Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2020 | Actualizada ás 21:15
Finalizou o micro financiamento co que a escola Semente de Compostela procurou (e atinguiu) o apoio económico entre a cidadanía para reformar un novo edificio que reúna o alumnado de infantil e primaria en Moas. Un total de 750 persoas co-financiadoras puxeran a súa pinguiña para atinguir 160.000 euros, superando en 30.000 a cantidade óptima.
A Escola Semente é un proxecto autoxestionado, sen ánimo de lucro e que desenvolve un modelo de inmersión e protección lingüística dentro das aulas e un proceso comunitario de socialización do galego nos espazos extraescolares.
O Proxecto Moas conseguiu en quince dias máis de 350.000 euros en avais de centos de persoas que deran o seu apoio económico ao proxecto. Despois deste primeiro paso, procurou axuda económica a través de doazóns e o crowdfunding ou microfinanciamento.
Ao longo deste tempo chegaronlles apoios desde distintos lugares do planeta que se poden ver na canle de YouTube do Proxecto Moas. Para a ocasión, reuniuse apoio de profesorado de escolas de inmersión e activistas en defensa das linguas minorizadas de diversos pobos.
Tamén recibiron apoio de persoas coñecidas da cultura internacional, como o pedagogo Francesco Tonucci, e galega, como o autor Amador Arias, protagonista do filme O que arde, de Oliver Laxe, o dramaturgo Quico Cadaval, a cineasta e catedrática Margarita Ledo, o profesor e investigador Ángel Carracedo, a zoqueira Elena Ferro, ou as músicas Guadi Galego, Tanxugueiras ou Paco Nogueiras, quenes ofrecen recompensas como concertos en exclusiva.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.