A Fundación Fragas do Mandeo, unha década ao coidado dos espazos naturais das Mariñas

A entidade, perante o seu aniversario, agradece "o esfozo" dos numerosos voluntarios que acoden ás súas xornadas e anuncia unha charla telemática para facer balance deste tempo de traballo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2020 | Actualizada ás 20:49

Comparte esta noticia

A Fundación Fragas do Mandeo celebra o seu aniversario o próximo día 6 cunha charla na que fará o balance de toda unha década de traballo. Malia as limitacións impostas polo confinamento, no que vai de ano, esta asociación conseguiu retirar máis dunha tonelada de especies exóticas invasoras e tres toneladas de lixo. A súa intensa actividade convértea no referente en actuacións de conservación na bisbarra.

Voluntariado de Fragas do Mandeo limpando a zona
Voluntariado de Fragas do Mandeo limpando a zona | Fonte: Fundación Fragas do Mandeo

Aínda que orixinalmente tiñan previsto celebrar esta cita con actos presenciais, finalmente a entidade a prol dos espazos naturais da comara coruñesa das Mariñas decidiu optar por unha charla telemática para evitar riscos ante a Covid. As persoas interesadas poderán atendela o luns, día 6, ás 20:30 horas a través de Internet. Ademais, a charla tamén poderá visualizarse en diferido a través da web da fundación. 

O BALANCE DUNHA DÉCADA

Durante a charla, a Fundación Fragas do Mandeo repasará todo o traballo feito desde a súa constitución. "Falaremos das dúas reservas que temos creado, a do Catorce e a do Ollo da Roda, das dez hectáreas de monte nas que eliminamos os eucaliptos e restauramos o bosque autóctono, da nosa loita contra máis de trinta especies exóticas invasoras, da recollida periódica de lixo en 45 km de ribeira dos nosos ríos, en tres praias e dúas marismas...", explica a entidade mediante un comunicado.

ANTES DO CONFINAMENTO

Durante este último ano, a pesar da paréntese do confinamento, levan retirado nos espazos naturais da bisbarra máis de tres toneladas de lixo e de entullos (3.043,5 kg) e máis dunha tonelada de biomasa de 20 especies exóticas distintas (1.241,5 kg).

Voluntarios de Fragas do Mandeo
Voluntarios de Fragas do Mandeo | Fonte: Fundación Fragas do Mandeo

Neste tempo, explican, traballaron en varias ocasións na Reserva de Anfibios do Catorce (Coirós), onde eliminaron manualmente os rebrotes dos eucaliptos que cortaran o ano pasado nunha superficie de dúas hectáreas, co obxectivo de secar os seus cepos definitivamente. Ademais, na reserva do Ollo da Roda (Oza-Cesuras), o principal traballo foi cortar 16 chopos híbridos mediante técnicas especializadas para non danar o arborado autóctono circundante e plantar árbores autóctonas.

No río Mandeo fixeron en dúas ocasións o traxecto de ida e volta dende O Tope ata a ponte de Teixeiro, onde cargaron co lixo e a biomasa atopados. Do mesmo xeito, no río Mendo fixeron outras dúas limpezas e nas praias da Abeleira, da Alameda e Grande de Miño retiraron case media tonelada de lixo (497,5 kg) e algo máis de biomasa de invasoras (753 kg) de cinco especies invasoras distintas.

O traballo na marisma da ría de Betanzos foi realizado no entorno do observatorio ornitolóxico de Souto, onde en dúas xornadas retiraron máis dunha tonelada de lixo (1.086,5 kg). Por último, tamén visitaron Sobrado para facer labores de mantemento e limpeza do observatorio ornitolóxico e da contorna da lagoa, así como a reserva do Ollo da Roda, sumando á lista outros 48,5 kg de lixo.

DESPOIS DO CONFINAMENTO: MENOS LIXO

"Durante o confinamento a nosa preocupación era o avance das especies exóticas invasoras", indican. Cando a relaxación das medidas de confinamento lles permitiron volver traballar, os membros e voluntariado da fundación percorreron de novo todas as zonas de actuación. Neste caso salientan o pouco lixo atopado (219,5 kg). Por unha banda, porque non houbo enchentes nin temporais que arrastraran refugallos dende as limpezas que fixeran antes do confinamento; e por outra, porque a ausencia de visitantes evitou o lixo que adoita acompañalos. 

IMPLICANDO A CIDADANÍA

Estes resultados foron obtidos, indican, "grazas ao esforzo dos numerosos voluntarios que acoden ás xornadas que programa periodicamente Fragas do Mandeo". De feito, o colectivo anuncia que está organizada para este domingo, día 5, unha xornada de voluntariado na Reserva de anfibios do Catorce para eliminar a xunca olorosa, unha invasora de orixe americano. As prazas xa están esgotadas, mais a Fundación Fragas do Mandeo deixa un correo electrónico (correo@fragasdomandeo.org) e un teléfono de contacto (981 105 903) a disposición de quen queira informarse de futuras convocatorias.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta