que "non é sinxelo" o papel de Unidas Podemos en "minoría" nun goberno "sen maioría absoluta", aínda que afirmou que non renuncian ao imposto ás fortunas ou a investigar no Congreso ao rei emérito. "Outra cousa é que o PSOE non quixese", espetou nunha das varias críticas que lanzou cara aos socialistas, de quen subliñou que contan "cunha alma liberal" dentro do partido.

"Tomámonos moi en serio os nosos soños. Montamos un goberno para gobernar este país pero non para tragarnos sapos. Temos que ser conscientes do que somos capaces, do que podemos e o que non. E vaia se conseguimos cousas", engadiu, antes de enxalzar a figura das ministras Yolanda Díaz e Irene Montero, "que traballan para terminar coa desigualdade" en España.

"Tentaron tombar o Goberno coa crise da Covid-19. España foi o único país do mundo no que a culpa non era do coronavirus, era do 8 de marzo, das mulleres. Entenderon perfectamente que as mulleres son o factor que vai cambiar os nosos países e non soportan que esteades empoderadas", aseverou.

GÓMEZ-REINO

Do mesmo xeito que Monedero, Gómez-Reino tamén se detivo no papel exercido pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, --que aterra este venres na campaña galega cun acto en Ourense-- desde a súa chegada ao Executivo central.

"Claro que se nota que está Yolanda Díaz no Goberno. Claro que se nota que hai unha ministra que usa o ministerio en defensa das maiorías sociais. Unha muller que planta cara aos poderes económicos deste país", apostilou o candidato, que definiu a Monedero como "un imprescindible, un referente que sempre está cando se lle necesita".

Gómez-Reino apelou a conseguir en Galicia a partir do 12 de xullo "unha Xunta que mire ao Goberno do Estado" para dar solucións aos traballadores do Sergas "que teñen contratos de día" ou "sentar" ao director de Abanca, Juan Carlos Escotet, "e dicirlle que non pode ser que se cobren cláusulas abusivas".

A cabeza de lista da coalición comprometeuse a impulsar desde a Xunta "dunha vez por todas o saneamento das rías, que Feijóo só coñece dos seus paseos no iate de Marcial Dorado" ou crear un plan de vivenda para "que todo menor de 35 anos que así o desexe poida emanciparse cun aluguer".

Para pechar a súa intervención, Gómez-Reino insistiu en lanzar unha alegación á participación como clave para a "maioría progresista" en Galicia: "Sempre que a xente vai votar hai maiorías progresistas neste país. Hai que dicirlle á xente que se vai votar, Feijóo perde".

EVA SOLLA, EVA FIGUEROA E MARCOS CAL

Tamén interveu a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Eva Solla, que puxo o acento en que "a elección non está en escoller un goberno para catro anos", senón que está en xogo "deixar atrás o pasado e escoller un país que aposta polo futuro, polas residencias públicas e por non deixar morrer aos seus maiores en centros privatizados".

Pola súa banda, o número dous por Pontevedra da coalición, Iria Figueroa, que avanzou o apoio da candidatura á manifestación pola sanidade pública convocada para este venres en Vilagarcía, coincidindo con "a chegada do discurso do odio" en alusión á organización dun mitin Vox no que participará o deputado Iván Espinosa de los Monteros. "Esas son as prioridades de cada un e quedarán claras", espetou.

"A vacina contra a Covid-19 tiñámola no medio ambiente e estámosnolo cargando", manifestou o número tres pola provincia pontevedresa e exdiputado, Marcos Cal, que apelou a combater o "proceso desmovilizador" que, di, busca a dereita nestas eleccións. "Pódese botar a Feijóo como se puido botar a Fraga", exclamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

7 Daniel F. Noquerol

Agora votede á xente de esquerdas. Soldo de Eva Solla no 2018; 97.917 euros. Non hai recortes. https://www.parlamentodegalicia.es/...

6 Gamela

Mentres Eva Solla siga bloqueando as contas da cidadanía excusa de seguir a facer campaña, e o mesmo sucede con Abel Caballero e Carmela Silva (socios de coalición) Esta xente está collendo os peores vícios de calquera democracia: considerar que os votos son válidos para facer o que lles pete ao día seguinte das votacións (?) Así non temos democracia temos outra cousa moi fea... Ditaduras encubertas !!! Senon que llo digan a Putin en Rusia (?) Galapagar non é Republicano !

5 Fidel

Territorio, como dicía a Xunta no intercelta de Lorient (e ata os franceses recoñecíannos como país...). Un mandrileño e os seus cipaios das colonias...

4 Papagayo Roldán

Que ben Monedeiro xa lle fastidiaches o mitin a Tone dicindo o que pensabas

3 Alienao

Os chauvinistas din territorios porque sería moi revolucionario dicir povos (forma correcta para definir ás sociedades con lingua e cultura propia que habitan un lugar determinado da península ibérica).