Cacerolada ante a Xunta por "incrementar o risco de contaxio" do alumnado para "non gastar un peso"

Centos de profesores e representantes sindicais encheron San Caetano para esixir a retirada do protocolo da Consellería de Educación para o regreso ás aulas en setembro.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

Aínda que a cacerolada estaba marcada para as 11:30 desta mañá, arredor das 11:20 xa eran audibles os golpes metálicos na arboreda de San Caetano. Varios centos de persoas -convocados por CIG, CCOO, CSIF e a Confederación de Anpas Galegas- facían soar potas, cazolas e olas en rexeitamento ó protocolo disposto pola Consellería de Educación para o regreso ás aulas. Os máis preparados trouxeran bombos e pandeiretas, e arredor das 12 menos vinte achegábase á masa de xente -todos ataviados con máscaras- tres mozos provistos cunha gaita que xa ía soando de camiño.

Cacelorada de profesores ante a Xunta contra o protocola da Consellería
Cacelorada de profesores ante a Xunta contra o protocola da Consellería | Fonte: GC

Entre tanto barullo, os convocantes tiveron que facer soar un altavoz para pedir un silencio xeral co que atender as declaracións dos medios; entre eles varias televisións de ámbito estatal. "Estamos ante unha medida temeraria e incompetente da Xunta de Galicia", defendeu Suso Bermello, Secretario Nacional de CIG Ensino. "Todas as decisións tomadas pola Consellería neste aspecto redúcense a un criterio: non gastar un peso máis en educación, poñendo en risco a presencialidade do curso que vén, pero tamén a teledocencia", apuntou en referencia á ausencia dun plan para reverter a "ruptura da equidade" que ao seu ver tivo lugar como consecuencia da educación a distancia nos meses do confinamento.

Nunha dimensión semellante pronunciouse Luz López, Secretaria Xeral da Federación de Ensino de Galicia, que xustificou o abandono por parte das agrupacións sindicais da mesa de negociación proposta pola Xunta, tratándoa de "paripé". "Cando realmente se quere negociar non se presenta un documento desta índole e con menos de 48 horas de antelación", destacou, subliñando que a mesa tan só era un "trámite" para a Consellería de cara á aprobación do proxecto.

PROTOCOLO "DE COSTAS" ÓS DOCENTES

A deste mércores é a primeira das dúas mobilizacións anunciadas polos sindicatos para protestar contra un protocolo que, consideran, non achega garantías suficientes para protexer a saúde de profesorado e alumnos. Por este motivo, as catro organizacións que integraban a mesa de negociación coa Xunta decidiron abandonar a mesa "nada máis comezar" esta por terse desenvolto o protocolo "de costas" á comunidade educativa. O elemento máis denunciado por profesores e sindicatos é a distancia esixida nas aulas, de apenas 1 metro, por debaixo do recomendado polo propio Ministerio de Sanidade.

No transcurso das declaracións dos convocantes, se ben desapareceu o ruído enxordecedor dos metais, foi xurdindo paseniño un rumor entre os convocados. Unha nai falando cos seus fillos, dous homes discutindo -de boa forma- o descenso do Dépor, unha muller tocando a frauta doce xusto ao carón dos medios de comunicación. Un pouco máis adiante, varias persoas posando cunhas mochilas de sulfatar nas que se podía ler "protocolo anticovid da Xunta". E logo, á sinal dos convocantes, de novo o barullo metálico e as bandeiras ao aire.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Manuel..

Supoño que convocarán folga de cero a vintecatro para todo o mes de Agosto.

1 Mestre

Vaia parvada!