Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2020 | Actualizada ás 13:39
Nomes do galeguismo e nacionalismo non militante do BNG, aínda que nalgúns casos son persoas que estiveron vinculados á formación en épocas anteriores, impulsaron un manifesto no que reivindican o autogoberno "como ferramenta para saír da crise sanitaria e económica" que deixa a covid-19 e no que apelan ao voto á candidata Ana Pontón.
Así mesmo, no escrito, advirten da necesidade da "blindaxe dos servizos públicos sociais, sanitarios e educativos" e a necesidade de "reindustrializar o país desde a sustentabilidade ambiental, de coidar a autonomía alimentaria e enerxética, de evitar a dependencia ou de desenvolver adecuadamente o territorio e o medio rural".
Entre os asinantes do manifesto atópanse personalidades que pertenceron á estrutura do bipartito no que participou o BNG, como o que foi o seu vicepresidente, Anxo Quintana, o seu exdirector de Turismo, Rubén Lois, e o seu exsecretario xeral de Relacións Institucionais, Xoán Antón Pérez-Lema . Tamén o asinan exalcaldes nacionalistas, como Manuel Antelo, Xavier Simón ou Rafael Cuíña; o exportavoz parlamentario do BNG Carlos Aymerich e outras persoas do mundo da educación ou da sanidade.
O texto afirma que as "esixencias cívicas" obrigan ao compromiso político "inmediato" e outórganlle, por iso, a súa "confianza á proposta soberanista do BNG e de Ana Pontón". Engaden, iso si, que despois do 12 de xullo "é preciso ampliar a base social e política do galeguismo" desde os valores do republicanismo cívico, a participación cidadá, a afirmación da identidade, a economía mixta, a centralidade e transversalidade, a inclusión e a integración social, a igualdade e o desenvolvemento sustentable", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.