Por Alberto Quian | Madrid | 14/07/2020 | Actualizada ás 22:00
‘Del 15M a Podemos. Rupturas y continuidades en un proceso de incipiente cartelización’. Este é o título do artigo académico que acaban de publicar Bruno González Cacheda e Javier Vázquez Refojos en Inguruak, Revista Vasca de Sociología y Ciencia Política. Un repaso á traxectoria de Podemos ata xusto o momento antes de tocar poder estatal, entrando no Goberno central en coalición co PSOE, tras as eleccións do 10 de novembro de 2019.
Nesta entrevista, feita a dous días das eleccións galegas e vascas do pasado 12 de xullo, falamos con Bruno González Cacheda –profesor da área de Ciencias Políticas da Universidade de Vigo– sobre a actualidade de Podemos e dos resultados deste estudo sobre o partido morado, no que conclúen: “O alto grao de centralismo e verticalidade na toma de decisións, a gran dependencia dos fondos públicos, a creación dunha importante maquinaria burocrática a través da contratación de persoal ou a relación débil e unidireccional entre a organización e as bases serían os gaps máis importantes detectados na nosa investigación. Por contra, a independencia financeira cara ás entidades bancarias, a limitación das grandes doazóns e a transparencia dos seus ingresos e os seus gastos, constituirían as liñas de continuidade máis claras co movemento 15M”.
Cales son os alicerces teóricos e metodolóxicos deste estudo?
O noso estudo parte da teoría do partido cártel de Peter Mair e Richard Katz. Así, realizamos un estudo lonxitudinal sobre o proceso de cartelización de Podemos, partindo do 15M ata finais do ano 2019. O partido cártel é o último estadio da evolución das posicións dos partidos políticos na súa relación co Estado e a sociedade civil; é a forma emerxente e hexemónica na actualidade, caracterizada por unha posición ligada ao aparello estatal e unha desvinculación das bases do partido e da sociedade civil.
O que fixemos foi analizar para o caso de Podemos varias variables propostas por Katz e Mair para esta teoría: o modelo de financiamento, a profesionalización da actividade política, o carácter da militancia (neste caso, dos rexistrados e a relación entre os rexistrados e a elite do partido). A estas catro variables de análise engadimos unha quinta, relacionada co modelo de organización: a distribución do poder (centralizado ou descentralizado).
"A entrada de Podemos no Goberno e a moderación das propostas programáticas son resultado do proceso de cartelización do partido"
E chegan á conclusión de que Podemos é un partido cartelizado…
Si, así é. Nós partimos do 15M e do tránsito de movemento a partido. Xa houbo autores que falaron da institucionalización dos movementos sociais, neste caso do tránsito a través de Podemos. Nós, agora, con este estudo lonxitudinal tentamos explicar como se foi institucionalizando Podemos e que formas adoptou.
É importante destacar –aínda que o noso estudo se fixo antes– a entrada de Podemos no Goberno, que reforza aínda máis esta idea de cartelización do partido. Hai unha cuestión moi importante relacionada precisamente con isto, que é a moderación das propostas programáticas e o achegamento programático entre partidos distintos, neste caso entre Unidas Podemos e PSOE. E aí obsérvase que entre as primeiras propostas de Podemos e as actuais –por exemplo, todo o que ten que ver coa gobernanza europea ou con determinadas propostas económicas– hai importantes diferenzas, xa que se foron moderando substancialmente. E iso é resultado dese proceso de cartelización do partido.
Sectores críticos en Unidas Podemos –algúns xa fóra da formación, como Anticapitalistas– pediron non entrar no Goberno central en coalición co PSOE e facerse fortes e decisivos na oposición, facilitando a investidura de Pedro Sánchez, pero cun apoio crítico, fiscalizador e condicionado ao cumprimento de determinadas políticas económicas e sociais. Entrar no Goberno, foi un erro ou un acerto?
