Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2020 | Actualizada ás 12:39
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este luns a orde que regula as bases da primeira edición da Bandeira Verde de Galicia, un distintivo de boas prácticas ambientais posto en marcha pola Xunta e que os concellos poderán solicitar desde este martes e ata o próximo 21 de setembro.
En concreto, poderán optar a esta cualificación "todos os municipios da Comunidade que acrediten a realización de actividades que incidan na protección paisaxística e ambiental da súa contorna", tal e como explica o Goberno galego.
Será a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), a encargada de analizar cada unha das candidaturas presentadas, cunha valoración previa das memorias de cada concello, que servirán como selección inicial.
Unha vez teñan os expedientes completos, haberá un xurado --presidido polo director do IET, Guillermo Evia-- que valorará as solicitudes de acordo cos criterios fixados na orde publicada este luns no DOG.
Neste sentido, a Bandeira Verde de Galicia outorgarase segundo as accións levadas a cabo en catro ámbitos: protección da paisaxe, cambio climático e eficiencia enerxética, xestión responsable de residuos, e accións de sensibilización e comunicación.
Entre algunha das vantaxes que outorga aos municipios este distintivo é que constituirá un mérito a efectos de optar a subvencións en materia de patrimonio natural.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.