Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/07/2020 | Actualizada ás 13:30
A asociación ecoloxista Verdegaia vén de denunciar que "varios partidos políticos" seguen a enviar propaganda electoral a votantes que pediron ser excluídos dunha práctica que xera "grandes cantidades de lixo". Segundo apuntan nunha nota remitida a medios, determinadas formacións políticas que evitan nomear directamente están a "esquivar" a normativa que contempla a exclusión de máis de medio millón de electores en todo o estado.
Segundo apuntan dende a plataforma, estes partidos buscan unha "porta de atrás" pola que seguir achegando a súa publicidade a votantes obxectores evitanto sinalar no sobre un destinatario concreto pero garantindo que este sexa distribuído ó domicilio da persoa. Ante esta situación, Verdegaia insta ás autoridades a rematar cunha irregularidade que contribúe a agravar o "importante dano ambiental" que, segundo apuntan, supoñen as campañas electorais no medio ambiente.
"LIXO ELECTORAL"
"Na actual situación de crise climática, pensamos que é preciso cuestionarse o xeito en que se organizan as campañas electorais, xa que xeran unha cantidade considerable de residuos, que pensamos que podería reducirse adoptando algunhas medidas" apuntan no comunicado, que recolle un chamamento directo a todos os partidos para reducir o seu "lixo electoral".
Paralelamente, fan un recordatorio de que a páxina do censo electoral está dispoñible para aquelas persoas que prefiran deixar de recibir esta propaganda en futuras convocatorias ás urnas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.