É moi difícil sabelo. A cuestión é que se impuxo o punto de vista máis pragmático da dirección e núcleo duro, artellado arredor do secretario xeral, Pablo Iglesias. Efectivamente, o sector Anticapitalista foi o máis reticente e crítico e prefería adoptar unha posición de apoio crítico á investidura de Pedro Sánchez, manterse na oposición e ir negociando acordos no Parlamento. Pero é difícil calibrar a situación, porque cando Podemos decide entrar no Goberno, o contexto político, económico e social era moi diferente ao que temos agora por mor da crise sanitaria do coronavirus. Supoño que en Unidas Podemos calcularon que terían certa marxe para ir artellando algunhas políticas sociais que será complicado aplicar agora. Lembremos que na crise iniciada en 2008, os primeiros dous anos estiveron marcados por políticas de incremento do gasto público, os recortes non chegaron até 2010; así que non estrañaría que na crise actual a situación vaia ser moi parecida. Veremos como evoluciona a crise e que pasa dentro dous ou tres anos... Pero estar nesa situación, no Goberno, pódelle facer bastante dano a Unidas Podemos.
"A dirección da organización concibe o groso dos militantes principalmente como a Caixa de Aforros do Partido"
Das variables utilizadas no estudo para describir a cartelización de Podemos, unha é o modelo de financiación, sobre o que destacan como as achegas colectivas dos afiliados e os microcréditos perderon peso fronte ás subvencións públicas. De que maneira é determinante a fonte dos cartos?
Por unha parte é lóxico, xa que para o tránsito cara ás institucións e para entrar na contenda política son necesarios certos recursos. Nun primeiro momento, copian prácticas que puxeran en marcha algúns grupos do 15M, como o crowdfunding [microfinanciamento colectivo], como forma de lanzadeira. Pero ao entrar nas institucións públicas pasas a formar parte do sistema de financiación que reciben os partidos con representación en parlamentos, deputacións e concellos. E é lóxico que creza ese tipo de financiación, pero talvez non o sexa que se descompense tanto coas achegas das bases, se queres que teñan certo peso no partido. O lóxico sería que á par que crece a financiación pública crecesen as achegas da militancia para aportar unha boa parte dos ingresos de Podemos, o cal, ademais, faría o partido máis independente do Estado.
Sobre a relación dos inscritos e a elite do partido, sinalan que Podemos se converteu nunha organización cun modelo xerárquico, centralizado e unidireccional, e cunha baixa intensidade da militancia, ao que contribuíu a chamada “máquina de guerra electoral”, din. Como aconteceu? Hai desafección nas bases? É este un factor que podería explicar a caída electoral de Podemos?
Si, así é, esta variable está relacionada coa anterior. A militancia terminou por converterse nunha estrutura líquida e débil, na que os requisitos para entrar a formar parte do partido son moi laxos –só tes que inscribirte nunha páxina web e non require ningún tipo de obriga, aínda que sexa simbólica, no plano económico–. Con todo, é importante distinguir entre o que son as bases e o electorado, e poucas veces hai correlacións entre o que pensan as bases dun partido e o que pensa o electorado. Agora ben, por un lado Podemos abandonou o crowdfunding ao entrar nas institucións e os militantes pasaron a facer contribucións a través duns microcréditos que logo son devoltos a través das subvencións e fondos públicos do Estado, de aí que digamos que a dirección da organización concibe o groso dos militantes principalmente como a Caixa de Aforros do Partido, en substitución dos sistemas de financiación convencionais. E os novos militantes asumen este principio con enorme entusiasmo ao principio e cunha tendencia á baixa a medio prazo. De feito, pódese observar unha clara baixada da militancia, da súa actividade e do seu nivel de participación, pero non podería asegurar que exista unha relación entre iso e a tendencia electoral de Podemos.
"Podemos decidiu adoptar un tipo de estrutura personalizada no secretario xeral, fronte a estruturas máis colexiadas que se puideron ter adoptado"
En canto á “máquina de guerra electoral”, foi unha aposta provisional para crear unha estrutura e organización máis eficientes para competir nas eleccións, e artellouse arredor do secretario xeral e de persoas da súa confianza. Pero o que en principio ía ser algo provisional, logo foi institucionalizado e non se produciron as descentralizacións prometidas ás autonomías e os círculos. Si é certo que se foron creando organizacións a nivel autonómico, pero en boa parte delas interveu o aparato central de Madrid, impoñendo xestoras, o cal indica claramente que o poder real está en Madrid. Neste proceso, a parte máis tocada do partido son os círculos, que nunca se chegaron a estruturar e foron desaparecendo co paso do tempo.
Outra variable que analizan é o nivel de profesionalización no partido, principalmente pola contratación de persoal. Isto, sumado ao crecemento da dependencia do erario público, póñeno en relación coa centralización organizativa, con Madrid como eixo xeográfico e o que chaman “un núcleo irradiador artellado en torno á Secretaría Xeral”. Pode afondar máis nesta idea?
Hai aquí un elemento clave, que é o que eles chaman “maquinaria de guerra electoral”, a cal necesita certos cadros que fagan un traballo para o partido. E aí a fórmula foi a contratación de persoas. Efectivamente, a medida que a penetración nas institucións foi crecendo, as subvencións foron maiores e as contratacións tamén.
En canto á centralización, os datos publicados por Podemos indican que a maior parte de liberados e contratados están na contorna da sede central do partido, cun peso bastante importante en relación cos territorios, os círculos locais… En definitiva, o núcleo de poder de Podemos centralízase fortemente en Madrid, que é onde crecen máis a estrutura do partido e as contratacións.
"Podemos foi gañando peso a nivel estético na coalición Galicia en Común, á par que tamén se foi abandonando o discurso plurinacional e da cuestión do dereito a decidir"
No estudo din que “a configuración de Podemos en forma de máquina de guerra electoral estaría articulada sobre a base dunha importante concentración de poder na figura unipersoal do secretario xeral e o seu núcleo de confianza, e unha forte incapacidade política dos órganos colectivos, como o Consello Cidadán”. Estamos ante un partido personalista ou presidencialista? É un partido dependente de Pablo Iglesias e entregado a este?
Algo que sabemos é que os fundadores de Podemos, e nunca o negaron, se inspiraron para a creación do partido en aprendizaxes que tiveron en Latinoamérica, onde dominan os sistemas presidencialistas e as figuras carismáticas adquiren unha grande importancia nos procesos políticos e electorais.
Podemos decidiu adoptar este tipo de estrutura personalizada no secretario xeral, fronte a estruturas máis colexiadas que se puideron ter adoptado. Con todo, ao principio si había certa pluralidade interna na organización, que se foi configurando na corrente liderada por Íñigo Errejón e os Anticapitalistas… Pero iso tamén se foi perdendo e houbo escisións, incrementándose o poder do secretario xeral e do seu círculo de confianza máis próximo.
Que supuxo para Podemos a marcha de ‘errejonistas’ e anticapitalistas? Foi unha liberación ou unha perda?
Entendo que, por un lado, para Pablo Iglesias debeu supor unha certa liberación, na medida en que o discurso do partido se pode ir compactando máis ao non ter unha oposición interna; agora ben, a nivel de democracia interna, penso que resulta prexudicial na medida en que se reduce a pluralidade.
Repasando a traxectoria de Podemos nas nacionalidades históricas –Galicia, Euskadi e Cataluña–, como se explica a súa relación coa esquerda nacionalista, da que conseguira importantes bolsas de votos e onde está perdendo forza desde hai tempo?
Así é, parece que está perdendo todo o que gañara en sectores soberanistas. Na liña do que comentaba antes sobre a moderación programática, o que parece é que ao abandonar, tamén na práctica, a cuestión plurinacional, Podemos foi deixando no camiño a certo electorado soberanista. Lembremos os problemas que tivo a dirección de Podemos cos sectores máis soberanistas en Cataluña da súa plataforma electoral, algúns dos cales se pasaron a Esquerra Republicana. E en Galicia pasou algo parecido: desde a plataforma En Marea –non coa súa propia marca–, Podemos logrou penetrar con bastante forza en parte do electorado do BNG, e parece que agora eses votantes están regresando ao Bloque Nacionalista. É salientable observar como Podemos foi gañando peso a nivel estético na coalición Galicia en Común, á par que tamén se foi abandonando o discurso plurinacional e da cuestión do dereito a decidir, adoptando unha postura máis centrada e homologable ao que é a esquerda española tradicional.
"O de Anova, que se declara independentista, é o caso máis curioso dos partidos que mantiveron coalicións con Podemos; é dos poucos que seguen aí"
Como se pode explicar que un partido nacionalista como Anova manteña a coalición con Podemos?
Isto débese á decisión de tomar un rumbo nun determinado momento, coa creación de Alternativa Galega de Esquerda, en 2012, xunto con Esquerda Unida, coa que se tenta superar a articulación tradicional e a separación entre a esquerda soberanista e a esquerda federalista, se se lle pode chamar así… Pero as contradicións fóronse multiplicando. Nun principio funcionou porque o peso de Esquerda Unida en Galicia era pequeno e a coalición estaba equilibrada, pero o proxecto empeza a distorsionarse cando aparece Podemos, rachando o equilibro interno entre o polo da esquerda soberanista e o da esquerda española. A Podemos, que entrou con moita forza, lle interesaba o achegamento a ese mundo soberanista porque tiña unha estrutura moi feble en Galicia e carencia de referentes políticos de aquí. Pero tras esa aproximación, comezaron a sucederse os conflitos, en gran medida porque Podemos na práctica non admite nin exerce o que predica sobre a plurinacionalidade.
Cando se articulou En Marea, unha das cuestións fundamentais que se expuxeron foi que se artellase e tivese o seu centro de decisión en Galicia. Aí comezaron as friccións, as contradicións e, posteriormente, as escisións. Con todo, con esas contradicións entre os intereses de Podemos en Madrid e os de En Marea, Anova decidiu permanecer nesa postura.
Posiblemente, o de Anova é o caso máis curioso dos partidos que mantiveron coalicións con Podemos, xa que Anova, que é unha forza que nos seus estatutos se declara independentista, decidiu manterse con Podemos, ao mesmo tempo que Podemos se foi quedando sen aliados e perdendo activos como os ‘errejonistas’, anticapitalistas, Compromís na Comunidade Valenciana ou os seus socios en Cataluña. De toda aquela multiplicidade de actores cos que Podemos comezou unha relación nos seus inicios, Anova é dos poucos que seguen aí, non sen dificultades, como se demostrou nas últimas eleccións xerais, nas que Anova renunciou a ir con Podemos e Esquerda Unida e non presentou candidatura. Pero por que seguen aí? Non teño nin idea… Habería que preguntarllo a eles.
Que opina da controvertida relación entre Podemos e algúns medios e xornalistas, e de que o propio Pablo Iglesias animase os inscritos do partido a financiar a creación dun novo xornal dixital, La Última Hora, dirixido por Dina Bousselham, exasesora de Iglesias?
A verdade é que non teño moita información sobre este novo medio. Pero tampouco é unha novidade que os partidos creen os seus propios medios de comunicación. Sobre a relación entre Podemos e os medios, hai que poñela no contexto político que vivimos nos últimos anos, no que os medios de comunicación están situados en determinados imaxinarios dentro do que se pode chamar o establishment, ao que lle resultan incómodos determinados partidos ou forzas que fan bandeira da súa oposición ás elites. Se analizamos a crecente concentración dos medios de comunicación, a continua entrada nos medios de capital financiero de empresas e fondos alleos ao mundo do xornalismo, e se temos en conta o discurso de Podemos, sobre todo en orixe, a mensaxe do partido choca cos intereses dos que son os propietarios de moitos medios. De aí o conflito…
Como valoración final: pódese manter un modelo tipo 15M nun partido que entra a formar parte das institucións e do poder, ou son inevitables a xerarquización, profesionalización, centralización e dependencia das subvencións públicas?
A xerarquización é inevitable, nun grado máis alto ou máis baixo, en calquera organización sempre hai unha certa xerarquía no reparto de poder. A clave non é tanto a xerarquización como a distribución do poder, que se poder facer de xeito máis concentrada, mesmo con órganos unipersonais, ou se pode facer de xeito máis distribuído. Por exemplo, a nivel territorial o poder pódese distribuír dunha forma máis equitativa entre os diferentes niveis, autonómico e local, e tamén a nivel orgánico, dentro do partido; quero dicir, non é o mesmo un partido cun portavoz e un órgano colexiado que toma as decisións, que un partido cun secretario xeral e un órgano unipersonal con poderes importantes.
Dito isto, evidentemente a institucionalización leva a unha certa xerarquización, profesionalización… Pero a cuestión non é tanto responder se institucionalización si ou non, como o grao de institucionalización ao que se chega. É moi complicado entrar no sistema político, e aínda máis no poder, sen certas estruturas que teñan certa axilidade e eficiencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.